Rescatar a humanidade

Vivimos estes días acontecementos dramáticos, que nos interpelan profundamente. E volven á mente as palabras do pobre, as palabras de Cristo na cruz, «na miña angustia búscote, Deus meu», «por que me abandonaches», que, con todo, resoan dun modo novo nesta festa da Pascua de Resurrección.
Son palabras que atravesan a historia en boca de tantos que se viron abandonados polos homes -na fame, as inxustizas, as guerras, os campos de refuxiados, etc.- ou que se atopan afundidos polo peso das súas culpas. Son a miúdo tamén o argumento e a forza do poderoso: se es fillo de Deus, se Deus existe, que che axude; a ver se pode librarche das miñas mans.
O día de Pascua é o día da vitoria de Deus, que escoita a voz sufrinte de quen suplica en Xetsemaní e desde a cruz en nome de todos os seus irmáns, e respóndelle colmándoo de vida para sempre. A vitoria do Resucitado dá a razón á esperanza agochada no fondo do corazón; afirma o valor da propia persoa, desprezada moitas veces por quen busca só vencer nas loitas deste mundo, que se revela agora amada para sempre por Aquel que a creou e que nunca a esqueceu.
A Resurrección do Señor é a proba da nosa, do futuro, do horizonte verdadeiro da nosa vida, por riba de todo sufrimento e da morte, contra toda negación escéptica da nosa dignidade e do noso destino bo.
A Resurrección fai resucitar a nosa fe e a nosa esperanza, a certeza de que non perderemos para sempre o ben que amamos, a aqueles a quen quixemos nesta terra.
Xesús resucitado devólvenos así o protagonismo na historia. Relativiza o poder e a forza, que o condenaron a matar, e fainos capaces de construír no amor, coa caridade indestructible que vén de Deus, que pode esperar e soportar calquera adversidade, e non remata nunca.
A Resurrección esperta a nosa conciencia e o noso corazón, porque dá a razón á súa esperanza profunda, ao seu desexo de dar forma boa á vida, á convicción de que vale a pena ata o sacrificio.
A Resurrección fainos persoas libres no medio do mundo. Fainos irmáns, permite que nos abracemos reconciliados e con alegría, que camiñemos xuntos como familia e como pobo. Que non cedamos á chantaxe da mentira e da violencia, ao temor á morte, senón que defendamos sempre a verdade e o ben, e así ao noso próximo, en primeiro lugar ao que sofre a inxustiza e a opresión.
A fe no Deus verdadeiro, que resucitou ao seu Fillo Xesucristo de entre os mortos, é o fundamento de toda resposta axeitada e perdurable ao mal no mundo. Fai posible non limitarse simplemente ao uso da forza e ao medo ás represalias, e recorrer á luz dunha razón e unha moralidade verdadeira, adecuada ao ser humano, respetuosa das esixencias máis fondas do corazón, capaz de construír unha sociedade máis xusta.
Que a alegría destas festas, que afirman de novo a esperanza e a vitoria definitiva do amor fraterno, fagan das nosas vidas e das nosas casas como un testemuño que responda cos feitos á inhumanidade que nos ameaza nas soidades e sen sentidos de cada día, e nos grandes dramas provocados pola violencia e o erro dos homes.
Que a Pascua de Resurrección nos faga felices da nosa fe, conscientes da súa profunda humanidade, obxecto dos desexos de todos -tamén de quen a buscan por camiños equivocados-, que nós estamos chamados a testemuñar desde a humildade da nosa existencia cotiá, sabendo que as nosas forzas son limitadas, pero que a caridade é o don propio do Señor resucitado e que, por iso, non se esgotará nunca.

Mons. Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

Semana de Pascua, un día de oito días

sepulcro aberto

Estamos na semana de Pascua. Para os cristiáns esta semana é como un só día. É o máis importante do ano porque celebramos o acontecemento central da nosa fe: Cristo resucitou. Isto é o que dá sentido á nosa fe en Cristo. Celebrámolo durante unha semana para expresar que a vida é quen vence, aínda que sen esquecer que a paixón é o camiño da resurrección.
A Semana Santa transcorreu con normalidad e con bo tempo. Co impulso destes días dispoñémonos para afrontar a última etapa do curso pastoral. Agora é o momento de empezar a recoller os froitos do sementado durante o outono e o inverno. Agora é tempo de confirmacións, primeiras comuñóns e vodas. A claridade propia dos días primaverais e estivais que escollemos para este tipo de celebracións é tamén expresión da luz da fe coa que Deus ilumina a nosa vida.
Como os primeiros apóstolos, queremos anunciar a todo o mundo que Cristo resucitou e nós somos testemuñas. Este é a mensaxe central da predicación dos apóstolos.

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: