Carta pastoral con motivo do “Día mundial do traballo decente”

Queridos irmáns,

O pasado día 29 de xuño de 2009 o papa Benedito XVI publicou a encíclica Cáritas in Veritate que insistía con forza na dignidade do traballo humano e, en particular, no que significa un traballo decente para a vida de todos. Con ocasión do Día mundial do traballo decente”, que será o próximo 7 de outubro, queremos recordar hoxe as súas verbas:

 “Ó considerar os problemas do desenvolvemento, resaltarase a relación entre pobreza e desocupación. Os pobres son en moitos casos o resultado da violación da dignidade do traballo humano, ben porque se limitan as súas posibilidades (desocupación, subocupación), ben porque se devalúan «os dereitos que flúen do mesmo, especialmente o dereito ó xusto salario, á seguridade da persoa do traballador e da súa familia».

Por isto, xa o 1 de maio de 2000, o meu predecesor Xoán Paulo II, de venerada memoria, con ocasión do Xubileo dos Traballadores, lanzou un chamamento para «unha coalición mundial a favor do traballo decente», alentando a estratexia da Organización Internacional do Traballo. Desta maneira, daba un forte apoio moral a este obxectivo, como aspiración das familias en tódolos países do mundo.

Pero, que significa a palabra «decencia» aplicada ó traballo? Significa un traballo que, en calquera sociedade, sexa expresión da dignidade esencial de todo home ou muller; un traballo libremente elixido, que asocie efectivamente ós traballadores, homes e mulleres, ó desenvolvemento da súa comunidade; un traballo que, deste modo, faga que os traballadores sexan respectados, evitando toda discriminación; un traballo que permita satisfacer as necesidades das familias e escolarizar ós fillos sen que se vexan obrigados a traballar; un traballo que consinta ós traballadores organizarse libremente e facer oír a súa voz; un traballo que deixe espazo para reencontrarse adecuadamente coas propias raíces no ámbito persoal, familiar e espiritual; un traballo que asegure unha condición digna ós traballadores que chegan á xubilación.” (nº 63)

A partir de aí varias organizacións da Igrexa Española como Confer, HOAC, Justicia y Paz, Juventud Estudiante Católica, Juventud Obrera Cristiana e Cáritas puxeron en marcha a plataforma “Igrexa polo Traballo Decente”, que vén realizando xa por cuarto ano consecutivo diversos actos ao redor deste “Día mundial”.

Nos tres primeiros anos organizou os actos en Lugo a nosa Cáritas Diocesana, pero a convocatoria deste ano faise conxuntamente por Cáritas, Confer, HOAC e a Fundación JUAN SOÑADOR.

Coa ocasión da celebración deste Día tomaranse na nosa Diocese as seguintes iniciativas:

· Campaña de sensibilización: “El Trabajo Decente no es un cuento – Relatos para la reflexión”.

· Vixilia de oración o día 4 de outubro ás 19:00h na parroquia de San Francisco Javier.

· Proposta de presentar esta Xornada ós fieis nas celebracións dominicais do 7 de outubro.

· Mesa Redonda co título “El Trabajo Decente no es un cuento”, moderada polo Delegado de Apostolado Seglar, Rvdo. D. Xesús Anxo Fernández Aira, o día 8 de outubro ás 19:00h no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo.

Para calquera persoa, traballar significa expresar a súa creatividade, ser membro activo da sociedade, gañarse a vida dignamente e poder tamén ser solidario, e deste xeito aportar ó Ben Común. Todos podemos experimentar así que hai máis alegría en dar ca en recibir.

Ademais do dito, para un cristián é colaborar coa obra do Creador que deixou a natureza nas nosas mans, é unha maneira moi real de cumprir o mandato do amor, atendendo ao ben dos seres queridos e do próximo. Así o noso traballo está chamado a ser testemuño de caridade verdadeira, que se expresa como honestidade, seriedade e fraternidade.

Esta xornada invítanos a todos a que recordemos e defendamos a dignidade do traballo humano, a importancia que ten para a vida de cada un e de toda a sociedade, e logo a necesidade de que no noso mundo tan globalizado todos teñan un traballo e que este sexa digno e decente segundo nos explicaba o Papa Benedito.

Para levar adiante esta tarefa imploro a forza do Espírito, que sosteña o noso camiñar fraterno na verdade e na caridade.

Que Deus bendiga o traballo de todos nós.

+ Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

[Ver carta en castelán]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: