Miguel Ángel Álvarez: Redescubrir o valor da fe

Todos nos queixamos de que o tempo pasa voando. Levamos unhas vidas moi intensas en todos os sentidos. As consecuencias xa as sabemos: atrás deixamos persoas, cousas, vivencias, e aparecen outras novas.

Polo que podo ver, a algúns empézanos a afectar algo que chamo “síndrome da xeración EXB”, que nos fai tratar de recuperar aquilo ao que non lle demos o suficiente valor no seu día, e que agora agradeceriamos ter.

Nas dúas semanas que levamos de Coresma, na nosa Diocese falouse abundantemente da nova organización pastoral e do Seminario. É un fallo pensar que esta nova situación débese á escaseza de sacerdotes. A orixe do problema non é este, e, por tanto, o problema tampouco se solucionaría, simplemente, coa importación de 100 curas.

A orixe do problema está en que nos esquecemos do valor da fe. Entre o que deixamos atrás tamén está a fe, e a vivencia madura da mesma. Cambiamos o que vale de verdade e por si mesmo, por un produto agradable á vista pero perecedoiro e sen ningún valor.

Necesitamos poñernos serios e descubrir de novo o valor da presenza do Deus de Xesucristo nas nosas vidas. Necesitamos deixarnos de bobadas e egoísmos á hora de pensar e vivir a fe e decidirnos a dar o salto sen medo.

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: