Carta dos Bispos de Galicia co gallo da campaña de sensibilización para a matriculación na materia de Relixión católica

Queridos pais e nais:

Saudámosvos de novo, a vós e a toda a comunidade cristiá, con motivo da Xornada Diocesana sobre o Ensino Relixioso na Escola, neste tempo no que se abre o proceso de matriculación para o próximo curso escolar 2023/2024.

Como ben sabedes, todos os centros educativos teñen obrigación de ofertar esta materia e, vós como pais, tedes a opción de escollela.

Sendo conscientes de que a nosa sociedade actual vive nunha profunda crise de valores e que a presenza da Relixión no ámbito público se quere silenciar cada día máis, é especialmente importante que, como cristiáns, fagamos valer o noso dereito para estar presentes nas aulas, e iso soamente é posible se existe demanda da materia.

A materia de Relixión ten como obxectivo a educación integral do alumnado, tanto a nivel de cultura relixiosa, como a nivel de valores. Así mesmo, é importante a súa dimensión de acompañamento persoal, que axuda ao alumnado para crecer en todos os seus ámbitos: humano, espiritual, cultural e ético.

A misión da materia, así mesmo, é ofrecer un coñecemento crítico e maduro da fe cristiá, no marco dun diálogo interdisciplinar entre o evanxeo e a cultura humana, á poboación en idade escolar, pretendendo que a mensaxe cristiá, que é o que fragua a nosa cultura, forme parte da formación que os vosos fillos e fillas reciben no colexio e no instituto.

Vós, como pais e nais, asumistes no momento do bautismo dos vosos fillos a responsabilidade de educalos na fe. Para facilitarvos este compromiso, ademais da educación cristiá que lles ofrecedes en casa, a Igrexa pon á vosa disposición o ensino relixioso escolar, cun profesorado doctrinal e pedagóxicamente formado, como complemento da vosa irrenunciable responsabilidade educativa e expresión do dereito, como pais, a educar aos vosos fillos conforme ás propias conviccións e crenzas.

Animámosvos, pois, a que matriculedes aos vosos fillos na materia de Relixión, xa que non soamente lles axudará a crecer como cristiáns, senón tamén como persoas.

Co noso agradecemento e apoio aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na educación dos vosos fillos e alumnos, bendicímosvos con afecto no Señor e encomendámosvos nas nosas oracións.

+ Francisco José, Arcebispo de Santiago

+ Luís, Bispo de Tui-Vigo

+ Alfonso, Bispo de Lugo

+ José Leonardo, Bispo de Ourense

+ Fernando, Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: