Nota dos bispos da provincia eclesiástica compostelá ante as eleccións municipais

O día 22 deste mes estamos chamados a exercer o dereito de decidir co noso voto a quen encomendamos a xestión dos asuntos públicos dos nosos respectivos concellos. Como Bispos da Igrexa católica en Galicia queremos ofrecer aos nosos diocesanos e a todos os que desexen escoitarnos algunhas orientacións para o discernimento moral segundo a Doutrina Social da Igrexa.

1. Co noso voto elixiremos a quen van ocupar postos de goberno e influirán dunha ou doutra forma nas condicións da nosa vida. O bo criterio dos votantes é o verdadeiro gardián da saúde moral e cultural das sociedades e dos pobos.

2. O voto non abrangue todo o contido da democracia representativa, pero dalgunha forma expresa o sentir de moitos cidadáns. Votar é un dereito civil e constitucional do que non debemos sentirnos dispensados a non ser por motivos graves. O exercicio deste dereito con liberdade e responsabilidade esixe un discernimento claro e razoado sobre os programas das diferentes opcións políticas que se presentan ás urnas e danse a coñecer a través das distintas formas da campaña electoral. Contrastar a credibilidade e a capacidade profesional dos candidatos cunha información correcta será un punto de referencia.

3. Consideramos necesario extremar a esixencia dos candidatos, renunciando ás descualificacións gratuítas, e non deixándose levar por actitudes demagóxicas. Unha campaña serena nos modos e expresiva nos contidos axudará a que os cidadáns decidan mellor a súa opción política.

4. A transparencia, a imparcialidade no servizo da administración pública, o respecto dos dereitos dos adversarios políticos, o rexeitamento dos medios equívocos ou ilícitos para conquistar, manter ou aumentar o poder a calquera custo, a resposta á realidade da inmigración, do paro, do desarraigamento familiar, das construcións abusivas, etc. son signos que poderán axudar a facer o discernimento responsable que esixe o acto da votación.

5. O Concello é unha das institucións políticas máis importantes; en todo caso, a máis próxima ás persoas, de quen percibe todo tipo de necesidades. A razón de ser da política que busca a digna e xusta configuración da vida social, é o servizo ás persoas coas súas esixencias materiais e espirituais, e o poder político como factor de cohesión ha de ter sempre como obxectivo o ben común, como ben de todos, especialmente dos máis afectados pola pobreza humana, social e económica.

6. Agradecemos aos nosos políticos a súa dedicación e entrega a través da xestión dos asuntos públicos en favor de todos e animámolos a ofrecer este servizo con dispoñibilidade, competencia, honradez e xenerosidade.

Rogamos ao Señor, coa intercesión da Virxe María, que estas eleccións contribúan ao ben común de todos.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2011.

  • Julián, Arcebispo de Santiago de Compostela
  • Luís, Bispo de Tui-Vigo e Administrador Apostólico de Ourense
  • Manuel, Bispo de Mondoñedo-Ferrol
  • Alfonso, Bispo de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: