Homilía do Arcebispo de Santiago na Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo

MOns Julian Barrio

Excma. Sra. Oferente

Excmo. Sr. Delegado da Xunta de Galicia

Queridas Autoridades

Queridos irmáns Bispos: Sr. Bispo da Diocese de Lugo e Sres. Bispos das Dioceses de Galicia

Queridos Membros do Cabildo da Santa Igrexa Catedral de Lugo

Queridos sacerdotes, membros de vida consagrada e leigos

Queridos membros da Cofradía do Santísimo Sacramento, de Caritas e da Adoración nocturna

Queridos irmáns e irmás no Señor:

¡Velaquí é o misterio da nosa fe! “Que Cristo habite pola fe nos vosos corazóns e que teñáde-la vosa raíz e voso alicerce no amor”, manifestado por Cristo na Eucaristía. Seguindo unha tradición secular, profundamente arraigada no sentir relixioso e espiritual, a comunidade cristiá galega síntese convocada nesta catedral de Lugo, tenda do Altísimo, ante a presenza real e verdadeira de Xesús Sacramentado para pregar a quen intercede por nós, prostrarse en adoración confiada e loalo pola súa infinita misericordia. Hoxe esta Catedral faise templo e corazón de toda a Igrexa en Galicia, testemuñando a devoción eucarística e acollendo a ofrenda, en nome da querida Cidade de Mondoñedo, presentada pola súa Alcaldesa. Contemplamos nesta solemnidade a marabilla da presenza real e verdadeira de Cristo na Eucaristía, lembrando como esta forma parte das raíces da nosa comunidade e da nosa vida; e pedindo que se vaia consolidando o proxeto de Deus na nosa historia.

A Palabra de Deus recordounos a alianza divina co home na historia da salvación: Deus protexendo o home, o home manifestando a súa obediencia a Deus: “Faremos todo o que dixo o Señor e obedeceremos” (Ex 24,7). A alianza con Noé, Abraham e Moisés son anuncios renovados da alianza nova e definitiva de Deus cos homes selada co sangue de Cristo, derramado para o perdón dos pecados. “Por iso, é mediador dunha nova alianza,… a fin de que os chamados á herdanza eterna, poidan recibir o cumprimento desta promesa”(Heb 9, 15).

Aquel día, Xesús pediu a casa a un amigo anónimo que lla ofreceu sen recompensas nin recoñecementos. Esta persoa déixanos unha lección sinxela para noso proceder. Aquela casa coñecerase xa como Cenáculo. Pero hoxe o Señor pídenola a ti e a min porque quere celebrar a Pascua connosco. “Se alguén escoita a miña voz e abre a porta, eu entraría cabo del e cearía con el e el comigo” (Ap 3,20). Como non recordar a alegría de Zaqueo cando hospedou a Xesús na súa casa! Zaqueo deulle un banquete material. Xesús deulle o banquete da liberdade, do amor, da felicidade. Hoxe o Señor segue celebrando a súa cea pascual cos seus discípulos que somos nós.

A nosa vitalidade cristiá depende da Eucaristía e está esencialmente vinculada a ela de tal forma que sen vida eucarística non pode haber senón aparencias de vida cristiá. Compartir o pan da Eucaristía comprométenos a configurar a sociedade respectando a lei santa de Deus reflectida na lei natural e na recta razón, que mostra ao home o camiño a seguir para obrar o ben e alcanzar o seu fin. “A indiferenza relixiosa, o esquecemento de Deus, a lixeireza con que se cuestiona a súa existencia, a despreocupación polas cuestións fundamentais sobre a orixe e destino transcendente do ser humano non deixan de ter influencia no talante persoal e no comportamento moral e social do individuo… Certamente o home pode organizar a terra sen Deus, pero á fin e ao cabo, sen Deus non pode menos de organizala contra o home” (Conferencia Episcopal Española, Iglesia servidora de los pobres. Instrucción Pastoral, Ávila 24 de abril de 2015, 12.).

Participar na Eucaristía esixe recoñecer a Cristo nos máis necesitados material e espiritualmente. “A personalidade do home enriquécese co recoñecemento de Deus. A fe en Deus dá claridade e firmeza ás nosas valoracións éticas. O coñecemento do Deus amor móvenos a amar a todo home: sabernos criaturas amadas por Deus condúcenos á caridade fraterna e, á súa vez o amor fraterno achéganos a Deus e fainos semellantes a El. Pero quen o coñece de verdade inmediatamente recoñéceo en todos os pobres, en todos os máis desfavorecidos, nos esmoleiros de pan e de amor, nas periferias existenciais” (Conferencia Episcopal Española, Iglesia servidora de los pobres. Instrucción Pastoral, Ávila 24 de abril de 2015, 12). Se non estamos dispostos a entregar a propia vida polos demais, non podemos ser consecuentes co que hoxe celebramos. Deus liberounos gratuitamente polo amor que nos ten, non dominando nin gañando batallas que sempre implican a derrota de alguén. A vida eucarística configura un estilo de vida que se manifesta na actitude de servizo, imitando a Xesús que lavou os pés aos seus discípulos, se inclinou ante os feridos no camiño da vida, escoitou e curou os enfermos de corpo e alma. Isto significa vivir a comuñón fronte á exclusión, asumir a integración fronte á marxinación, e comprometerse na solidariedade, sabendo que o noso Salvador enche de bens os pobres.

Ditosos os convidados á cea do Señor”. O convite é universal, aínda que non todos o aceptan. “Recordamos a actuación de Xesús cando comía cos excluídos e impuros, cos pobres e pecadores. Recordamos a multiplicación dos pans e os peixes na que houbo pan para todos. Alí entendemos que o pobo da nova alianza é unha fraternidade sen exclusións, que na asemblea eucarística os últimos teñen os primeiros postos, e que é o Señor quen nos constitúe nesa nova familia, na nova fraternidade na que ninguén queda excluído. As nosas comunidades, cando celebran a Eucaristía, teñen de tomar partido de que a Eucaristía impulsa a todo o que cree en Cristo a facerse pan partido para os demais e, polo tanto, a traballar por un mundo máis xusto e fraterno”. (Bieito XVI, Sacramentum caritatis, 88.)

A forza da historia encontrase sempre no home que ama e sirve, e para quen “non hai nada verdadeiramente humano que non teña resonancia no seu corazón” (GS 1). O misterio eucarístico, expresión suprema do amor de Cristo ós homes, sitúa ó cristián no corazón mesmo da historia e comprométeo a asumi-la responsabilidade de construír un mundo novo a través da civilización do amor que nos esixe austeridade e xenerosidade, sentido da xustiza e conciencia solidaria a favor dos que sofren carencias materiais e espirituais.

Renovemos a nosa devoción ó Santísimo Sacramento. A carón do Pan e do Viño poño, Excma. Sra. Oferente, a súa ofrenda coas súas inquedanzas, esperanzas e súplicas. Pido pola Familia Real, polos nosos gobernantes, polas nosas Dioceses, por Vostede, Señora Oferente, e a súa familia, e polos que están a colaborar con vostede, e por todos os veciños de Mondoñedo, e máis polos veciños desta cidade de Lugo, para que o Señor Sacramentado lles colme de bendicións. Bendito e louvado sexa o Santísimo Sacramento do Altar, sexa por sempre bendito e louvado! Amén.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: