É a relixión asunto privado?

presenciapublicadelareligionAs diversas tertulias radiofónicas ou televisivas, así coma en moitas propostas politicoelectorais dalgúns partidos, óese continuamente o mantra de que «a relixión é asunto privado», que se emprega como argumento para quitar e eliminar a presenza da Igrexa católica do espazo público, tanto en escolas como en cuarteis, hospitais, medios de comunicación, etc.

Supoño que os que fan tal afirmación están convencidos da veracidade da súa postura. Persoalmente quixera que mo explicasen de maneira clara, convincente e realista, pois un quere vivir na verdade. Ademais, a argumentación debe ser explicativa de realidades como as que a continuación se sinalan:

a) En moitos dos nosos pobos o único local común público que hai é da Igrexa católica dende hai máis de mil anos. É máis, mesmo na nosa cidade polos lugares que ten a Igrexa católica (catedral, templos, colexios, servizos sociais…), pasan anualmente bastantes máis persoas ca polas instalacións que ten o Concello e o Gobemo central. Como iso é posible se a relixión é asunto privado?

b) O comezo do sistema escolar en España e a ampliación da ensinanza ás mulleres e ós pobres foi obra das institucións educativas da Igrexa, que hoxe seguen atendendo a máis dun millón de rapaces. O comezo das Universidades tamén foi obra da Igrexa católica, e hoxe algunhas da mellores universidades de España e do mundo pertencen á Igrexa católica. Como iso é posible se a relixión é asunto privado?

c) Os primeiros hospitais que se levantaron no noso país foron obra da Igrexa, e aínda hoxe moitos son de institucións da Igrexa. Igualmente poderiamos dicir doutras institucións sociosanitarias para coidar e sandar a drogadictos, enfermos de sida, discapacitados, etc. O premio Princesa de Asturias da Concordia 2015 foi para os Irmáns Hospitalarios de San Xoán de Deus polo seu papel protagonista ante a pasada crise do ébola. Como iso é posible se a relixión é asunto privado?

d) Cando en calquera autonomía española se fai o mapa dos servizos sociais existentes, para atender aos pobres de España e inmigrantes, aparece que máis do 50% son da Igrexa católica e entón hai que volver a preguntar: como iso é posible se a relixión é asunto privado?

e) Mirando a historia sempre houbo xente de Igrexa en tódolos movementos de liberación. A modo de exemplo só citar dous casos que practicamente todos ignoran: entre os comuneiros aos que Carlos I lles cortou a cabeza, ademais de Padilla, Bravo e Maldonado, está Antonio de Acuña, bispo de Zamora. Nas barricadas de París en 1848 mataron entre os obreiros tamén ó arcebispo monseñor Affre. Como iso é posible se a relixión é asunto privado?

Antón Negro

Delegado de Caritas Lugo

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: