Comunicado da Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC)


A HOAC rexeita que o dereito á saúde das persoas traballadoras sexa subordinado á primacía da rendibilidade

Para este movemento de traballadores da Acción Católica especializada, o fallo do Alto Tribunal é inxusto e está na lóxica de considerar ao ser humano «como un ben de consumo, que se pode usar e logo tirar», como denuncia o papa Francisco.

A Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC) considera que a sentenza do Pleno do Tribunal Constitucional, que permite o despedimento por causas obxectivas se hai faltas de asistencia xustificadas pero intermitentes, sitúa ás persoas traballadoras ante un maior sometemento nas condicións de traballo, e así outorga aínda unha maior prioridade ao criterio económico.

Para a HOAC, esta sentenza é claramente un retroceso ao traballo “libre, creativo, participativo e solidario” (Evangelii gaudium, 192) onde o ser humano expresa e acrecenta a dignidade da súa vida. Desta forma o traballo convértese nun lugar de opresión, determinado polas leis e normas establecidas para que as condicións laborais dos traballadores e as traballadoras se sometan ao criterio de rendibilidade, onde o que importa é a ganancia. Na orixe da sentenza está o redactado da reforma laboral do ano 2012 ao artigo 52. d do Estatuto dos Traballadores, que endureceu as condicións laborais ao suprimir a referencia ao volume de inasistencias total do persoal no centro de traballo. Desta forma, ademais da indefensión que provoca, culpabiliza á persoa por enfermar e ter «faltas de asistencia ao traballo, aínda xustificadas pero intermitentes, que alcancen o 20% das xornadas hábiles en dous meses consecutivos…» motivando así o seu despedimento obxectivo.

A HOAC considera, desde unha visión antropolóxica cristiá, inxusto este fallo, cando ademais sabemos que polas actuais condicións laborais que teñen principalmente os mozos e as mulleres, maioritariamente precarias, se converte nun motivo máis para relativizar a esixencia dun traballo decente.

Ao mesmo tempo, a HOAC realiza un chamamento ao próximo Goberno de España para que abra procesos que promovan transformar e alcanzar unhas relacións laborais que permitan un traballo digno e, con iso, un modelo de desenvolvemento máis inclusivo, sustentable e solidario.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: