Primeiros actos da Semana Santa de Lugo

DOMINGO DE RAMOS, 9 de abril:

  • Ás 11,30 h. bendición de ramos e palmas. Concentración na Praza de Santa María e comezo ás 11,40h da procesión da entrada triunfal de Xesús en Xerusalén. Ao retorno da mesma, continúa a Eucaristía na Catedral.

  • Ás 19 h. procesión da Virxe das Dores de Maria Santísima. Participa na procesión a Banda Municipal de Meira. Ao remate intervirá o “Orfeón Xoán Montes”, interpretando a “Salve Raíña”.

  • Ás 20 h. na Catedral: Eucaristía, con canto de Vésperas. (Ilmo. Cabido e fieis).

  • De 10 da mañá ata as dúas da tarde, e de 5:30 ás 7 da tarde na Catedral, Bicapés de Xesús Nazareno

LUNS SANTO 10 de abril

  • Ás 10,15 h. na Catedral Eucaristía, co canto de Laudes (Ilmo. Cabido e fieis)

  • Ás 20 h na Catedral: Eucaristía, co canto de Vésperas. (Ilmo. Cabido e fieis).

  • Ás 20,30h procesión da Virxe da Esperanza

MARTES SANTO 11 de abril

  • Ás 10,15h na Catedral: Eucaristía, co canto de Laudes. (Ilmo. Cabido e fieis).

  • Ás 20 h na Catedral: Eucaristía, co canto de Vésperas. (Ilmo. Cabido e fieis).

  • Ás 20:30h Procesión do Bo Xesús e do Nazareno

MÉRCORES SANTO 12 de abril

  • Ás 11,00 h. na Catedral Misa Crismal coa bendición dos óleos e a consagración do Santo Crisma, que logo serán levados a tódalas parroquias da Diocese.

  • Ás 20 h na Catedral: Eucaristía, co canto de Vésperas. (Ilmo. Cabido e fieis).

  • Ás 20,30 h procesión do Cristo do Perdón, da Virxe da Piedade e Viacrucis

Vía Crucis

A Xunta Oficial de Confrarías de Semana Santa organiza o venres 7 de abril ás 20,15h un Via Crucis, devoción antiquísima e fondamente arraigada no pobo cristián, que xorde do desexo de meditar e sentir con autenticidade a Paixón e Morte de Xesuscristo.

Itinerario: PP. Franciscanos, (1ª Estación), Casas Novoa, Praza Sta. María, Bo Xesús, pasando logo por dentro da Catedral e saíndo pola porta principal a Praza de Pío XII, Bo Xesús, Praza de Sta.María, e diante do Bispado, a derradeira estación.

Este Viacrucis sairá a ombreiros de corenta mulleres o “Paso” do ”Cristo da Misericordia” que é venerado na Parroquia de Santiago a Nova.

Exercicios espirituais “As preguntas de Xesús“

 

Estes exercicios espirituais para laicos, consagrados e sacerdotes serán no Centro de Espiritualidade “Santa María do Mar” en Dorrón-Sanxenxo, do 30 de abril ao 2 de maio de 2017. Organizan a Delegación Episcopal de Apostolado Segrar e o Consello Diocesano de Laicos coa colaboración da Vigairía do Clero e Delegación Episcopal de Vida Consagrada, da Diocese de Tui-Vigo

As preguntas que o Mestre nos fai son sempre “inquietantes”: Que buscades? (Xn 1,38), Queres sanar? (Xn 5,6), Ámasme? (Xn 21,15).

Consolan, estimulan a vida, abren diálogos. Hai que meditalas unha a unha. Amodo. Sen glosas. En silencio. Deixándonos interpelar por elas. Son unha Boa Noticia para uns días de oración.

Responsables:

– Charlas e guía espiritual, Rvdo. P. Salvador León Belén, Claretiano, do Equipo claretiano Laicos-Familia.

– Coordinación e inscricións, Rvdo. D. Juan José González Estévez, Delegado Episcopal de Apostolado Segrar.

[Máis información]

 

Hai que ser máis esixente cos crentes?

Moitas veces se oe dicir que tal persoa vai moito á Misa pero é igual cós demais, ten os mesmos defectos, ou mesmo ten máis. Cando xulgamos desde unha perspectiva ética na nosa sociedade tendemos a ser máis esixentes co Bispo que co Alcalde, co cura que cun laico, co crente que co ateo, co bispo que cun cura… e se non percibimos mellores aos primeiros ca aos segundos, facilmente nos sentimos escandalizados.

Esta mesma postura mantiñan varios dos meus compañeiros de estudo na Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía. Nos diálogos que tiña con eles, soían dicirme que había que esixirlle máis ao crente, crego ou bispo. De seguido eu facíalles a seguinte observación: entón habería que chegar á conclusión de que o voto destas persoas, loxicamente, tería que ter máis valor, debería contar máis… cousa que poría en crise o modo actual de entender a democracia, porque levaría a diferenciar entre cidadáns de primeira e de segunda.

Nunha democracia con Estado aconfesional (ou laico en sentido normal) o nivel de esixencia ética ten que ser o mesmo para tódalas persoas, pois os cidadáns debemos ser iguais ante a lei, sexa crente ou ateo, cura, político, deportista, profesor, empresario, etc. Do contrario teríamos un Estado sectario e inxusto con algúns.

Por outra parte, si que é comprensible e explicable que un lles esixa máis aos amigos e familiares, porque, ao ser do círculo próximo a cada un de nós, querémolos máis formados, xustos, honestos… e que desenvolvan ao máximo as súas capacidades e virtudes, pois, a máis cariño tido ás persoas, menos atoladas as queremos e, por tanto, as desculpamos menos que coas que temos menos cercanía afectiva. Neste senso, que me esixan máis do que lle esixen ao bispo manifesta que me aprecian.

Se na sociedade hai tendencia a ser máis esixentes cos crentes, bispos, curas… a explicación sociolóxica máis posible e plausible, que se pode formular, é que hai tradición e experiencia de que aportan máis ao común, como mesmo afirma este dito popular: “Á porta do rezador non poñas o trigo ao sol, e á porta de quen non reza nada, nin trigo nin cebada”. Se na conciencia popular hai unhas expectativas de que se espera máis destas persoas, iso ten que remitir a algunhas experiencias históricas do pasado que levaron a esa conclusión.

De tódolos xeitos, coido que na nosa democracia pecamos máis por falta de esixencia ética con un mesmo e cos demais que por exceso de esixencia. Neste senso quixera traer aquí á que eu considero a mellor definición de democracia, a de María Zambrano no seu libro “Persoa e Democracia”, onde a define como a forma de goberno “NA QUE NON SÓ SEXA PERMITIDO, SENÓN ESIXIDO SER PERSOA”. Para aclararnos algo máis sobre o que é ser persoa nese libro afirma o seguinte: “Soamente se é de verdade libre cando non se pesa sobre ninguén, cando non se humilla a ninguén. En cada home están tódolos homes”.

Non deixa de ser un empobrecemento social e cultural para o noso país o esquecemento que temos desta autora, María Zambrano, que tivo que ir ao exilio no 1939 e non volveu para asentarse aquí ata 1984, aínda que xa recibira o premio Príncipe de Asturias en 1981.

Para rematar, temos que ser moito máis esixentes con nós mesmos e para isto acudimos de novo a María Zambrano, que no tempo da cruel guerra civil española pregúntalle ao seu pai, Blas, como tiña que tratar aos demais: “Como se merecen?” Pero seu pai respondeulle: “Non, moito mellor do que se merecen”, segundo nos conta no seu libro “Delirio e Destino” de 1952.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Pregón da Semana Santa de Lugo

O 31 de marzo, ás 20:30 horas, na igrexa de Santiago A Nova deuse lectura ao pregón da Semana Santa de Lugo. A persoa encargada do pregón foi PILAR FALCÓN OSORIO, da Pastoriza, doutora en Ciencias da Información. Ten formación en Marketing, Publicidade e Relacións Públicas. Membro fundador da TVG e da emisora Onda Madrid, publicou os libros Fraga y Galicia, El Imperio Rosa e contos infantís. Membro da Academia das Ciencias e as Artes de Televisión.

[Ver texto do pregón]

 

Como pórtico musical interviu o Orfeón Lucense e durante o acto foille imposta a Dª CONCEPCIÓN TEIJEIRO REVILLA, a Insignia de Ouro da Xunta de Confrarías de Semana Santa, polo seu apoio constante e desinteresado tanto á Xunta como a varias das súas confrarías, ao longo de toda a súa vida.

A %d blogueros les gusta esto: