Anticlericalismos de onte e de hoxe (e II)

Vai, logo esta segunda parte do tema do anticlericalismo. Pode que decepcione ós que  a esperaban con expectativas desmesuradas e ademais, por algo se di “que nunca segundas partes foron boas.”

No campo da fama de peseteiros e ricos prometera volver sobre outro complemento que teñen algúns curas á nómina ou á pensión: o dos enterros e cabodanos. Van sendo moitos os casos en que por necesidade ou por principio vanse facendo cun cura só, mentres o haxa. E, por outro lado, xa non se mide a importancia que a familia lle quere dar ó morto polo número de curas, senón máis ben polo prezo da caixa, o número de ramos e coroas, o tamaño da esquela no xornal, ou o número de radiacións. Onde se conserva o piadoso costume de “chamar ós curas de tabla”, tamén segue parecendo moito que un cura cobre 40 euros, -coma un ramo pequeno de margaridas-, aínda que teña que dedicar unhas dúas horas para poder non aparcar lonxe nin esperar a que lle abra paso o último que se vaia, e na cerimonia, presentar ben, saír moi aseado, cantar con forza, rezar con devoción e, se ten que predicar, non ser longo, centrar a atención case tan ben coma os de Podemos no Parlamento e, sobre todo, falar do ben que fora coidado ou coidada o corpo presente. Algunha vez teño pensado en canto sairía un funeral oficiado, poñamos por caso, por tres veterinarios, dereitos do Colexio á parte.

Polo xeral, non temos gastos coma se tivésemos fillos nin muller que manter, aínda que, se escoito ó pobo, só podo falar por min, porque aínda hai pouco que unha muller de Friol escribiu nas redes públicas que todos os curas, menos o “seu”, temos unha pilísima enorme de fillos ciscados polo mundo. Parece ser que a asociación feminista “Haz el bien y no mires con quién” vaille dar un premio á señora, e o Instituto Central de Bioloxía Xenética, outro polos seus descubrimentos da desconcertante fertilidade de “célibes, menopáusicos y prostáticos”. Manter fillos non, pero o utilitario usado por necesidade a diario vén comendo case tanto coma un repoludo cebote.

Saíu antes o nome de Friol e penso que o seu conflito pode pasar á historia como prototipo e paradigma do anticlericalismo dos tempos modernos ou do cambio que, valéndose dos medios de comunicación e das redes sociais, e usando o populismo para estimular instintos e anular raciocinios, difunde verdades a medias, crea realidades mendaces e maquilla ó seu gusto a realidade verdadeira. E ademais, apunta por riba do clero baixo, a bispos e membros da curia que saben que non se defenderán coa mesma linguaxe utilizada contra eles.

Sirva como exemplo a autochamada Plataforma veciñal formada por 3 persoas en representación de 14 parroquias, que se autoconstituíu en defensa do “seu” cura e que  inaugura algo do máis  orixinal: Valorando moitísimo a un só cura, en nome do que falan e suplantan como se o tivesen secuestrado, deixa mal a tódolos outros, incluído, por suposto, o Bispo, Vicarios, Consello de Consultores e permanente do Consello Presbiteral.

Algo vai cambiando na Igrexa cos tempos, aínda que moitos anticlericais de sempre digan que é unha institución inmobilista. Non é novidoso que un alcalde cristián, por servir ó pobo, queira declarar persoa non grata a un Bispo e consecuentemente ós curas nomeados por el? Non é unha gran noticia que uns laicos comprometidos inviten a rezar un “nosopai” composto para a ocasión, nunha praza mollada de Lugo, “in facie episcopi”, megáfono en man, e o fagan con esta monición inicial: “Todo dios de rodillas”!, e denuncien ó Bispo da súa diocese ante a Conferencia Episcopal e a Nunciatura e pidan protección ó Embaixador ante a Santa Sé e, saltando a seguridade, lle queiran meter polos ollos ó Papa cando veña a Fátima: “Papa Francisco, su Obispo de Lugo no escucha”. Só falta que Francisco, tan campechano el, apee do papamóbil e entre ó diálogo: –“Ma, ¿de che Lugo mi parla; di Lugo di Vicenza in Italia, Lugo di Nazza in Francia?”.-“En Friole de Galiza, Santidade. Ou sexa: en Friol de Lugo”.-¡Ah, bene! In Argentina suona molto nabo di Lugo”. Agora que se o pillan co paso cambiado pode despachalos cun: “¿E poi, Lugo non ha otorinolaringoiatri per lavare le orecchie del Vescovo? Tutto è cominciato e continua come una incredíbile carnevale farsa per screditare la Chiesa. Pertanto, la piattaforma non è in comunione ecclesiale”.

Xosé Manuel Carballo

Anticlericalismos de onte e de hoxe (I)

O anticlericalismo é moi característico deste noso país, e entendo por país, primeiro Galicia e despois España, pero quizais lle cadre mellor o nome de país a Galicia por  aquilo do augardente da queimada, nosa bandeira folclórica. Parte do noso folclore creo que o forma tamén ese clericalismo rancio que vén de vello. Outra cousa son as novas formas que están xurdindo, acordes cos novos tempos.

Non me vou parar na análise dos motivos dos anticlericalismos. Hai mentes máis eruditas para facelo. Sei que hai motivos externos, pero tamén os hai de dentro, polos que temos que pedir perdón e nalgúns casos a petición chega tarde.

Neses tópicos de corte anticlerical que veñen de atrás, é ben sabido que ós curas dásenos a fama de folgazáns. Xa no 1889 “O Catecismo do labrego” di que o sacramento da Orde fai señoritos ós fillos dos labregos.

Cambiaron os tempos e con eles acostuman a cambiar as ideas, pero ás veces estas cambian tan lentamente que fai falta ser moi agudos para notar os cambios. Por exemplo: agora xa se escoita menos iso de “vivir coma un cura” ou “ comer coma un cura”, aínda que algo si, pero poucos se animan a probar. Antes na casa dos curas entraba diñeiro, a diferenza das dos fregueses das aldeas, nas que podía entrar moi pouco, froito de vender algún becerriño, unha vaca vella ou maronda, unhas ducias de ovos, coellos ou pitas, e un lacón por cocho matado, porque o outro e os dous xamóns había que reservalos para pagar obrigacións ou rendas ós señores. Manexar moeda permitíalles ós curas aparecer como ricos e poder mercar chocolate para a parva. Mentres que agora ata o chocolate temos que dosificar curas e non curas por mor do colesterol. E quen non, é porque aínda non foi ó médico.

Seguimos tendo fama de comer ben, de vivir ben e de ter moitos cartos, aínda que moitos acaben sendo grandes especialistas, en abrir latas de conservas, debido a que teñen que cociñar para si, e ó mesmo tempo espertos nas ferramentas das novas tecnoloxías: microondas, lavadoras, algo de batedoras, pouco; e menos de ferro de pasar, que “la arruga es bella”.

Tamén se mantén a sona de lacazáns, aínda que teñamos que mal atender dez parroquias ou máis. Ben é certo que visto desde fóra non é traballo iso de: visitar enfermos, poñer catequese, amañar papeis, correr a escape dunha parroquia para outra os domingos, enterrar mortos, bautizar -a case ninguén no rural-, casar a moi poucos tamén no rural e facer en moitos casos de asistentes sociais, arquitectos, varredores, oradores e mendicantes para conservar un patrimonio que segundo conveña dise que é de todos ou que é dos curas. Para outros boa parte destas cousas si que son traballo polo que cobran bastante ben. Por exemplo: se vén un médico particular á casa ver a unha persoa enferma e lle receita un tranquilizante eficaz: “Douscentos euros e o taxi, foi un regalo!”. Se vai de visita o cura e a mesma persoa queda máis relaxada e tranquila: “Boh, casualidades ou, se cadra, manías de vellos!”. Se tivese que xestionar un expediente matrimonial unha xestoría, douscentos euros a cada un: “algo caro, pero razoable, tal e como vai a vida”, se o cura cobra 20: “Debe pensar que os ganamos cantando coma el! Estache boa!”.

“Alabado sea Dios nunca tal se viu!. Dez euros por unha misa!”, aínda que gaste máis en coche, ou que lavalo por culpa da lama custe cinco.

Tamén seguimos tendo sona de ricos a pesar de que as nóminas en xeral andan polos 800 euros e a pensión dos xubilados, non retirados ata non poder máis, por falta de aspirantes a pesar do “ben que vivimos” é de 400 con complementos a mínimos que se perden facilmente ata chegar ós 605 dun autónomo e con outro complemento en case todas as dioceses para equipar ós non xubilados.

Ben sei que alguén está pensando en taparme a boca cos enterros e cabodanos. Responderei, Deus mediante, o domingo que vén e tamén penso dicir algo dos anticlericalismos dos populistas de hoxe e de querer que os bispos sirvan curas “a la carta” despois de preguntarlles, en fraternal diálogo, a alcaldes e plataformas veciñais, se os queren como moito ou pouco sal, con pelo ou descapotados.

                                               Xosé Manuel Carballo

A %d blogueros les gusta esto: