Miguel Ángel Álvarez: Quero ver ao Señor

A miúdo penso que temos “demasiadas cousas”… chega o boletín de noticias da Diocese e todas as semanas unha morea de actividades. Nos taboleiros de anuncios das igrexas non hai sitio para tanto cartel. As mesas do fondo do templo están ateigadas de estampas, trípticos, anuncios e “propaganda espiritual”.

Non podo evitar pensar mal e preguntarme se, tanta actividade ao redor da fe, servirá de algo, ou se máis ben estaremos esquecendo o esencial.

Como o cego de nacemento, que aparece no evanxeo do IV domingo de Coresma, eu tamén quero ver. Non quero ver calquera cousa. Quero ver ao Señor, ao mesmo que nos fala ao corazón e que temos diante de nós. Quero crer. Quero prostrarme só ante El.

Achégase a Semana Santa, e con ela outra lista inxente de actividades nas parroquias e nas rúas da cidade. Quedaranos tempo para ver ao Señor?.

Non quero ser pesimista nin malo. Non quero deixar sen valor o traballo e a ilusión de tantos confrades e de tantos compañeiros sacerdotes e o meu propio. Eu só quero ver ao Señor.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco de San Froilán

Deixa un comentario

%d bloggers like this: