Xubileu no Corpiño dos profesionais de servizo ao cidadán

O santuario da Benaventurada Virxe do Corpiño acolle o Xubileu dos profesionais de servizo ao cidadán.

A programación é a seguinte:

– Ás 11:00 h, Saída cara á igrexa parroquial de San Pedro de Losón para realizar desde alí ata o Santuario o Camiño dos pastorciños, os que o desexen (1km de distancia)

– Ás 11:35 h, coincidindo coa chegada dos peregrinos que realizan o Camiño dos pastorciños, o Rector do Santuario impartirá a Bendición a todos os Peregrinos e devotos na Carballeira do Santuario

– Ás 11:40 h, comezo da Peregrinación cara á Porta Santa (100 m)

– Ás 11:50 h, chegada á Porta Santa e entrada ao Santuario.

– Ás 12:00 h, Eucaristía por todas as persoas que desempeñan un labor profesional relacionado coa atención ao cidadán: bombeiros, empregados públicos, traballadores sociais…

Mans Unidas presentou o material educativo para este curso

A delegación de Mans Unidas de Lugo presentou 28 de setembro o material escolar gratuíto de infantil, primaria e secundaria elaborado para este curso 2017-18, co fin de traballar a Educación para o Desenvolvemento.

A partir dun calendario proponse ao alumnado de primaria e secundaria que cada mes desmonte un mito sobre a fame con actividades que teñen a súa vertente de cálculo, investigación e reflexión.

Para infantil a proposta é traballar distintos valores a partir de 3 contos, un deles en verso (“Caixa de botóns”), e outros materiais relacionados con cada historia.

 No acto de Mans Unidas tamén se presentou a novena edición do festival de clipmetraxes, que este ano ten como lema “Cal é a túa receita para loitar contra a fame?”

“Compartindo a viaxe”: campaña de Cáritas en favor dos migrantes

“Compartindo a viaxe”, é o nome da campaña global que Cáritas Internationalis emprende en favor dos migrantes do mundo en atención ao chamamento que en diversas ocasións fixo o papa Francisco en favor dos migrantes. Iníciase o 27 de setembro e durará ata setembro de 2019

É unha campaña de sensibilización pública que promove oportunidades e espazos para que se reúnan os migrantes e as comunidades e compartan historias e experiencias, co obxectivo de fortalecer vínculos entre os migrantes e as comunidades. Promóvese a visión dunha soa familia humana, mundial e unida.

Todo aquel que estea interesado pode unirse á campaña, especialmente persoas con experiencia na emigración, que poden ser invitadas a compartir a súa viaxe, xa sexan migrantes ou comunidades afectadas pola migración.

[Web oficial da campaña]

Encontro Nacional de Delegados e Responsables de Pastoral Xuvenil en Lugo

Un dos encontros de delegados celebrado hai uns anos

Organizado polo Departamento de Pastoral de Mocidade da Conferencia Episcopal Española, celebrarase os días 28, 29, 30 de setembro e 1 de outubro. Están convocados os Delegados Diocesanos de Pastoral Xuvenil, responsables de Pastoral Xuvenil de Movementos de ámbito nacional, ou responsables de Pastoral Xuvenil de Congregacións ou Institutos seculares.

A Pastoral Xuvenil está nun momento moi importante e crucial. Tralas experiencias vividas en anos pasados, o Departamento de Pastoral Xuvenil iniciou un camiño centrado na comuñón e coordinación de todos aqueles que traballan na pastoral xuvenil.

Momentos como o Encontro Europeo de Mozos 2015 en Ávila, a Xornada Mundial da Mocidade 2016 en Cracovia, xunto con todo o traballo de reflexión e propostas, son exemplo diso. Un fito que mostra este traballo e o camiño que se quere seguir foi o II Encontro de Equipos de Pastoral Xuvenil, celebrado o pasado mes de abril en Granada.

Agora é o momento de facer balance e ver por onde se está camiñando e reforzar os alicerces fundamentais da Pastoral Xuvenil, todo á luz do próximo Sínodo, convocado polo Papa Francisco, que tratará sobre “Mozos, fe e discernimento vocacional“ .

Será un encontro de traballo que partirá do relatorio: “O Sínodo dos mozos ilumina a nosa pastoral xuvenil“. O entramado do relatorio será poñer en valor os grandes núcleos do documento preparatorio do Sínodo, conectándoos con Evagelli Gaudium, e deixando ver como ilumina o camiño feito na pastoral xuvenil española nos últimos anos.

Tralo relatorio, formaranse cinco grupos de traballo-reflexión cos que se poñerán en marcha unha dinámica de traballo onde se compartirán reflexións sobre cinco temas de interese na pastoral. Os cinco temas son: primeiro anuncio, acompañamento, discernimento, creatividade e axentes de pastoral.

Os dous primeiros temas recollen o camiño que coordina o Departamento de Pastoral de Mocidade nestes últimos anos. O discernimento é un dos temas claves do próximo Sínodo. A creatividade e os axentes de pastoral son dúas das preocupacións que actualmente están presentes na Pastoral Xuvenil.

Todo o encontro terá os seus momentos de oración e celebración eucarística, destacando a mañá de retiro que todo os Delegados e Responsables de Pastoral Xuvenil terán o venres 29 en Portomarín para comezar o traballo pedindo a luz do Espírito.

Acompañarán a todos os participantes, os bispos responsables do Departamento de Pastoral Xuvenil da CEE: D. Carlos Escribano, bispo de Calahorra e A Calzada-Logroño; D. Antonio Gómez, bispo de Teruel e Albarracín; e D. Arturo Ros, bispo auxiliar de Valencia. Contarase tamén coa visita do bispo de Lugo D. Alfonso Carrasco.

 

[Folla de inscrición]

 

Horario

Xoves 28:

Eucaristía de acollida

 

Venres 29:

Retiro e Eucaristía en Portomarín

Relatorio: “O Sínodo dos mozos ilumina a nosa pastoral xuvenil“

Grupos de traballo: 1ª e 2ª sesión

Visita nocturna guiada á cidade

 

Sábado 30:

Eucaristía

Grupos de traballo: 3ª e 4ª sesión

Conclusións do traballo realizado, diálogo e propostas de futuro

 

Domingo 1:

Informacións varias: Xornada Mundial da Xuventude de Panamá, Igrexa en Diálogo, Sínodo…

Visita á cidade, Catedral

Eucaristía de clausura

Fin de encontro

A quen queres máis: a papá ou a mamá?

Estamos demasiado afeitos aos dualismos e a ter que escoller entre dúas opcións: A quen queres máis, a papá ou a mamá?. Esta é a pregunta típica que lles facemos aos nenos sen saber o dano que podemos provocar na súa inocencia e bondade. O normal é que contesten que queren aos dous. Pero nós, non satisfeitos, volvemos insistir.

No Evanxeo do próximo domingo tamén se nos suscita unha cuestión, que, a primeira vista, parece que tamén adoece de dualismo: “Quen dos dous cumpriu a vontade do seu pai?” Neste caso a resposta é clara. A vontade cumpriuna o que “fixo” non o que “dixo”. Xa saben iso de que “obras son amores e non boas razóns”.

Neste texto evanxélico van ser moitos os que atopen unha xustificación para a súa forma de pensar e o seu estilo de vida, precisamente por ese dualismo do que falaba ao principio. Non vai faltar quen diga que non fai falta rezar (dicir), nin ir a Misa para facer obras boas. Tampouco vai faltar quen diga que os que intentamos rezar e imos a Misa somos os peores porque “dicimos” moito, pero facemos pouco ou nada. Se cadra non lles falta razón, pero tampouco ten por que ser así. Non todo ten que ser dualismo. Precisamente para os cristiáns isto é un reto: que as nosas obras se correspondan coas nosas palabras. As dúas cousas son posibles. Non é necesario escoller nin pelexarnos porque só unha sexa a importante. Non, as dúas son importantes, ¡como non vai ser importante a coherencia!. Pero… por que imos ter que escoller só unha cousa cando podemos escoller as dúas?

Xa que hoxe imos de ditos e refráns sigo con outro máis: Non se pode repicar e andar na procesión. É certo. Hai cousas incompatibles, pero outras non o son. Nós, os cristiáns temos a sorte de poder e deber loar a Deus (rezar, falar con Deus, dicir) e facer o ben e a vontade de Deus ao mesmo tempo. Con outras palabras repetíronnos isto mesmo os Papas Xoán Pablo II e Bieito XVI: “Non teñades medo de Cristo! El non quita nada, e dáo todo”.

Miguel Ángel Álvarez

Tomado da revista dixital Falando Baixiño, nº 159

A %d blogueros les gusta esto: