Máis alá dos disfraces

En Lugo temos moita sorte porque podemos disfrazarnos ou caracterizarnos varias veces ao ano: Samaín, Entroido, Arde Lucus…

O asunto é que, un ano máis, temos a ocasión de celebrar a Coresma e a Pascua e, aínda que lles pese a moitos, o Entroido. Unha festa un pouco estraña: a data da súa celebración márcase en función da Pascua e, por conseguinte, do mesmo Deus, do que se fará burla estes días con total impunidade.

Resulta rechamante a afección que temos os humanos a disfrazarnos para parecer o que non somos e a organizarnos en desfiles cun gran parecido ás procesións relixiosas. Non desperdiciamos ningunha ocasión para facelo. Calquera motivo sérvenos para poñer encima do noso corpo algo que tape o que somos habitualmente, para ‘ser outra cousa’, por suposto, sen sentido. Tanto é así, que ata ás vodas os invitados e os noivos parece que van disfrazados.

E unha vez máis, o esencial pasa a ser unha mera escusa e o seu lugar é ocupado por ‘cousas’ que, miradas cunha certa calma, son totalmente absurdas e carentes de sentido. Cousas que na maioría dos casos, non son capaces de provocar en nós nin un simple sorriso gracioso.

Máis aló de disfraces está o mesmo Deus, que existe desde sempre e para sempre; independentemente da nosa temporalidade e das nosas tonterías. Precisamente por isto, pola tontería dunha falsa comprensión que temos da liberdade que nos leva ao pecado, á imperfección, Xesucristo tivo que entregar a súa vida na cruz e resucitar por nós ao terceiro día. Isto é o que celebramos todas as semanas na Eucaristía dominical, e que agora imos facer dunha forma máis solemne na Pascual Anual, para a que temos corenta días de preparación (a Coresma). Non precisamente con disfraces, senón con todo o contrario: tirar ao lixo todos os nosos trapos e caretas (pecados), mostrarnos ao Señor tal como somos (aínda que sexamos uns miserables) e deixar que El nos salve coa súa infinita misericordia.

Non están os tempos para desperdiciar as oportunidades. Non é porque Deus canse ou esgote as súas capacidades. Somos nós os que nos acabamos, en moitas ocasións de súpeto. Así que non está de máis chegar a ese día co billete no peto. E máis aínda, vivir os días deste mundo coa confianza de sabernos queridos e salvados polo Señor. Non tanto pola nosa propia felicidade senón pola dos demais, xa que se beneficiarían da nosa humilde caridade que ten a súa fonte no mesmo Deus. El fai auténtica a nosa caridade para que non sexa só un acto máis ou menos `guai’ do que nos podamos cansar en calquera momento.

Máis aló dos disfraces e das nosas tonterías está Deus. Renovemos a nosa confianza nel. Non convertamos a Semana Santa nunha ocasión máis para disfrazarnos.

Miguel Ángel Alvarez

A %d blogueros les gusta esto: