O sábado 16 de decembro ten lugar o Encontro de Nadal do profesorado de Relixión da Diocese de Lugo. Ás once da mañá hai unha visita ao Museo Diocesano Catedralicio. Ás doce e media no Seminario, o seu rector David Varela Vázquez terá unha charla-reflexión e finalmente haberá unha comida de irmandade, durante a cal serán homenaxeados os profesores xubilados:
Hortensia Saá Seijas (Colexio de Albeiros) e
Luis Benito Moreiras Calviño (Instituto de Lalín).
Esta semana chega ao seu fin a serie de concertos de coros de Lugo unidos por una boa causa: a campaña Polifonía Por Quilos, con actuacións en varias parroquias, a cambio de entregar algún tipo de alimento, non perecedeiro, para os máis necesitados.
O sábado 16 na Parroquia San Francisco Xavier haberá un concerto ás sete da tarde a cargo do Coro da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago e ás oito cantará a Misa o Coro de San Antonio.
O domingo 17 a Coral do Hospital cantará a Misa das 11.00 h no Centro parroquial de Nosa Señora das Fontiñas. O mesmo día 17, pero ás 12:30h o Orfeón Xoán Montes intervén durante a Misa na igrexa da Milagrosa e a continuación a Coral Xolda dá un concerto.
Ademais dos concertos programados na acción solidaria “Polifonía por quilos”, hai estoutros:
– Na igrexa da Nova o sábado, día 23, intervirán o Orfeón Lucense e o Coro de nenos da parroquia trala Misa das 20.00 hs.
– No Centro Parroquial das Fontiñas a Coral do Hospital cantará a Misa do xoves, día 28, ás 18.30 hs. A continuación interpretarán algunhas cancións do seu repertorio.
Ata o 25 de decembro, alumnos de Infantil, Primaria e E.S.O. que estuden en Galicia poden presentar tarxetas de Nadal orixinais e inéditas en tamaño DIN-A4 con técnica libre e soporte cartolina ou cartón pluma. Concederanse premios consistentes en lotes de libros, cheques-agasallo intercambiables por libros ou material escolar.
Os traballos enviaranse a Premios Vozesnavoz La Voz de la Verdad, r/ Bispo Aguirre, 17 27002 Lugo. Pode facerse a entrega persoalmente ou por medio do centro escolar no que estude o concursante.
Parroquia de A Estación
A Parroquia monfortina organiza este mes o concurso de tarxetas e cartas “O Nadal cos teus ollos e as túas palabras”. A idea é que nenos e adultos poidan expresar co debuxo ou coas súas palabras o que é o Nadal.
Hai dúas categorías: infantil (ata os 12 anos) e adulto.
Na Parroquia recóllense os traballos ata o día 22 de decembro e os premios entregaranse o día 25 de decembro.
Chantada
A Parroquia Santa Mariña convoca un concurso de tarxetas de Nadal para os nenos e nenas da catequese nos distintos niveis, e tamén un concurso de beléns dos nosos fogares, e outro de beléns nos escaparates dos negocios da Parroquia. As postais serán colocadas na igrexa e dos beléns subiranse as fotos á páxina de facebook da Parroquia.
O ser humano caracterízase porque pode aprender do que lle pasa. Todo acontecemento vivido, tamén o sucedido en Cataluña, pode ser fonte de múltiples ensinanzas para acollelas e facer con elas experiencia de vida; é máis, co paso do tempo aínda unha persoa pode seguir sacando novas ensinanzas para a vida persoal e a vida social nas súas diversas expresións. A pesar de que algúns din que hai que ter vivido certas realidades para poder falar delas, é certo que se pode escarmentar en cabeza allea, é dicir, que se pode aprender do que vemos que lles pasa a outras persoas, tamén a través dos libros e doutros medios de información e formación.
Nesta reflexión resúmense as seguintes ensinanzas:
1) Na vida persoal e asociada OS SENTIMENTOS E EMOCIÓNS NON DEBEN SER O CRITERIO ÚLTIMO PARA TOMAR DECISIÓNS. É verdade que na prensa rosa e nos programas de corazón e cotilleo suxírese que se debe actuar por sentimentos e emocións. É máis, os sociólogos e profesionais dos estudos de Opinión Pública coas súas investigacións sobre “se me sinto só catalán, máis catalán ca español, igual catalán ca español, etc.” tamén colaboran a esa maneira de tomar decisións en base á emocionalidade.
Nembargantes non me cabe dúbida que o criterio fundamental para tomar decisións persoais e comunitarias ten que ser O QUE ESTÁ BEN, O QUE É XUSTO, O QUE É VERDADEIRO, O QUE É MÁIS SOLIDARIO… As emocións e sentimentos hai que saber gobernalos e dirixilos cara ao ben… Un pode sentir moitas cousas, pero debe actuar con xustiza e ética.
2) É de gran importancia NON CONFUNDIR A UTOPÍA COA REALIDADE, os soños coas realidades. Na vida necesitamos utopía, metas a acadar, ideal de vida… unha gran esperanza que nos alente nos traballos cotiáns e nos dea forzas para afrontar os obstáculos e dificultades da vida, que ademais teñen que superar o exame da ética e da xustiza. Pero igualmente necesitamos ter unha boa análise e coñecemento da realidade, se non queremos estrelarnos, e coñecer, tamén, o que outros decidirán ante os diversos acontecementos que se poñan en marcha.
3) Ninguén debe ignorar que OS COMPORTAMENTOS TEÑEN CONSECUENCIAS. Cando falo con algúns profesores de Ensino Secundario coméntanme a dificultade de facerlles entender aos adolescentes que as accións humanas teñen consecuencias, e que teñen que prevelas con anterioridade. No caso dos adultos, que non o saiban ou non o entendan, é aínda máis grave.
4) Debemos ser conscientes de que TODOS OS POBOS SON PLURAIS. Dicir que os cataláns, galegos, andaluces… queren “isto” ou “aquilo” nunca adoita ser certo, pois a experiencia móstranos que queren cousas distintas e mesmo contraditorias. Ademais esa pluralidade dáse nas diversas institucións sociais, incluída a familia e o matrimonio. As decisións humanas (políticas, económicas, culturais…) deben promover o Ben Común e non o interese egoísta e corporativo.
5) En diversas nacións do planeta AS REXIÓNS QUE RECLAMAN CON MÁIS FORZA A INDEPENDENCIA SON AS MÁIS RICAS. Tal como dicía a vella canción española: “Todos queremos más, y más y mucho más…”. Non deixa de ser curioso como a oligarquía económica catalá alentou e financiou o independentismo coa finalidade de sacar eles máis vantaxes dentro de España… pero ao ver que a independencia pode ser real, a fuxida de empresas e capitais faise case estampida.
En contraposición, alégrame que haxa unha institución que propoña continuamente camiñar cara á pobreza e nela hai bastantes que intentan vivir o voto de pobreza con máis ou menos dificultades. A virtude da pobreza manifesta que Deus é o Noso Pai e que debemos vivir en fraternidade.
6) Un cristián debe entender, con máis razón se desempeña cargos de responsabilidade, que A SALVACIÓN NON VÉN polos nacionalismos-independentismos, nin por levantar fronteiras e muros, SENÓN POR derrubar muros, tender pontes… e sobre isto o Papa Francisco realizou moitas accións. Tamén a Opción Preferente polos Pobres e o Destino Universal dos Bens teñen esixencias claras nestas cuestións.
Tamén sería boa ocasión para aprender algo de constitucionalismo e Constitución, Estado de Dereito e xerarquía normativa, tratados internacionais e dereito internacional. Igualmente sobre outras temáticas como a nación e a política vividas como secta relixioso-mística, o poder da ideoloxía e da economía, entender como grupos políticos irreconciliables entre si poden unirse contra outros cos que teñen moitas máis cousas en común… pero excede as posibilidades deste artigo.
O 9 de decembro o salón de actos do Seminario Diocesano acollía a presentación do libro Luigi Giussani, su vida que ten como autor Alberto Savorana. Trátase da primeira biografía do fundador do movemento eclesial Comuñón e Liberación.
No acto, presidido por Mons. Alfonso Carrasco Rouco, interviu o membro de Comuñón e Liberación, Claudio Bottini, presentado por Luis Varela Castiñeira.
Claudio Bottini presentou algúns dos aspectos que máis lle impactaran da figura de Luigi Giussani, como o feito de advertir aos seus alumnos que ía facilitarlles un método para xulgar o que el mesmo (Giussani) lles dixera. E que desexaba transmitirlles máis ben unha experiencia de había 2000 anos. “Esta tarde -comentou Claudio Bottini- é un exemplo desta oportunidade, porque o cristianismo transmítese de persoa a persoa, de alegría a alegría, de caridade a caridade”.