Entre “festivos” e “pontes”. Tempo para rezar por España

Esta é a semana dos festivos e as pontes. Mañá é o día da Constitución e, por tanto, festivo civil. Tamén celebramos a solemnidade da Inmaculada Concepción da Virxe María, que tamén é día festivo en España. E, coincidan como coincidan estes días, sempre haberá ocasión para facer, polo menos, unha pequena “ponte”.

Nós tentamos ir máis aló das “pontes” e estes días tamén deberían converterse nunha ocasión para a oración. Esta semana debería ser a “semana de oración por España”. Explícome.

A Constitución española cumpre corenta anos mañá nunha nación na que se pon en dúbida case todo. Resultan paradoxais os niveis de crispación, insultos e violencia que temos que soportar todos os días e que non parecen propios dunha nación desenvolvida do século XXI, concienciada coa solidariedade, que despois non se practica entre os seus membros.

Por iso mañá, aínda que sexa unha celebración civil, non está de máis de teñamos unha oración especial polo noso país, polos seus gobernantes e as súas xentes, para que todos podamos vivir en paz e concordia fraternal. É inxusto que se gaste o tempo e o diñeiro só para unha violencia verbal (e ás veces física) que non leva a ningunha parte.

Encomendemos España a María, que a Nai poña cordura nos seus fillos e unidade entre todos. Esta semana honramos á nosa Nai a Virxe María no seu misterio da Inmaculada Concepción. Unha Nai que sempre está aí e á que Deus preparou desde sempre, facéndoa Inmaculada, para ser a nai de Xesucristo, o príncipe da paz.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

Artigo orixinal

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: