Inicio das Xornadas Abertas de Teoloxía

O 13 de marzo comezaron as XXXVII Xornadas Abertas de Teoloxía en Lugo baixo o título “Un encontro actual con Cristo”.

O doutor en Teoloxía Antonio Astigarraga Mateos impartiu unha conferencia dividida en dúas partes. Na primeira describiu a situación actual da celebración litúrxica, advertindo de varios erros:

Moitas veces non é doado recoñecer a liturxia da Igrexa nas celebracións dalgúns sacerdotes; máis ben hai que dicir “é a súa Misa” da que el dispón como quere. Ante isto o recomendable é ler a Ordenación Xeral do Misal Romano e as introducións de todos os libros litúrxicos para saber o porqué, os principios teolóxicos, eclesiolóxicos, cristolóxicos que explican que a Igrexa organizase a Eucaristía tal como está estruturada.

Outros erros sinalados por Antonio Astigarraga: “hai Eucaristías nas que prevalece a convivialidade, e apártase a primacía de Deus; pérdese o sentido do sagrado; introdúcese o espectacular, o folclórico; concédese demasiada importancia ao subxectivismo, ao emotivo.

E a segunda parte da conferencia tratou da íntima unión entre Eucaristía, domingo e Igrexa:

 “A Eucaristía é o punto de referencia máis significativo da celebración do domingo, ten que ser o eixo, o centro do domingo e á súa vez o domingo establecerase como o día principal da celebración da Eucaristía.

“Realmente entre a Misa de domingo e a Misa de cada día, pois non hai diferencia esencial, as dúas son Eucaristías. A particularidade da Misa dominical é celebrarse no día da resurrección de Xesucristo”.

A seguinte xornada é o martes 14 de marzo ás 20 h no Salón Rexio do Círculo das Artes, onde o Doutor en Teoloxía Jaume González Padrós terá unha intervención titulada Unha participación que renova a vida.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: