Carta enviada por Fr. Manuel Varela ofm, misioneiro en Venezuela, á Delegación Diocesana de Misións

fr-manuel-varela-sanchezEstamos na Semana Misioneira. Vivo na Diocese de Guanare, coa que colaboro no labor pastoral. Estou nunha Parroquia rural, de altas montañas, fundamentalmente produtores de café e plátanos. O territorio diocesano é maiormente plano. Estes días pasados o Sr. Bispo diocesano invitaba aos poucos sacerdotes da Diocese, que son todos novos, emular o espírito misioneiro de todos os anteriores sacerdotes. Cheguei aquí no ano 1997. Todo eramos estranxeiros: diocesanos de Colombia e Cuba, franciscanos de Galicia, Josefinos de México e Centroamérica, franciscanos conventuais de Italia. Eran nativos venezolanos o Bispo e o Vicario, pero nin sequera oriundos do territorio diocesano. Hoxe quedamos poucos de fóra e van xurdindo as vocacións sacerdotais autóctonas. Tamén entre nós os franciscanos ofm, que somos tres, queda só a miña persoa, chegado de Galicia. Para os que seguimos a chamada a romper fronteiras coa Palabra do Evanxeo, é unha alegría ver que o labor misioneiro consolida a vida a Igrexa, a nosa comunidade de fe ao servizo de calquera lugar do mundo e de todas as culturas. A experiencia persoal de vivir e contribuír a unha Igrexa local en formación, xunto con sacerdotes diocesanos misioneiros e frades de varias ordes e congregacións, lévame a dar grazas a Deus pola satisfacción dun labor que impulsou e tamén viu o resultado de toda a entrega e o esforzo por servir e amar ao pobo que busca a Deus, dentro de tan variados criterios. Hoxe estamos nunha situación moi precaria no económico, pero principalmente en gravísimo deterioro social e político, que compromete moito e delicadamente o noso labor. Temos que soster servizos de solidariedade e acompañar os sufrimentos, tamén as esperanzas, de quen esperan unha Venezuela nova. Oramos cada día para que o Señor nos ilumine, a fin acertar a colocar axeitadamente o Evanxeo ao servizo do diálogo, a convivencia e avanzar sen violencias extremas. Por outra banda, a a actividade de evanxelización e pastoral é apremiante. Por todo iso, creo que unha Igrexa que se considere misioneira, abrirá moitas novas realidades, e isto desexámolo tanto para os novos mundos, como para os territorios de tan vella data cristiá como pode ser a miña Diocese nativa, Lugo.

Imos terminar, imitando ao Papa Francisco: “recen por min”

Un fraternal abrazo

Saúdos de Paz e Ben

Fr. Manuel Varela ofm

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: