Publícase un novo número da revista Lucensia

Revista da biblioteca do Seminario de Lugo

O martes 21 no auditorio da Fundación Novacaixagalicia, en Lugo presentouse un novo número da revista de cultura e investigación Lucensia. Na portada vese unha foto da ponte romana de Lugo, pois a ela adícanse dous artigos. Un sobre a súa conservación titulado “A ponte de Lugo e a responsabilidade da Mitra episcopal: problemas derivados do seu arranxo”, de Adolfo de Abel. E o profesor de Física Miguel Leiva Torreiro detalla con precisión técnica o alcance das obras de remodelación concluída este ano.

O número 46 Lucensia ábrese cun artigo do teólogo David Varela Vázquez, que escribe sobre a relación entre fe, ciencia e teoloxía, descubrindo implicacións teolóxicas da Física moderna, segundo o profesor Manuel Carreira.

Ler máis

Publicación do señor Bispo, Mons. Alfonso Carrasco, sobre o Ano da fe

Alfonso Carrasco Rouco

O Bispo de lugo, D. Alfonso Carrasco Rouco vén de publicar un escrito titulado O Ano da fe, unha renovación de vida. Nel vai expoñendo algunhas características da fe e do que supón celebrar o Ano da fe. Tamén fai ver o señor Bispo a necesidade de coidar o sacramento da confesión, que “é una forma sinxela de promover a vivencia da fe e a evanxelización, que sempre é facilitada polo encontro persoal”.

Ademais da peregrinación diocesana a Roma hai iniciativas concretas da Diocese lucense, como peregrinacións por arciprestados á Catedral, sesións para reflexionar sobre o Credo apostólico e haberá un día de celebración festiva de varias parroquias conxuntamente, en distintas zonas da Diocese, para “recoñecer, compartir e dar grazas polo tesouro da propia fe”.

Finalmente, Monseñor Alfonso Carrasco encomenda as tarefas deste Ano e a nosa fe á protección da Santa Virxe María. 

Homenaxe a D. Jaime Delgado e a D. Nicanor Rielo na presentación de Lucensia

revista Seminario Lugo

Durante a presentación da revista Lucensia, o día 12 ás 18:30 no salón de actos da Fundación Novacaixagalicia (pza. de Sta. maría, Lugo) o profesor de Universidade Antonio Rodríguez Colmenero  evocou a D. Jaime Delgado, infatigable colaborador de Lucensia, e a D. Nicanor Rielo. Sobre este último, Alfonso Blanco elaborou un artigo no número da revista que se presenta titulado “Nicanor Rielo Carballo, un buscador de tesouros”. Outro dos artigos da revista reproduce un capítulo do tema preferido de Jaime Delgado, relativo á igrexa de Temes, coa inscrición cristiá máis antiga de Galicia.

As dúas figuras homenaxeadas comparten, entre outras cousas, entrega ao labor sacerdotal, colaboracións en Lucensia ou no libro Abrindo as portas ao San Froilan 1999.

  “Jaime Delgado, toda unha vida de entrega e de investigación que  puxo luz onde só había tebras e proclamou certos reparos onde só había esquecemento e destrución. Persoa sensíbel, persuasiva e leal a un método de descuberta comparativa que, no seu caso, deu estimulantes froitos”. Xosé Lois García

“Nicanor foi un crego que percibiu, con claridade, a íntima conexión que existe entre os pobos e a súa lingua”, Frei Xosé Gómez (homilía no funeral de Nicanor Rielo).

Na internete pode lerse un artigo de Jaime Delgado sobre o crismón de Quiroga e de Nicanor Rielo outro sobre as igrexas de Sta. Mª de Arcos e S. Lorenzo de Peibás

Presentación do libro Os nosos devanceiros: Quiroga, Ribas de Sil e O Courel

HORARIO E LUGAR: O xoves día 9 ás 12 horas na igrexa parroquial de Quiroga

AUTORES: Jesús Río e Manoel Carrete

CONTIDO: Libro de fotografía en branco e negro dos tres concellos. As fotos foron cedidas por particulares e son de temática diversa: a familia, a festa, a modernidade, o medio, a mocidade, o agro…

PATROCINIO: Este libro non recibiu ningunha subvencion pública, tan só axuda dos emigrantes.

FINALIDADE: Recuperar material fotográfico das terras de Quiroga, Ribas de Sil e O Courel. Conseguir fondos para realizar outras actividades de tipo cultural.

A %d blogueros les gusta esto: