O bispo Fernando de Vellosillo: a educación na cidade de Lugo

Nestes días nos que está de actualidade unha nova revisión da lei educativa e da materia de relixión, cabe lembrar a un bispo da Diocese de Lugo que, fai máis de 400 anos, daba os primeiros pasos para unha educación gratuíta para todos na cidade das murallas: Fernando de Vellosillo Barrio. Bispo de Lugo entre 1567 e 1587, estivo presente no Concilio de Trento e foi conselleiro dun dos monarcas máis poderosos da historia, Felipe II; a súa chegada a Lugo supoñerá un punto de inflexión na evolución da cidade.

Aínda que é recordado pola permuta do terreo no que hoxe temos o Concello (1570) ou pola icónica construción da Torre do Reloxo da Catedral (1575), foi outro o aspecto no que Fernando de Vellosillo puxo máis fincapé: a mellora da sociedade. Desde o seu desexo de que Lugo tivese un médico ou un boticario, foi na educación e alfabetización onde marcou un antes e un despois. En 1569, e en vista da situación que había na cidade, fundou xunto co cabido da Catedral unha escola para nenos pobres, en concreto o 16 de maio de 1569, expoñía: «trescentos ducados dámolos para que se compre deles pan de renda, a cal sexa para un mestre que aprenda a ler e escribir aos nenos desta cidade». Esta fundación tamén a realizou para a súa localidade natal, Ayllón (Segovia), sendo o xerme dun dos tesouros da nosa sociedade actual: a educación para todos, non só para uns escollidos.

As melloras na educación alcanzaron as cotas máis elevadas e case utópicas nunha poboación que naqueles momentos non chegaba a mil habitantes. Fernando de Vellosillo, seguindo as directrices de Trento, fundou un seminario o día 26 de xullo de 1575; foron os cóengos Luis de Ruesta e Diego Ares de Armesto os seus primeiros administradores e iniciou un proxecto que tomará corpo anos máis tarde co bispo vasco Lorenzo de Otaduy. O prestixio, e o que supuxo este Seminario para Lugo, é dabondo coñecido por todos pero abonda recordar nomes como Xoán Montes ou Francisco Vázquez Saco para comprender a magnitude cultural desta institución para a nosa cidade.

O acceso á universidade, que por fortuna estandarizouse nos nosos tempos, era no século XVI case impensable para moitos e foi, de novo, o bispo Fernando de Vellosillo Barrio o que en 1580 deu un paso de xigante fundando o colexio de Lugo ou de San Jerónimo na prestixiosa universidade de Alcalá de Henares, berce neses tempos de Lope de Vega ou Francisco de Quevedo. O documento da súa fundación podémolo atopar na Biblioteca Nacional de España e entre as súas condicións estaba a de dar cabida a persoas de Lugo.

Non fai falta viaxar 400 anos no tempo, na actualidade tamén podemos ver esa relación entre relixión, cultura e sociedade; recentemente a casa de poxas Christie´s (Nova York) vendeu a obra de arte co valor máis elevado da historia: 450 millóns de dólares por un cadro de evidente temática relixiosa, o Salvatore Mundi de Leonardo da Vinci. Un símbolo do noso tempo e que demostra a idoneidade dunha materia dun carácter tan transversal como é a de relixión, que contribúe á formación integral do alumno e motiva neste o aprecio por nosa propia cultura.

Marcos G. Calles Lombao

Doutorando en Historia da Arte na U.S.C.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: