Promovida por UNER (Unión Eucarística Reparadora), o 27 de marzo comezan unhas Xornadas de dinámica eucarística no centro parroquial As Fontiñas. As xornadas esténdense do 27 ao 30 de marzo ás 5 da tarde.
Culmina a serie de actos pola vida organizados esta semana
Tras unha serie de proxeccións audiovisuais os días 19 e 20 (Tiempo para una vida, El circo de la mariposa, Blood Money) prográmanse unha serie de conferencias desde o día 21 (na foto, intervención de D. Luciano Armas) ata o día 23.
O día 23 ás 20 h no salón de actos de Caixagalicia, na praza de Santa María, Lugo, trátanse os seguintes temas:
– O aborto desde a perspectiva legal, por Marola Rúa, lic. en Dereito, Universidade de A Coruña.
– O aborto euxenésico, fronte á dignidade dos discapacitados, por Conchita Teijeiro, Presidenta de APSNAIS (Asociación de Persoas con Discapacidade Intelectual).
E os actos do domingo día 25 son estoutros:
- 12 horas: Concentración “Sí á Vida”. Lectura do Manifiesto. Participación dos asistentes na acción “Bótalle unha man á Vida” Consiste en plasmar as mans nunhas bolsas que poden levar os participantes, deixando un donativo.
-
13:30 horas: Actuacións e entrega de premios dos concursos de debuxo (“Debuxa a túa bolsa solidaria coa vida”), literatura (“Amor á vida”) e cancións (“Un canto pola vida”).
-
18 horas: Rosario pola Vida na Catedral.
-
20 horas: Eucarístia presidida polo Sr. Bispo. E bendición de mulleres embarazadas e nenos menores de dous anos.
Presentación da Semana Santa de Lugo
O día 20 de marzo tivo lugar no Bispado a presentación da Semana Santa da cidade de Lugo.
O primeiro en intervir foi o coordenador da Xunta de Confrarías, Ramón Basanta, que se referiu ás celebracións nas igrexas e ao empeño de que as celebracións nas rúas tamén sexan completas. Destacou a tradición de acudir a sete templos para visitar a exposición do Santísimo o Xoves Santo pola tarde e o Venres Santo pola mañá. Por primeira vez celébrase a Memoria das tres caídas de Xesús na praza de Santa María, na rúa da Raíña e na praza Maior (á altura do Círculo das Artes). Outra novidade é o paso do Descendido portado por 40 mulleres o Venres Santo.
O Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, considerou o programa de Semana Santa moi completo e que se manterá a colaboración co traballo ben feito da Xunta de Confrarías.
Segundo a representante da Deputación, Regina Polín, a Semana Santa lucense chama á reflexión. Felicitou a tódolos involucrados nas celebracións e avogou polo mantemento do fervor relixioso.
A representante da Xunta de Galicia, Marta Barreiro, falou do arraigamento da Semana Santa lucense na cidade e se ten éxito, espiritual e para toda a cidade, é polo inxente labor das confrarías.
Pechou o acto de presentación da Semana Santa o señor Bispo, Alfonso Carrasco. Mencionou o papel das confrarías, que facilitan que se viva a Semana Santa de maneira máis fonda, e que se perciba mellor a súa grandeza. Son unhas celebracións moi vividas pola cidade de Lugo, que expresa as súas conviccións profundas e a arte. Dándolle contido e vida, poderá ser admirada a nosa Semana Santa por moitas máis persoas. Finalmente, o señor Bispo referiuse á hospitalidade para acoller aos que veñan a Lugo eses días e á gratuidade con que actúan os confrades, signo de que viven intensamente a Semana Santa.
[Abrir o Programa de Semana Santa 2012]
José Río: Dereitos e deberes da persoa
É propio do cristianismo considerar a tódalas persoas coa mesma dignidade. Non sempre se levou isto á práctica, porque en tempos pasados non había conciencia de que se debería aplicar escrupulosamente esa idea.
Esa aplicación dos dereitos humanos non se limita ao ámbito das relacións entre países senón tamén na vida cotiá. E un dos primeiros dereitos que se puxeron de manifesto foron os relativos á liberdade relixiosa.
En canto á fundamentación dos dereitos, témola na razón e no feito de seren os humanos fillos de Deus. Os estados non deben vendernos o favor de gozar dos dereitos, senón que os temos pola nosa natureza, por Deus.
Na encíclica Pacem in Terris fálase do dereito á vida (e que sexa digna), á liberdade relixiosa (tratar co trascendente), á cultura (que incluiría por exemplo, o dereito a ser instruído nas habilidades sociais), dereito á vocación persoal, ao honor.
Pacem in Terris tamén expresa que aos dereitos correspóndelles unha mesma cantidade de deberes, e que ambos son conferidos ou impostos pola lei natural. Ao dereito á vida correspóndelle o deber de conservala, ao dereito a ter unha vida decorosa, correspóndese o deber de vivir con decoro, e ao dereito á liberdade o deber de buscala.
Pero non só é deber do home corresponder os seus propios dereitos cos seus propios deberes cara á súa persoa, senón con respecto aos demais. Os dereitos do home é un tema que demandou moitos séculos no seu recoñecemento, e actualmente son unha conquista importante da humanidade, consagrados en 1789 na Revolución Francesa e con carácter universal pola ONU, en 1948.
A cada dereito do home correspóndelle un deber a cumprir, sen o cal resultaría ilusorio o exercicio do dereito. Se alguén ten dereito a que se lle respecte a súa propiedade non pode á súa vez pretender quitarlle a propiedade a outro.
Hai deberes específicos para coa sociedade, para cos fillos e os pais, o deber de adquirir instrución primaria, o de sufragar, o de obediencia á lei, o de servir á comunidade e á nación, o de cooperar coa asistencia e seguridade social, o de traballar, o de pagar impostos.
Reunión sobre Doutrina Social da Igrexa
O 14 de marzo houbo unha reunión sobre Doutrina Social da Igrexa dirixida por José Río Ramilo, Vicario Parroquial de San Antonio de Padua (Lugo) e responsable do Secretariado de Pastoral Penitenciaria. Ver resumo na sección “Opinión”.