Dous novos libros de Francisco Castro Miramontes

O franciscano Francisco Castro Miramontes acolleu a peregrinos en Santiago de Compostela e agora faino no santuario do Cebreiro. Recentemente publicou dous libros, un deles titulado: Tiempo de esperanza. Contemplar la vida desde el Camino de Santiago

“Este libro, distribuído en 30 xornadas de peregrinación, trata de ser un humilde compañeiro de camiño na travesía da vida; son palabras unidas e abrazadas a imaxes para reforzar o seu argumento.

“Pero nin as fotografías nin as palabras poden conter todo o que significa o Camiño de Santiago para cada un dos seus protagonistas, xa que hai tantos camiños como camiñantes; e cada experiencia é única e irrepetible, aínda que se pareza a outras”. Do prólogo

E outro libro de Francisco X. Castro Miramontes é o titulado La senda de la vida. Historias del Camino de Santiago:

“No Camiño de Santiago facilmente prodúcese o encontro e o compartir con xentes de diversos lugares do mundo. E estes encontros resultan ser providenciais.

“Cada peregrino ponse en Camiño, e nese porse en marcha irase atopando con outras persoas que optaron, por diversos motivos (tantos como peregrinos, ou máis), por levar a cabo a mesma fazaña: camiñar pola mesma ruta, pisando as pegadas de peregrinos de outrora e delineando cos pés, a golpe cincela-do de pasos, aínda que sexa de maneira imperceptible, os tramos que outras moitas persoas, con posterioridade, volverán pisar.”

Presentación do libro María de Nazaret

O 8 de xuño no Vello Cárcere de Lugo tivo lugar a presentación do libro María de Nazaret, datos del Nuevo Testamento sobre la madre de Jesús, do que é autora Teresa Vilariño Pardinas.

O acto foi aberto pola presidenta do grupo El Progreso Blanca García Montenegro, que destacou o carácter de loitadora de Teresa Vilariño.

A continuación, o director do Movemento Bíblico Diocesano, Jesús Fernández Aira, referiuse á metodoloxía da autora: achegamento á Biblia desde a propia vida (incluíndo a fraxilidade e a dor), uso da eséxese e da antropoloxía cultural.

Tamén foi sinalando Jesús Fernández Aira as realidades das que parte a autora: catequese, mística de ollos abertos, feminidade de María, empoderamento, María como crente que vive as súas dificultades e supéraas, identificación de María cos pobres de Iavé (Magnificat); María, nai da Igrexa.

A autora, Teresa Vilariño, contou a motivación para escribir o libro: o feito de que os segrares non sempre chegan a coñecer as marabillas que hai na Biblia e ela proponse proporcionar chaves de lectura.

Exposición “ Do Camiño ao papel: o fondo xacobeo da Biblioteca do Seminario”

A Biblioteca do Seminario de Lugo organiza a exposición “ Do Camiño ao papel: o fondo xacobeo da BSL” para celebrar o Día do Libro e o Ano Santo Xacobeo. A exposición repasa, a través de exemplares que van desde o máis antigo do ano 1612 ata a actualidade, o espírito relixioso, literario e artístico da peregrinación a Santiago de Compostela no marco da historia de España e de Europa.

Poderase visitar o venres 23 en horario de 11:30 a 13:30 e de 17:00 a 19:00.

A sección do fondo antigo permanecerá exposta durante un mes nese mesmo horario.

Presentación do libro “Don Nicandro Ares. Bo e sabio”

A Aula Magna do Seminario Diocesano acolleu a presentación do libro Don Nicandro Ares. Bo e sabio o día 11 de novembro.

O libro ten como xerme a achega de Enrique Montenegro Rúa e Felipe Arias Vilas no referente á bibliografía de Nicandro e a Santa Eulalia de Bóveda.

O título Nicandro Ares. Bo e sabio recolle o seu quefacer intelectual e súa bondade, sen a cal o quefacer intelectual vale pouco. Co título quíxose subliñar que a realización persoal ten que acompañar á realización intelectual e iso é o que se fixo realidade en Nicandro.

A obra ten 4 partes:

Nunha primeira parte Mons. Alfonso Carrasco e Xesús Alonso Montero encárganse da presentación e introdución.

2ª parte: estudos que dan conta do fondo traballo intelectual e da riqueza humana de Nicandro.

3ª parte: testemuños de persoas que trataron a Nicandro e que deixan constancia de como era a súa personalidade e o seu quefacer

Na 4ª parte Enrique Montenegro mostra a produción bibliográfica de Nicandro Ares.

Tamén se inclúe documentación fotográfica que recolle a vida do homenaxeado.

Presentación de Falando baixiño II, libro de Miguel Ángel Álvarez

O 2 de setembro a libraría La Voz de la Verdad acolleu a presentación do libro Falando baixiño II. Reflexións ó abeiro da fe, cuxo autor é o párroco da Fonsagrada, Miguel Ángel Álvarez.

O director da libraría, Javier Diéguez Diéguez, foi o encargado de abrir o acto, e fíxoo coas seguintes palabras:

“O contido do libro axúdanos a reflexionar sobre a realidade que está vivindo a Igrexa a comezos do século XXI e os retos que ten por diante.

“Os textos fálannos do labor evanxelizador de Miguel Ángel Álvarez, labor que fai de xeito orixinal, bastante creativo e eficaz. Consegue achegar o seu grao de area a esa tarefa eclesial, que se é diversa, é rica e polo tanto moito mellor.

“Hai unha característica común a todas as aportacións dos artigos de Miguel Ángel Álvarez, que é loable. Trátase da honestidade. Neste mundo no que importa é a imaxe, o ego que un ten, que alguén comparta con honestidade e con independencia de que lle guste aos demais ou non lle guste, é moi de loar. Na nosa Igrexa ás veces deixámonos levar pola imaxe, o eco social, a repercusión; por iso, é importante que alguén faga algo con honestidade. Así que hai que agradecer a Miguel Ángel Álvarez polo seu libro, pola súa constancia e pola súa honestidade”.

A %d blogueros les gusta esto: