Presentación do número 56 da revista Lvcensia

O martes 22 de maio, ás 18:30 na Aula Magna do Seminario terá lugar a presentación do número 56 da revista Lvcensia. O acto estará presidido polo señor Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, e o director da publicación, Gonzalo Fraga.

Intervirá Aurelia Balseiro que presenta o artigo “A pintura mural de Santa Eulalia de Bóveda. Acuarelas de Elías de Segura, 1927. Crónica dun proxecto patrimonial no Museo Provincial de Lugo”.

Neste número lémbrase, ademais, a figura do santo e mártir lucense José María Díaz Sanjurjo, do que se celebra este ano o bicentenario do seu nacemento. A historia relixiosa tamén ten cabida en distintos artigos, as Xornadas de Teoloxía celebradas en Lugo, as vodas de ouro do Colexio Diocesano María Inmaculada de Silleda e a lista de superiores franciscanos dos conventos de Lugo.

Outros contidos da revista abordan a arquitectura civil, como é o caso da fortaleza baixomedieval de Sampaio de Narla ou a escola lucense de Fernando Casas Novoa.

Tamén se aborda o achado oculto e merecedor de estudo da cabeza do castro de Aboldrón en san Xoán de Camba, en Rodeiro.

A toponimia ten o seu apartado na segunda parte do artigo adicado ás palabras Sa, Sas e Suevos.

Hai así mesmo unha aproximación á industria dos curtidos, de gran importancia na vida económica lucense, en terras de Castroverde e Vilalba.

Temas xa tratados por Lvcensia, pero que teñen neste número unha segunda parte ou complemento son os da peregrinación obreira a Roma no ano 1894 e do centenario da morte do médico e académico lucense Jesús Rodríguez López.

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: