Presentación dun novo número de Lvcensia

Presentación de Lvcensia

O 18 de maio  na Aula Magna do Seminario presentouse do nº 52 da revista Lvcensia. O acto estivo presidido polo señor bispo D. Alfonso Carrasco Rouco.

O profesor Miguel Leiva falou sobre os drons: usos, lexislación…  e informou sobre o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas: que tipos de drons se fan (para vixilancia), quen os fai (INTA, Indra e Inaer), con canto diñeiro (máis de 100 millóns de euros) e os postos de traballo que se crearían (10o directos).

Miguel Leiva tamén sinalou a problemática que hai arredor dos drons: os de tipo militar poden levar cabezas nucleares e en EEUU están preparando un dron que el mesmo decidiría cando disparar.

O novo número Lvcensia chama a atención sobre o Camiño Primitivo a Santiago. Outro tema de estudo corresponde a unha sepultura antropomorfa do monte de Cartimil (Ventosa, Agolada). Ademais, preséntase unha nova entrega de hidrónimos prelatinos, neste caso referentes ao curso alto e medio do río Ulla. Inclúense biografías do xeneral John Ryan no seu paso por Lugo, Avelino Díaz Díaz, chamado “o poeta de Meira” ou Xoaquín Díaz Villar emigrante e benefactor de Valadouro.
Destaca o artigo sobre o culto ao Santísimo Sacramento na catedral de Lugo con datos referentes aos últimos cinco séculos que mostran a vida relixiosa na cidade. Relacionado coa catedral fálase tamén dos seus mestres de capela. Este número recolle ademais unha crónica sobre as Xornadas de Teoloxía en Lugo.
A biblioteca do Seminario dá a coñecer a colección de patroloxía grega e latina de Migne.
Pecha este número un artigo sobre as vodas de ouro do Colexio da Asunción de Sarria, resaltando a importancia que tivo para esta comarca o establecemento das relixiosas nesta localidade.

Parroquia A Milagrosa, 70 anos de historia viva

celebración A Milagrosa
Momento da celebración dos 70 anos da igrexa da Milagrosa o pasado 14 de maio

 

Con agradecemento camiñamos na fe. Con esta afirmación poderiamos resumir os 70 anos de historia, desde que se colocou a primeira pedra da igrexa da Milagrosa, casa da comunidade cristiá. A súa actividade articúlase en torno a tres polos:

  1. oración – celebración
  2. catequese – evanxelización
  3. caridade – obra social

 Pero é unha casa de portas abertas a grupos e persoas do barrio, e mesmo da cidade que utilizan os seus espazos.

A través da Parroquia de A Milagrosa esténdese e irrádiase o labor da Igrexa Católica, mestra en humanidade. E así a comunidade cristiá axuda a moitas persoas con graves problemas económicos, sociais e afectivo. A comunidade intentou e intenta por o seu grao de area para soster na súa dignidade as persoas vítimas da inxustiza xeneralizada e da crise económica que sofre a xente.

Este edificio, que cumpre 70 anos, é signo visible da Igrexa como comunidade de fe. O labor desta Igrexa faise a través das diversas comunidades cristiás, que traballan non só para vivir e celebrar a súa propia fe, senón tamén en beneficio de toda a sociedade, na procura do ben común e da xustiza. Traballa coa súa propia contribución na esfera ética e moral, coa actividade libre dos propios cristiáns, e con infinidade de tarefas, especialmente sociais e caritativas.

Para esta Igrexa e a comunidade que a sustenta, o ben común nace e está motivado pola esperanza que provén da obra salvadora de Xesucristo. Nestes 70 anos moitas persoas fixeron da Parroquia de A Milagrosa un espazo de portas abertas e colaboraron para que a obra de amor de Deus chegue e axude a tódalas persoas nas distintas situación que se atopen na súa vida. (Texto extraído do folleto publicado para conmemorar os 70 anos de historia).

Xubileo de asociacións, movementos e confrarías

Xubileo de leigos

O domingo 15 de maio, solemnidade de Pentecoste, celebrouse o Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar. Con ese motivo organizouse o xubileo de movementos, asociacións e confrarías. Na peregrinación ata a Catedral, para entrar nela pola Porta da Misericordia, fíxose levando os respectivos estandartes os representantes das confrarías de Semana Santa de Lugo e de movementos. Ás 13h foi a Misa de Pentecoste presidida polo ser Bispo.

As próximas peregrinacións á Catedral para gañar o xubileo da misericordia son o día 17 de maio (parroquias de Monforte e Melide) e o día 21 (parroquias de Lalín e Silleda).

xubileo leigos peregrinación

“Laicos, testemuñas da misericordia”, charla de Jesús Fernández-Pacheco

J Fdez Pacheco e Alfredo Losada
Jesús Fernández-Pacheco (esqda.), presentado por Alfredo Losada (dta.)

O 13 de maio no Seminario houbo unha charla do responsable de difusión da HOAC (Irmandade Obreira de Acción Católica) Jesús Fernández-Pacheco.

A misión dos laicos, segundo Jesús Fernández, hai que vela desde 4 claves:

1) acompañar

2) propiciar unha nova maneira de entender a realidade

3) facer o posible para que as institucións se poñan ao servizo dos empobrecidos

4) dar visibilidade a experiencias alternativas que beneficien aos empobrecidos

Para que o apostolado dos laicos dea máis froito é importante a formación e decatarse da importancia da oración, de experimentar que Deus dinamiza a nosa vida.

Jesús Fernández fíxose eco en varios momentos da súa intervención ás conclusións do encontro de laicos celebrado o pasado novembro.

Ao día seguinte, houbo no Centro San Vicente de Paúl unha asemblea diocesana de laicos, na que houbo reunión por grupos (imaxe inferior, vía @alfredo_losada) e a Vixilia de Pentecoste.

Asemblea diocesana de laicos

Mellor dous: a asignación solidaria

mellor 2

A tendencia a manipular a linguaxe para beneficio propio é tan antiga como o ser humano. Desde a democracia lembro ver, escuchar e ler en moitos medios de comunicación social unha aversión ao mal chamado “imposto relixioso”. Cando aprenderán algúns que non existe ningún “imposto relixioso”. Que a Igrexa non impón nada a ninguén e menos en cuestións relativas ao fisco. Existe, si, como na maioría dos países democráticos do mundo, a posibilidade de que os contribuíntes poidan manifestar libremente o destino dalgúns bens sociais. É un dereito cidadán. Cáritas, este ano, está facendo unha campaña informativa insistindo en dous lemas: “a ti non che costa nada” e “mellor2”. É dicir, que, precisamente porque non é un imposto, a ti non che costa nada. E precisamente, porque é un dereito que podes exercer libremente, invítaseche a que marques de maneira conxunta as dúas opcións: Igrexa Católica e Outros Fins Sociais de interese xeral. Deste modo, os cidadáns colaboran á vez, e sen coste engadido, cun 0,7 % da súa base impoñible a soster a acción da Igrexa e con outro 0,7 % a apoiar os fins sociais que desenvolven Cáritas e outras moitas organizacións. Ademais, é de xustiza, xa que a Igrexa aforra moito diñeiro ao Estado. E non é esta unha afirmación banal. Está  ben fundamentada na realidade e a transparencia das cifras. O labor educativo en numerosos colexios; o traballo social en miles de centros de atención a minusválidos psíquicos e físicos; as Cáritas nas dioceses e nas parroquias promovendo a xustiza e a colaboración cos máis pobres; o esforzo a favor da saúde  nos numerosos hospitais dispersos pola xeografía española; os comedores sociais, as organizacións eclesiais como Mans Unidas, os misioneiros e misioneiras, as Congregacións relixiosas entregadas exclusivamente aos máis desamparados (nenos, anciáns, nais solteiras, mulleres maltratadas), a influencia do patrimonio eclesial nos ingresos por turismo, etc., son algunhas mostras evidentes do gran aforro  que todo iso supón ás arcas do Estado. E o Estado ben o sabe, aínda que non o di.

Neste sentido, a Igrexa dá a coñecer a súa actividade ao servizo da sociedade española. Coa presentación da memoria económica móstrase de forma clara e exhaustiva, en que inviste a Igrexa o diñeiro que recibe cada ano dos contribuíntes que marcaron a opción “Igrexa Católica” na súa declaración. É o compromiso da Igrexa a favor da transparencia e unha mostra de gratitude a quen manifestan a súa confianza nela.

Así o entenden a maioría dos españois. De feito, a Igrexa Católica viu aumentar, malia algúns, a Declaración da Renda 2015, tanto polo número de declarantes que marcan o X como pola cantidade que os declarantes destinan á Igrexa Católica, que por primeira vez supera os 250 millóns de euros desde que comezou a crise. Os galegos non imos por diante nestas cousas, de aí a necesidade de concienciarnos máis e mellor pero debemos ser agradecidos coas comunidades autónomas que con máis creceron neste sentido: Madrid, Andalucía, Cataluña e Valencia. Coa verdade por diante, crecemos todos e seremos, Deus mediante, máis solidarios nun futuro.

Mario Vázquez Carballo

A %d blogueros les gusta esto: