Os bispos galegos presentan o Curso de Formación en Matrimonio e Familia

Rueda de prensa obispos_0119

O Arcebispo de Santiago, Julián Barrio Barrio, o Bispo de Mondoñedo-Ferrol, Manuel Sánchez Monge, o Bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, e o Bispo de Ourense, Leonardo Lemos Montanet, compareceron o 26 de novembro pola mañá en Santiago de Compostela para presentar oficialmente o Curso de Formación en Matrimonio e Familia (CFMF) que se iniciará en xaneiro do 2014.

Esta iniciativa conxunta, de todas as dioceses de Galicia, é un proxecto pioneiro en España. Será a primeira vez que un curso destas características se ofreza desde as igrexas diocesanas. Até o momento unha formación similar só se proporcionaba por universidades ou centros específicos.

Nas súas intervencións os prelados galegos destacaron a importancia que a institución familiar ten para a Igrexa. A preocupación polo seu benestar e a necesidade de prestarlle todo o seu apoio, levou á Igrexa galega a elaborar esta proposta concreta, que se materializa nun curso de formación, reflexión e intercambio de experiencias.

A riqueza da concepción que ten a Igrexa sobre a familia e o matrimonio é descoñecida para moitos dentro e fóra dela. Daí a necesidade de posibilitar o achegamento a estas formulacións, a través dunha formación de calidade, impartida por relatores de recoñecido prestixio.

O curso comezará o 18 de xaneiro do 2014. As xornadas de formación celebraranse en Silleda algúns sábados do ano. Está dirixido ás familias e a todos os implicados en pastoral familiar (sacerdotes, delegados, catequistas, profesores, formadores..), así como a calquera persoa interesada neste tipo de formación. O prazo de matrícula está aberto até o 10 de xaneiro de 2014.

O CFMF abordará, desde unha visión integral do ser humano á luz da fe, cuestións tan importantes como as relacións matrimoniais, o compromiso para toda a vida, a relación pais-fillos, a sexualidade; en definitiva, tentará dar resposta a preguntas transcendentais para a persoa.

Este curso é un proxecto que nace desde Galicia e para Galicia. Por iso buscouse ofrecer ás familias e matrimonios que desexen acudir, as máximas facilidades para facelo posible: unha periodicidade e un horario que o fagan asumible, a atención aos fillos, unha proximidade xeográfica para toda Galicia e un prezo de matrícula moi contido para o custo real do curso.

Descargar o dossier de prensa

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: