Nada é para sempre?

Álvarez-Miguel-Ángel-2Recibín a publicidade dun plan de pensións. Malia a multitude de datos que teñen os bancos, esta promoción estaba pensada para os que se xubilen no 2026, así que a min non me afectaría. Aínda que non estaría mal xubilarse aos 52 anos. Recoñezo que o produto non era malo e por iso ofréceno para un prazo tan curto, non vaia a ser que as cousas cambien e teñan que pagar máis. Tamén poderiamos falar das famosas preferentes que foron vendidas como un bo produto (e é verdade que produciron moito) e para sempre (perpetuas), pero un bo día, case como por encantamento, quedaron a cero.

 Quero dicir que agora, a diferenza doutras épocas, xa nada é para sempre. Parece que todo trae data de caducidade e, en moitas ocasións, ata sen garantía de esgotar o prazo previsto. Un contrato fixo ou indefinido tampouco é garantía de nada. En calquera momento prodúcese unha crise financeira imprevisible e hai que irse á rúa sen apenas ningunha opción. Incluso un posto de funcionario xa empeza tamén a ter os seus problemas de permanencia. Abonda con lembrar a paga extra non pagada fai uns anos ou a conxelación de salarios.

 Todo cambia a unha velocidade vertixinosa e non se poden facer plans a longo prazo. Temos un complexo sistema informático que nos organiza a vida, pero de cando en vez algo ou alguén falla e quedas tirado nun aeroporto, real ou virtual, sen poder facer nada. Agora a norma é a de “usar e tirar” ou “é máis barato un novo que arranxar este”. Os nosos pais e avós son dunha xeración que cando algo se rompía arranxábase, agora tírase.

 Quizais nalgún tempo cremos que poderiamos facer cousas por nós mesmos que fosen para sempre. O mesmo paso do tempo demostrounos que estabamos equivocados. Este fallo nas previsións de durabilidade veu pola ausencia dunha peza fundamental, que si ten a esencia da eternidade: Deus. Todo o que non estea ancorado ou fundamentado nel está limitado tanto en cantidade como en calidade.

 “Entón Xesús díxolles aos Doce: «Tamén vós queredes marcharvos?». Simón Pedro contestoulle: «Señor, a quen imos acudir? Ti tes palabras de vida eterna? (Xn 6, 68)

 A vida eterna non son 1000 anos, nin 5000 millóns de anos. Non é só unha cuestión de días ou anos ou nin sequera da ausencia de tempo. É unha cuestión máis ben de calidade infinita, que non alcanzamos a comprender, precisamente por ser ilimitada, porque a nosa intelixencia non o é.

 Sen deixar de recoñecer a autonomía das realidades creadas (GS 36, Concilio Vaticano II) e a primacía do home na Creación non é menos certo o desexo profundo de eternidade e transcendencia que ten o home e que só Deus pode saciar porque é o único eterno. Somos cidadáns da Terra pero en marcha a outra cidade definitiva, a Xerusalén celestial, onde esperamos ser recreados de novo pola participación no misterio pascual de Xesucristo.

Mentres, o que nos queda é intentar facer xa, aquí e agora, as cousas con esa semente de permanencia e eternidade.

Miguel Angel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: