O cristianismo, esperanza de felicidade

Se alguén ten dereito a ser feliz, este é o cristián; pero, á vista de moitas vidas, dá a impresión de que, no canto de ser testemuñas de gozo, somos portadores de resignación. Resignámonos a soportar os padecementos deste mundo, porque nos parece que os sufrimentos desta vida son o prezo que Deus esixe a cambio da felicidade eterna.

Resignámonos a non ser felices aquí na terra, porque cremos que esta é a vontade de Deus. Estamos equivocados. A vontade de Deus é a nosa santificación. Nunca, a nosa infelicidade.

Na Biblia aparece un claro contraste entre a actitude dos deuses pagáns e o Deus dos cristiáns. Mentres os deuses dos pagáns gozan da súa felicidade, sen preocuparse da sorte dos humanos, o noso Deus mostra unha gran solicitude pola sorte dos homes. El é o noso creador e salvador liberador de escravitudes e de opresións inxustas. O comportamento de Deus ten que provocar en nós un gozo desbordante. Para comprendelo, o primeiro que se require é ensinar aos homes que os humanos non nacemos felices nin infelices, senón que nacemos para a felicidade. Pero a felicidade non nos chega como a lotaría de Nadal, que só lles toca a uns poucos. A felicidade constrúese ladrillo a ladrillo, hai que colocalos un a un.

Certamente non hai receitas infalibles para a felicidade; pero si que hai unha serie de camiños polos que se pode camiñar cara a ela.

Martín Descalzo, no seu libro Razones para la alegría, sinala algúns, aos que el chama “camiños para camiñar cara á felicidade”. Entre outros apunta estes: Descubrir e gozar de todo o bo que temos. Non ter que esperar a atoparnos cun cego, para decatarnos do fermosos e importantes que son os nosos ollos. Non necesitar coñecer a un xordo, para descubrir a marabilla do sentido do oído. Non é necesario experimentar que as nosas mans se moven segundo a nosa vontade, nin ver as mans dun paralítico, para describir o gran agasallo que nos fixo Deus, dándonos unhas mans sas para gañarnos o pan”.

Bonhoeffer, no seu libro titulado A ética, afirma que Deus puxo en case todas as accións do home, ademais do seu fin primario, unha “ración de gozo”: a finalidade do comer e do beber é a subsistencia do home; pero Deus quixo que, ao mesmo tempo que comemos para recuperar forzas, e ao mesmo tempo que bebemos para evitar a deshidratación do organismo, experimentásemos o san pracer de mitigar a sede.

O problema da dor é tan espiñento, que quizais ningún outro procreou tantos ateos, nin provocou tantas rebeldías e blasfemias contra o ceo. Para evitar estas reaccións, o mellor será aceptalo con fortaleza e miralo con esperanza. O mundo non é Ceo, pero pode ser camiño de Ceo. Nós corremos o risco de confundir os termos agardar e esperar. Dá a impresión de que os seus significados son sinónimos, con todo, a súa diferenza é abismal. Agardar fai referencia á vez que ten que pasar para poder percibir a recompensa pola nosa achega positiva a algo valorable. Esperar é a certeza de que recibiremos a gloria celestial prometida polo Señor aos que fósemos fieis aos compromisos cristiáns. Tamén para Xesús, o mundo foi camiño de dor e de cruz, pero a súa actitude converteuno en camiño de Ceo. Xesús sintetizou a súa vida naquela expresión de “todo está cumprido” con que selou os seus beizos na tarde do Venres Santo. Cumpriuse a misión do Redentor na terra e agora cumpriuse tamén a promesa do Pai: Xesús xa está a compartir a gloria do Pai para sempre. Para El xa acabou a espera, e a esperanza fíxose realidade.

Este é tamén o noso futuro. Fagamos deste mundo un camiño que nos leve ao Ceo, porque alí tamén hai cabida para nós.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral lucense

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: