Conclúen as Xornadas Abertas de Teoloxía

Mons. Luís Quinteiro
Mons. Luís Quinteiro (á esqda.), xunto con Mons. Alfonso Carrasco e David Gil

A conclusión das Xornadas Abertas de Teoloxía correu a cargo do Bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, que tratou o tema do “fiel cristián segundo o Concilio Vaticano II”. Sobre a importancia deste concilio dixo o seguinte: a lectura da historia que fixo o Vaticano II é a lectura máis profunda que se ten feito no mundo contemporáneo.

Na época do Concilio, a Igrexa viu a necesidade de abrir as portas para facilitar o encontro con Xesús. E hoxe os cristiáns deben superar as súas coitas intrafamiliares, abrir os ollos ao mundo e proclamar que Xesús é a luz dos pobos.

Para o Bispo de Tui-Vigo, o que hoxe está facendo máis estragos na Igrexa é que vivimos na rúa segundo os criterios da rúa e na Igrexa segundo os criterios da Igrexa; ao final, acabamos perdidos.

Noutro momento da súa intervención, preguntou: por que os avós e as avoas teñen conquistados aos netos? E a resposta: porque están ao seu carón. Pois ben, a mocidade ten que sentir preto dela a catequistas, sacerdotes… E isto faise, entre outras cousas, desde unha unidade de vida.

Mons. Luís Quinteiro constatou que na sociedade actual hai unha demanda fantástica de espiritualidade. Pero ás veces fálase, por exemplo de Oriente, e parecería que a espiritualidade cristiá non tivese interese. Por iso, é unha necesidade imperiosa unha formación na vida espiritual.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: