Festas en honra á Virxe do Corpiño

O Corpiño 2015

Os días 23 e 24 de xuño haberá misas solemnes ás 12 h.

O día 24 a Eucaristía estará presidida polo Vicario Xeral Mario Vázquez Carballo, e seguidamente será a procesión coa imaxe da Virxe, ofrenda-baile a Nosa Señora e despedida da imaxe.

Un dos textos gañadores no concurso Que agochas no Corpiño? foi o seguinte:

Conforme se achegaba o mes de xuño, tamén crecía a alegría e a ilusión pola chegada da festa da Corpiño. Era unha festa moi agardada por min, porque era a xuntanza da miña familia por excelencia e porque sempre había algo moi importante que pedirlle á Virxe.

A mañá do 24 erguíame chea de ledicia, porque sabía que nos agardaba un día feliz. Vestíame coa miña mellor roupa e uns zapatos cómodos e saiamos cara o Corpiño co coche cargado de comida e mantas. Despois da misa , a procesión e uns vermús no campo, comeriamos todos en familia na carballeira.

A procesión sempre é emocionante, porque meu pai tiña e ten a promesa de levar a Virxe sempre que o traballo e a saúde llo permita. Con miña nai, a avoa e, dende fai un ano, o meu neno, agardamos o momento de pasar por debaixo da Virxe. Sempre hai un favor que pedirlle, pola miña amiga Vanesa, pola saúde de papá, a do avó,

sempre pola familia que tanto me dou e me dá. Ese momento sempre foi e será un dos mellores da festa.

Porque agora ese momento converteuse no único emocionante do día. Agora xa non comemos de carballeira e faltan as máis festeiras da familia. Así que… xa se perdeu parte da felicidade da festa. Si, si, xuntámonos na medida da posible, pero o non comer no campo, onde tantas boas novas se sabían ( que ia haber novos membros na familia, que ia haber vodas, que as notas eran boas…) e o faltar o avó… A cousa cambiou.

A emoción xa non é tan grande, pero para min, segue a ser a mellor festa, a festa por excelencia. É o día grande do Corpiño e sempre será un día grande para min.

A mamá de Dani

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: