Terceiro tempo

Contan que Don Marcelino, -o don aquí ten certa importancia- despois de levar a cabo todas as actividades dominicais propias dun castellano viejo alá onde os haxa, dirixiuse ao colexio electoral (estamos a 12 de abril de 1931) e preguntou ao presidente da mesa: “Votou xa todo o mundo?” Sen mediar resposta, Don Marcelino, unha vez aberta a urna, introduciu nela un puñado de papeletas. A cor da papeleta? ímolo deixar como o lugar da Mancha, cuxo nome non quero lembrar…

Non imos entrar agora en, se despois de noventa anos, segue habendo Don Marcelinos, aínda que quizais e, sen ánimo de ofender, algúns parecidos poderiamos atopar entre este personaxe e institucións como o IBEX 35, as grandes transnacionais, os intereses de grupos globais de comunicación, as grandes enerxéticas, as mesmísimas redes sociais.

Ao fío diso, e da man de Jean-Jacques Rousseau, ilustrado e ilustrador de xeracións de teóricos da filosofía política, preguntámonos: Son realmente libres os ingleses porque votan cada varios anos? Tiña guasa este Rousseau.

Ben, pois por aquí votamos. Non unha, senón varias veces: que se xerais, que se europeas, que se autonómicas, que se locais; até sindicais nalgúns sectores.

A democracia, non é só votar. O voto é necesario, pero quizais non abonda por si só.

Efectivamente, e como non, achegámonos unha vez máis á dialéctica. A liberdade e a igualdade. Existe unha sen a outra? Lexitímase por si soa cada unha delas? É o home libre se carece das condicións suficientes para poder levar a cabo as súas propias decisións, opcións e eleccións de maneira humanamente digna? É a igualdade só de oportunidades ou precisamos unha igualdade básica e real nas condicións materiais da existencia? Cabería renunciar á auténtica liberdade en aras dunha igualdade homoxeneizante? Aí queda iso!

Sempre me gustou o rugbi. Contacto físico, duro, pero elegante, sen saña nin malas artes. Pero quizais o mellor dese deporte é o terceiro tempo. Ese intre no que, unha vez finalizado o encontro, os adversarios comparten bebida, comida e boa charla.

Tócanos agora o terceiro tempo. Votamos. Temos os nosos representantes, as nosas institucións e canles de participación articulados xa para levar a cabo as distintas propostas políticas nos distintos ámbitos de goberno. Terceiro tempo como tarefa e acción política. Pero, cal é o centro e obxectivo da acción política a calquera nivel de concreción? Non é outro que o SER HUMANO. Muller e home. O ben común do home, da sociedade.

Permítanme terminar esta reflexión -un pouco desordenada hoxe- citando a Gaudium et spes do Concilio Vaticano II: “O ben común concrétase en tres fins: o respecto á persoa en canto tal, no benestar social e o desenvolvemento colectivo, e na estabilidade e a seguridade dunha orde pacífica e xusta”.

Ao terceiro tempo que imos! Case nada!

Queque Bayo

Licenciado en Filosofía

A %d blogueros les gusta esto: