Festival da Esperanza na Parroquia da Milagrosa

Na Parroquia da Milagrosa terá lugar o venres 23 de novembro ás 20:15 horas o V Festival da Esperanza, unha actividade benéfica no Salón de Actos do Colexio Divina Pastora (Salesianos). Este festival está organizado por un grupo de mozos que a través da música queren facer algo polos demais, porque están convencidos que é posible unha sociedade máis solidaria e xusta. A Igrexa esfórzase cada día en que así sexa en tantos lugares.
O Festival da Esperanza é unha ocasión máis para tomar conciencia das necesidades do próximo e da comunidade, descubrir e recoñecer que son maioría – xente sinxela e anónima- os que se empeñan en pór o seu granciño de area para que ningunha persoa sexa excluída. Quizais nas nosas mans non está resolver todos os problemas do mundo, pero o que si é a nosa responsabilidade é levar e dar esperanza a tantos irmáns e irmás nosos. O Evanxeo de Xesús é Boa Nova, pode ofrecerse aos demais cousas boas.
Co Festival da Esperanza iníciase na Parroquia da Milagrosa a Campaña Solidaria de Nadal, que tamén inclúe: a Cea Benéfica de Cáritas Parroquial o venres 14 de decembro, recollida e repartición extraordinaria de alimentos por Nadal o venres 21 de decembro. A repartición de xoguetes será o venres 4 de xaneiro de 2019; e ao día seguinte, 5 de xaneiro, a Misa de Nenos coa visita de SS.MM. os Reis Magos de Oriente despois da Misa.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: