Presentación do libro Os nosos devanceiros: Quiroga, Ribas de Sil e O Courel

HORARIO E LUGAR: O xoves día 9 ás 12 horas na igrexa parroquial de Quiroga

AUTORES: Jesús Río e Manoel Carrete

CONTIDO: Libro de fotografía en branco e negro dos tres concellos. As fotos foron cedidas por particulares e son de temática diversa: a familia, a festa, a modernidade, o medio, a mocidade, o agro…

PATROCINIO: Este libro non recibiu ningunha subvencion pública, tan só axuda dos emigrantes.

FINALIDADE: Recuperar material fotográfico das terras de Quiroga, Ribas de Sil e O Courel. Conseguir fondos para realizar outras actividades de tipo cultural.

Presenza da arte lucense na exposición “Galicia pétrea”

A exposición Gallaecia Petrea, que permanece aberta ata o mes de decembro no Museo da Cidade da Cultura de Galicia, mostra o total do corpus de obras prestadas pola Diocese de Lugo.

Na sección de Prehistoria, hai unha dobre eixola e unha maza triangular de pedra puída, ambas as pezas do período calcolítico procedentes do Museo Catedralicio-Diocesano.

Pódese contemplar tamén, na sección de Medievo, a reprodución do famoso Crismón de Quiroga e unha peza excepcional do patrimonio galego: os restos do Cancel de Saamasas [VII-VIII].

Na sección de Moderna pódese ver outra obra cume do patrimonio galego, o Frontal pétreo da igrexa de san Salvador de Vilar de Donas -Palas de Rei-, ademais, poderase contemplar o Escudo do Antigo Reino de Galicia [s.XVI], unha Fonte de Auga Bendita [s.XVIII], e dous alabastros excepcionais: un coa representación da Virxe co Neno [s.XVI] e o outro coa imaxe da Inmaculada Concepción [s.XVIII].

As parroquias de Santa María de Torbeo e San Salvador de Vilar de Doas, o Museo Catedralicio-Diocesano, a Catedral de Lugo e a Diocese de Lugo, colaboran así con esta exposición para dar a coñecer o valioso patrimonio artístico lucense.

Publicado o último número do Boletín do Bispado

Acaba de saír à luz o último número do Boletín Oficial do Bispado de Lugo correspondente ao segundo trimestre do ano en curso.

A primeira parte inclúe información diocesana: escritos do señor Bispo, como a homilía na Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento; nomeamentos de delegados e subdelegados, acta do último Consello Presbiteral, axenda do Bispo e noticias diocesanas.

Na segunda parte do Boletín incorpóranse textos da Conferencia Episcopal, como o recentemente publicado baixo o título A verdade do amor humano. Orientacións sobre o amor conxugal, a ideoloxía de xénero e a lexislación familiar, e textos da Santa Sé, como as Normas para proceder no discernimento de presuntas aparicións.

A Confraría do Desencravo de Lugo cumpríu 65 anos

O día 17 de xullo, a Confraría do Desencravo de Lugo cumpría 65 anos desde que foi erixida canonicamente. Confraría humilde e solidaria, foi pioneira en moitas cousas: a primeira irmandade de Semana Santa de Lugo, a primeira en incorporar mulleres nas súas filas, a primeira en procesionar polo ciberespazo, a primeira en ter portadores para os seus pasos, etc. Esta decana e franciscana confraría foi un verdadeiro motor en moitas actividades da Diocese lucense.

A Confraría do Desencravo está nun bo momento, renovada e chea de ilusión e actividade, para cumprir o seu principal fin: render culto á Paixón de Cristo.

A %d blogueros les gusta esto: