Peregrinación diocesana a Lourdes

Como vén sendo habitual desde fai 31 anos ininterrumpidamente, a Hospitalidade da Nosa Señora de Lourdes da Diocese de Lugo organizou  a peregrinación ao santuario francés entre os días 26 e 30 de xuño. Participaron un total de 517 peregrinos, acompañados de 29 sacerdotes, 1 diácono, 3 seminaristas maiores e unha gran parte dos compoñentes da Xunta Directiva da Hospitalidade. Os peregrinos participantes, que viaxaron en dez autobuses, son: enfermos, persoal sanitario, hospitalarios e peregrinos, todos eles socios da Hospitalidade diocesana.
A peregrinación estivo presidida polo Bispo da Diocese de Lugo, D. Alfonso Carrasco Rouco e o Vicario Xeral, D. José Mario Vázquez Carballo.
Unha nutrida representación xuvenil (37 nenos e mozos ) acompañou este ano a peregrinación. E outro aspecto a destacar é a importante actuación da representación diocesana na programación oficial de actos. Así, ás nove da noite do mércores día 28 de xuño, o Bispo de Lugo presidiu a Procesión Mariana Internacional dos Fachos  e os peregrinos da Hospitalidade de Lugo foron os encargados de portar o paso coa imaxe da Virxe de Lourdes.

[Ver máis fotos]

Reorganización pastoral das parroquias da zona de Palas de Rei

O traballo de reorganización pastoral da Diocese segue o seu curso. Nesta ocasión escoitouse a proposta dos presbíteros pertencentes á zona de Palas de Rei, no arciprestado da Ulloa. Seguindo as indicacións ofrecidas, para que haxa unhas formas pastorais axeitadas ao territorio e ás súas circunstancias, búscase que todos os fieis poidan participar na Eucaristía dominical e nunha vida de Igrexa con todas as súas dimensións esenciais. O pasado 1 de xullo entrou en vigor o decreto episcopal que distribúe as parroquias da zona en 5 unidades pastorais e establécense 5 centros interparroquiais:

  • San Tirso de Palas (P. Juan Antonio Fraile Gómez e P. Alberto de Oliveira Silva),
  • Santa María de San Breixo (José Tirso Villasante Pereiro),
  • Santa María de Pidre (Jesús Antonio Pérez García),
  • San Vicente da Ulloa (Manuel Vilariño Pereiro) e
  • Santiago de Ligonde (José Gómez Vázquez).

Guerras de Razón

Nos medios de comunicación aparece reiteradamente a expresión GUERRAS DE RELIXIÓN como a causa de case tódalas guerras, cando en Europa levamos máis de 300 anos sen guerras por ese motivo. Os historiadores sitúanas en Europa nos séculos XVI e XVII, e xa estamos no XXI. Nos últimos tempos Europa viviu guerras moi crueis a causa de motivacións RACIONAIS. Destacan as guerras mundiais con gran violencia e ademais na segunda as vítimas foron sobre todo civís.

A crueldade do nazismo sobrepasou tódolos límites e moitos autores afirman que o comunismo causou máis de 100 millóns de mortos no século XX. E non debemos ignorar que na filosofía marxista afírmase que “a violencia é a parteira da historia”. Outra tese sostén que “a guerra é a continuación da política por outros medios”.

Ler máis

Xornada de responsabilidade no tráfico

O departamento de Pastoral da Estrada, da Conferencia Episcopal, promove en datas próximas á celebración de San Cristovo, patrono dos condutores (10 de xullo), a Xornada de Responsabilidade no Tráfico, que este ano é o 2 de xullo.

Pastoral da Estrada diríxese a todos cantos están relacionados coa mobilidade humana: camioneiros, transportistas, taxistas, condutores de autobuses, de autocares, de ambulancias, bombeiros, Garda Civil e Policía de tráfico, confrarías de san Cristovo, asociacións de transportistas, autoescolas. Diríxese tamén a quen pasan boa parte do seu tempo ao volante por por necesidade ou por turismo, sen esquecerse dos motoristas, ciclistas e peóns que, dun ou outro xeito, fan uso das vías públicas. A todos desexan saúde, paz, alegría e a bendición do Señor.

«Loado sexas, meu Señor, tamén polos medios de transporte» é o lema deste ano para a Xornada de Responsabilidade no Tráfico 2017. Con el quérese loar e bendicir a Deus pola creación, obra das súas mans.

O 2 de xullo ás 10.30 h. TVE 2 retransmite a  San­ta Misa ­desde­ a ma­dri­lle­ña pa­rro­quia de San Cris­tó­bal, pa­trono dos via­xei­ros, con­du­to­res e trans­por­tis­tas.

[Materiais da Conferencia Episcopal]

Ano especial no santuario do Corpiño

A celebración da Virxe do Corpiño tivo este ano importantes elementos novidosos:

– declárase ano mariano desde o 24 de xuño do actual ata a mesma data do 2018. Durante este ano mariano poderán lucrarse de indulxencia plenaria os fieis que se confesen, comulguen, recen polas intencións do Papa e oren devotamente ante a imaxe da Benaventurada Virxe do Corpiño. É a segunda advocación mariana galega con ano santo propio.

– o papa Francisco concede a coroación da Virxe do Corpiño e do Xesucristo Neno que porta no seu colo. Así se fixo saber o día da romaría grande, trala Misa maior cando o vicario xeral da Diocese de Lugo, Mario Vázquez, leu unha carta do Secretario da Congregación para o Culto Divino e a Disciplina dos Sacramentos, Arthur Roche, comunicando dita concesión. O acto da coroación pontificia da Virxe terá lugar o día no que conclúe o ano mariano, o 24 de xuño de 2018.

– o santuario recobrou a cor orixinal das súas fermosas pinturas.

A %d blogueros les gusta esto: