Enrique Alarcón presentou Frater en Lugo

O venres 31 de maio na parroquia San Francisco Xavier (Lugo) tivo lugar a presentación de Frater, movemento de apostolado segrar de enfermos e discapacitados. A presentación correu a cargo de Enrique Alarcón García, que presidiu Frater e do que se transcriben aquí algúns momentos da súa intervención:

En Frater descubrín o rostro dun Xesús que liberaba. E por iso namoroume o lema que ten Frater -érguete e anda- que eu interpretei como unha invitación a deixar de lamentarse, deixar de pór a cadeira de rodas na cabeza, e tirar por aí ao mundo a vivir. Non soamente é unha invitación a min, senón a miles e miles de persoas nos 100 anos que vai ter Frater en todo o mundo, nos catro continentes nos que está. Todos temos a mesma experiencia de sentirnos liberados totalmente e de entender que a discapacidade e o que se dispoña para moverse -bastón, cadeira de rodas…- pois é un elemento que facilita a vida. pero que o importante é o ser, a persoa.

En Frater descubrín á parte dun Deus liberador, un Deus que pensaba, un Deus que a min me chamaba a vivir tendo a mente e o corazón na xente que sufría, para acompañar, para escoitar.

E descubrín tamén unha comunidade na que vivir realmente unha vida comunitaria apostólica, de vida, de irmáns, de irmás. Sen iso a Igrexa non ten sentido, non serve.

Frater está dentro da Acción Católica especializada, como a IOAC, a XOC, o Movemento Rural. E nestes movementos si que vivimos a corresponsabilidade diferenciada. O laico pode presidir un movemento. E o sacerdote acompaña, asesora, impulsa a fe, motiva a fe e é un máis.

En Frater inténtase vivir en fraternidade, comunitariamente, dentro da Igrexa, facendo un servizo de escoita, de acompañamento, de facer que a persoa descubra o valor que ten.

Outro dos lemas que temos en Frater é “terás moitas limitacións pero as túas capacidades son superiores a elas”. Un elemento fundamental no noso movemento é a formación en equipo. Non nos xuntamos soamente para contar cousas, para divertirnos, que tamén,  xuntámonos para crecer como irmáns e como irmás.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: