Presentación dun novo número de Lucensia

Presentación Lucensia n. 47

O día 27 presentouse o número de outono da revista Lvcensia. Un dos artigos “Juan Francisco de Castro (Doctor Castro) de Lugo” foi presentado polo autor, Óscar González Murado, que insertou ao personaxe investigado nun grupo de esclesiásticos de gran valor intelectual dos que se rodeou o Bispo Armañá a finais do século XVIII. Do Doutor Castro destacou Murado dúas obras: unha (Discursos críticos sobre las leyes…) na que se fai unha madura reflexión sobre o mundo do Dereito e outra (Dios y la naturaleza) na que crea unha arquitectura discursiva sobre Deus.   

Está na rúa a tradución ao galego de Santo Rosario, de san Josemaría Escrivá

Presentac Sto Rosario

O día 30 de outubro, un repleto salón Novacaixagalicia de Lugo) acolleu a presentación da edición galega de Santo Rosario, obra de san Josemaría Escrivá.

O director da editorial Follas Novas, Rafael Silva, presentou primeiro ao deán da Catedral, Luciano Armas, para quen “aínda que dous textos en castelán e galego me digan o mesmo, non me fan sentir o mesmo” e a continuación presentou á tradutora, Araceli Filgueira. Ela salientou que san Josemaría usara “unha linguaxe coloquial, íntima, directa, penetrante, que nos fai partícipes de todo o que está a suceder” nas escenas evanxélicas. E concluíu Araceli dicindo que o libro permite “falar coa Virxe na nosa lingua”, algo importante porque “ela é da casa”.

Miguel Ángel Álvarez: A primeira encíclica escrita por dous Papas

Non podía ser doutra forma. Estando no Ano da Fe a encíclica tiña que ser dedicada á fe. Lumen Fidei, A Luz da Fe, é o seu título. Unha encíclica realmente escrita por dous Papas. Benedito XVI iniciáraa para completar a serie de encíclicas dedicadas ás virtudes teologais: fe, esperanza e caridade. Con total gratuidade e humildade, pasa as súas anotacións ao novo Papa, para que este nos anime a todos a seguir facendo alegremente o camiño da fe.

Nos medios de comunicación agradécense moito os titulares, e na Lumen Fidei témolos abundantemente. Frases breves e claras pero sen deixar de ser profundas. Palabras que nos estimulan e axudan a crer, a atopar a alegría da fe, a construír un mundo no que Deus é o fundamento de toda fraternidade, xustiza e esperanza.

Calquera persoa que saiba ler atopará, nesta encíclica, unha boa axuda para vivir a fe en Xesucristo con alegría e sen complexos. Por iso animo a facer o propósito de comprala e lela durante este novo curso pastoral que estamos a comezar.

Presentación do libro de Nicandro Ares: Estudos de toponimia galega

image

 No Salón de Actos da Real Academia Galega  acolleu o día 18 de setembro a presentación do libro Estudos de toponimia galega (vol. I e II), do sacerdote e académico correspondente Nicandro Ares Vázquez. Trátase dunha colectánea de artigos sobre a materia.

 Interviron no acto: Xesús Alonso Montero, Presidente da Real Academia Galega; Ramón Lorenzo Vázquez, coordinador do Seminario de Onomástica da Academia e Antón Santamarina Fernández, académico editor da obra elaborando, entre outras cousas, uns índices que facilitan a consulta.

Publicados dous estudos relacionados coa historia da Diocese

Acaba de aparecer Annuarium Sancti Iacobi. revista de investigación e divulgación científica do Arquivo da Catedral de Santiago. Entre os estudos medievais deste primeiro número hai un artigo de Manuel Rey Olleros, “El Breviario de Lugo: su música”.

Tamén é de recente aparición unha nova publicación miscelánea, titulada ‘Oh lux Iberiae’. En torno a las letras en la España medieval (Lugo: Editorial Axac). Nela hai un artigo de José Mª. Anguita Jaén dedicado á interpretación filolóxica de tres inscricións latinas gravadas en pedra achadas en terras da Diocese de Lugo, unha das máis antigas da Península Ibérica. O traballo titúlase “Tres inscricións lucenses máis que milenarias: a Lápida de Bretoña, o Acróstico de Odoario e o Disco de Quiroga”. Con esta última denominación refírese ao crismón. 

A %d blogueros les gusta esto: