Crónica do Encontro Mundial da Familia (I)

Corría o ano 1994; era o “Ano da Familia”, promovido pola ONU, pero a cuxa iniciativa Xoán Paulo II quixo que se sumase a Igrexa. Aquel ano, en Roma, tivo lugar o primeiro Encontro Mundial da Familia.

Hoxe, 24 anos despois, celébrase unha nova edición de tan marabilloso encontro, no cal, a familia ocupa o centro de toda a xornada. As diversas actividades (lúdicas, culturais, formativas, de debate, celebracións litúrxicas, exposicións, mostra de diversas iniciativas apostólicas e de acompañamento á familia) buscan colocar á familia no centro da vida e fundamento da sociedade, pero tamén da Igrexa. Se Deus é Trinidade, vive en comuñón, é Amor, así a familia vive de modo análogo esta comuñón e amor.

Baixo o lema “O Evanxeo da familia: Alegría para o mundo” (elixido polo Papa Francisco) reflexiónase sobre a familia a través do último documento pontificio Amoris Laetitia. Os tres grandes momentos do encontro vertebran e dan forma aos diversos capítulos da exhortación apostólica, dando voz a familias e relatores sobre como vivir, celebrar e orar os diversos aspectos. Estes tres actos son: o congreso pastoral (de mércores a venres), o festival das familias (o sábado á tarde-noite) e a Misa conclusiva (o domingo á tarde). O encontro, ademais, contará coa presenza do Papa Francisco, que viaxará o sábado á mañá e regresará a Roma o domingo á noite.

Máis de medio millón de persoas danse cita estes días en Dublín para o Encontro Mundial. E tamén nós gozamos, e seguiremos facéndoo, deste marabilloso e bendicido evento. Acompañádenos coa oración; en especial polas familias, por Irlanda e a Igrexa que peregrina nestas terras, e polo Papa. Nós intentaremos seguir aprendendo e contarémosvos algunha cousa máis destes días.

Nicolás Susena

Sacerdote de Lugo

 

 

 

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: