Presenza dos Equipos de Nosa Señora en Galicia

Copia de ENS Galicia

      En Vigo desde fai máis de cincuenta anos; en Ourense desde cincuenta e en Lugo desde máis de vinte e cinco.

Que fan? Axudar ás parellas a descubrir as riquezas do sacramento do matrimonio e vivir a espiritualidade conxugal, tentando ser testemuñas  na Igrexa e no mundo.

Propóñense:

-Basear a súa vida matrimonial e familiar no Evanxeo.

-Coñecer mellor a vontade de Deus sobre o home e a muller para cumprila.

-Dar testemuño do amor de Deus a través da súa vida.

-Promover o matrimonio e a vida familiar na sociedade.

E os matrimonios reúnense en grupos ou equipos porque unidos axúdanse mutuamente no progreso humano e espiritual.

O pasado domingo, día 18, reuníronse en Ourense (foto superior) con motivo do 50 aniversario da implantación dos ENS naquela Diocese 150 matrimonios de toda Galicia.

Celebrouse unha Eucaristía na Catedral presidida polos Bispos  de Ourense e de Astorga (este consiliario nesta cidade antes de ser nomeado bispo) e, tras a comida compartida fraternalmente, houbo unha serie de actos nos que se conmemoraron os 50 anos de intensa vida do Movemento e da súa inserción na acción apostólica diocesana.

Na diocese de Lugo os ENS están presentes desde 1988. Foron impulsados polo sacerdote Angel Lorenzo e o matrimonio Charo e Ricardo, co apoio intenso do Sr. Bispo Frei José. A partir deste momento a semente empezou a expandirse e en poucos anos constituíronse 10 equipos, 8 en Lugo e 2 en Lalín. Todo iso fraguouse polo impulso de varios matrimonios dos Equipos de Vigo. O equipo Lugo 1 cumpriu o ano pasado as súas vodas de prata. Neste ano cúmpreas o equipo Lugo 2.

Ao longo destes anos, o labor apostólico foi intenso. Foron delegados de Pastoral Familiar Charo e Ricardo, Ana e Alejandro, Lourdes e Cándido, Carolina e Manolo. Unha gran parte dos monitores dos encontros prematrimoniais que se imparten en moitas parroquias de Lugo, en Lalín, Meira, Chantada, A Fonsagrada, Melide, Monforte, Bóveda, Sarria,  son matrimonios dos ENS.

Un equipo de matrimonios necesita para o seu adecuado funcionamento dun consiliario. Sempre apoiados polo Pastor diocesano, acompañaron e acompañan entrañablemente Ángel Lorenzo, Mario Vázquez, Luis Ansemil, Eladio Vega, Manuel Rodríguez, Antonio Fernández, Manuel López, Manuel Salgado, Juan Manuel Mariño, Jose Perez Barreiro, Manuel  Areán, Oscar Murado, Manuel Otero, Miguel Fdez. Vilariño, José Luis Vázquez Coego, Ramón Jacobo.

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: