Xornada de Medios de Comunicación Social 2012 Silencio e Palabra, camiño de evanxelización

Un ano máis, a Igrexa celebrará a Xornada das Comunicacións Sociais no día da Ascensión do Señor, o próximo 20 de maio. Dende o seu inicio as Xornadas fixeron un especial fincapé na importancia dos medios de comunicación de cara á evanxelización, e consecuentemente na urxencia dunha formación que permitise levar a cabo ese obxectivo dun xeito profesional e efectivo.
A identidade mesma da Igrexa está constituida por unha misión de comunicación. Ela sabe que existe ao servizo da mellor das mensaxes, a Boa Noticia da salvación. E de feito, ao longo da historia, sempre utilizou os medios máis adecuados e as novas plataformas que ían aparecendo para cumprir a sua misión.
A utilización de novas técnicas ou medios de comunicación estaba destinada a anunciar e facer máis accesible o Evanxeo. Por iso, a Igrexa sempre se preocupou tamén de que as formas de transmisión servisen aos contidos e non os traizoasen, na música, na escultura, na pintura, etc., ata chegar ao uso da imprenta na época moderna. Hoxe en día, a nova cultura mediática introduce técnicas e necesidades novas, e, en primeiro lugar, a urxencia da información, que forma xa parte esencial do proceso de comunicación. Tamén aquí os contidos deben ter formas de expresión axeitadas, de modo que o acontecer eclesial faga presente no panorama dos medios a vida nova que nace do Evanxeo.
A novidade quizais máis grande está, non obstante, en que cada persoa pode ser xa non só receptor, senón tamén emisor de contidos, o que abre novas frontes e posibilidades á labor comunicativa da Igrexa. Cada vez máis persoas achéganse á rede deixando preguntas e buscando respostas sobre ás interrogantes últimas da existencia: quen son eu?, que podo saber?, que podo facer?, que podo esperar? A rede preséntasenos así como unha “ágora” nova, que multiplica os contactos e as ocasións de diálogo, e que pode mesmo conducir a relacións e encontros persoais, imprescindibles para a transmisión da fe.
Na mensaxe deste ano para a Xornada das Comunicacións, o noso Papa invítanos a aproveitar a ocasión de acercarnos a todas estas persoas coa proposta da Palabra e tamén do silencio. Pídenos logo que fagamos un alto no frenético ritmo do mundo mediático, que saibamos ir máis alá das cuestións técnicas, para chegar a utilizar as vantaxes das tecnoloxías da información en beneficio da persoa. O Papa recórdanos que “aprender a comunicar quere dicir aprender a escoitar, a contemplar, ademais de falar, e isto é especialmente importante para os axentes de evanxelización: silencio e palabra son elementos esenciais e integrantes da acción comunicativa da Igrexa para un renovado anuncio de Cristo no mundo contemporáneo”.
Esta unidade de palabra e de silencio é de grande importancia nas circunstancias actuais, ante a enorme cantidade de información que entra e afecta cada vez mais á nosa existencia cotiá por medio sobre todo da presenza constante de medios audiovisuais e dunha inmensa rede globalizada de comunicación.
Benedito XVI recoñece o feito e a importancia destas novas tecnoloxías, e ao mesmo tempo que non se bastan por sí soas. A persoa segue a ser determinante en todo proceso de comunicación, na transmisión e na recepción da mensaxe. Pois tamén aquí é verdade que o home non se salva grazas a novas técnicas, senon ao encontro con Aquel que é a Verdade e a Vida, Xesucristo o Fillo de Deus.
O seguimento da sua Persoa, nun silencio íntimo e atento, é o principio permanente dun cambio cualitativo tamén na nosa forma de comunicación, na nosa capacidade de escoitar e acoller a quen se nos achegue, e na de transmitir os contidos do Evanxeo. O silencio, no que respira o noso corazón, é compañeiro inseparable da palabra, e non pode quedar na sombra polas urxencias da inmersión nas novas tecnoloxías ou da capacitación para o seu uso.
Se sabemos acoller realmente na nosa interioridade a Palabra do Señor, crecerá sempre tamén o interés polas novas plataformas de información, que poden axudar ao home de hoxe a vivir e compartir momentos de reflexión, e mesmo a encontrarse con un testemuño noso dado á palabra de Deus.
Que María, que gardou no corazón todas as palabrasdo seu Fillo e meditounas caladamente, nos axude a escoitar sempre ao Señor e ao irmán, e a saber ir ao encontro de quen necesite unha palabra de esperanza, facéndolle presente a verdadeira Boa Noticia por todos os medios que ofrecen hoxe as tecnoloxías da información.
+ Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: