Carta dos bispos de Galicia animando aos pais a solicitar Ensinanza Relixiosa na escola

Queridos Pais/Nais

Un ano máis dirixímonos a vós e a toda a comunidade cristiá con motivo da Xornada Diocesana sobre o Ensino Relixioso na Escola. En datas próximas teredes que decidir sobre a petición do Ensino Relixioso Católico para os vosos fillos nos centros educativos. Con este motivo os bispos da Igrexa en Galicia queremos lembrarvos algúns aspectos fundamentais respecto da presenza da relixión no sistema educativo.

1.- É un dereito exclusivo de vós, pais e nais. Na educación dos vosos fillos sodes vós os que tedes ese dereito. Así o recoñecen a Constitución Española (art. 27,3), os Acordos Internacionais entre a Igrexa e o Estado español (art. 1,1), e todas as Leis educativas que se implantaron en toda Europa. Vós tedes que orientar a educación dos vosos fillos. É un dereito fundamental voso.

2.- A materia de relixión na escola non é unha concesión benévola dun Goberno. Todo goberno e as institucións educativas, sociais e sindicais deben respectar o dereito dos pais a que os seus fillos sexan educados segundo as súas conviccións relixiosas e morais. Este dereito debe ser recoñecido e aceptado, e hase de garantir o seu cumprimento.

3.- Sen dúbida están a xurdir voces contra a presenza da relixión no sistema educativo. Algúns están interesados en non darlle cabida no ámbito educativo. Certamente hai que subliñar que o ensino relixioso contribúe á formación integral da persoa. Ante determinadas formulacións tedes que favorecer a auténtica educación dos vosos fillos.

4.- A finalidade da educación relixiosa escolar pretende axudar aos vosos fillos a: desenvolver unha formación integral, proporcionar criterios e valores cristiáns que configuren a súa personalidade descubrindo o sentido da vida, favorecer a relación entre fe e cultura nunha visión cristiá da vida, capacitar para o diálogo respectuoso e construtivo con outras tradicións relixiosas, ofrecer en diálogo coas demais materias a resposta cristiá ás grandes preguntas da vida e dar a coñecer a Xesucristo e á súa Igrexa.

Consideramos que a formación relixiosa na Escola é unha achega necesaria para a mellor educación dos vosos fillos. Certamente é sempre unha opción libre.

Tratade de que crezan cunha cultura impregnada da formación relixiosa católica!

5.- Facemos unha chamada á vosa responsabilidade educativa. Procurade solicitar, para os vosos fillos, o ensino da Relixión Católica nos centros educativos. É unha consecuencia do compromiso cristián que asumistes ao bautizar aos vosos fillos.

Solicitade libre e responsablemente o ensino relixioso para os vosos fillos!

6.- É necesario que, desde as nosas comunidades deamos un impulso á educación cristiá. O gran esforzo ha de orientarse a que a familia, a parroquia e a escola traballen en colaboración para unha mellor educación.

Co noso agradecemento e apoio aos sacerdotes, aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na educación dos vosos fillos e alumnos, bendicímosvos con afecto no Señor e encomendámosvos nas nosas oracións.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: