Bispos de Galicia e norte de Portugal reúnense en Vigo

Case unha vintena de prelados celebran o seu encontro anual

Os bispos das provincias eclesiásticas de Santiago de Compostela e Braga compartirán o martes 26 de novembro a partir das 11:00h. un encontro fraterno na sede do Bispado de Tui-Vigo. Na reunión intercambiarán experiencias pastorais e trataranse diversos asuntos como a evanxelización dos mozos.

Está prevista a asistencia do arcebispo de Braga e dos bispos, titulares ou auxiliares, de Aveiro, Porto, Bragança, Coimbra, Vila Real, Viseu e Viana do Castelo, ademais dos seis bispos das dioceses galegas: D. Julián Barrio, arcebispo de Santiago de Compostela, e o bispo auxiliar, D. Jesús Fernández; o bispo de Lugo, D. Alfonso Carrasco; o de Ourense, D. Leonardo Lemos; o bispo de Mondoñedo-Ferrol, D. Luis Angel de las Heras, e o anfitrión, D. Luis Quinteiro, Bispo de Tui-Vigo.

Os cans non necesitan ir a misa

Non, amigo lector. As cousas non van ir por onde pensas, pero é que non se me ocorre outro título. Segue lendo até o final e xa verás. No entanto, espero non meterme en «camisas de once varas» co que vou dicir.

Antes de nada, quero dicir que teño dous cans en casa e compartimos moitos momentos xuntos, sobre todo grandes paseos durante algunha mañá que teño libre.

Ás veces, dise dunha persoa que está a estorbar que «sobra máis que un can en misa», pero tamén somos capaces de advertir que cando un can entra nunha igrexa é porque dentro está o seu amo, e iso é unha cousa boa. Particularmente non me molesta que os cans entren na igrexa durante a misa, pois ás veces rompen a excesiva monotonía dos que estamos dentro e até parece que están eles máis atentos ca nós.

Pero a realidade é que os cans, como calquera outro animal (incluso os morcegos que ensucian todo), non necesitan ir a misa, porque non necesitan ser salvados, xa que non teñen tampouco opción de condenarse.

Cristo veu salvar só aos homes porque son os únicos de toda a creación que poden condenarse e porque tamén son os únicos que teñen liberdade. Os animais poden vivir en liberdade, pero non son libres, por iso non se lles poden imputar cousas malas nin tampouco poden escoller outras opcións das que que lles marcan os seus propios instintos.

Ás veces pódenos parecer que os animais tamén fan cousas malas (cando o xabaril esnaquiza unha leira de patacas ou millo) pero iso é só desde o noso punto de vista, xa que eles só responden a instintos, normalmente ao de supervivencia, pero non teñen maldade nin bondade, simplemente actúan.

Hai uns días durante a homilía nunha das miñas parroquias, das máis pequenas que teño, tiven ocasión de establecer un pequeno diálogo coas poucas persoas que alí estaban. Unha díxome que ela cría que todos nos salvariamos, porque Deus é infinitamente misericordioso. Naquel momento díxenlle que, se a salvación era tan automática, como ela dicía, entón non necesitabamos ir a misa e que o acontecemento pascual de Xesucristo fora en balde, pois xa nos iamos a salvar si ou si.

A conversa continuou ao final de misa e durante algúns días máis que nos vimos pola rúa. A señora sempre apelaba á infinita misericordia de Deus. Eu dicíalle que iso é certo, pero que é algo distinto ao que estamos a falar. A misericordia de Deus non impide que nós cometamos pecados, por iso necesitamos facer o que estea nas nosas mans para alcanzar esa misericordia e esa salvación.

Por outra banda, nós non necesitamos só a salvación no momento da morte senón que necesitamos ser salvados cada día da nosa vida, desde o mesmo momento do nacemento, porque xa nacemos marcados co pecado orixinal, pero con todos os demais, pois empezamos desde pequenos a facer un mal uso da nosa liberdade.

Os cans non necesitan ir a misa, pero nós, si. Temos a posibilidade de condenarnos a pesar da infinita misericordia de Deus e porque o mesmo Deus quere que nós tamén sexamos parte activa no proceso redentor de Xesucristo. Como di san Agostiño: «Deus, que che creou sen ti, non pode salvarte sen ti».

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artículo original]

O bispado de Lugo amosa o seu apoio á ONG AXUNICA

O arcebispo de Managua, o cardeal Leopoldo José Breznez, exhortou aos católicos a orar por Nicaragua «para que todos sexamos constructores de paz».

O bispado de Lugo manifesta o seu apoio á ONG lucense AXUNICA na súa loita pola paz e a concordia en Nicaragua. Asimesmo, agradece o traballo destas persoas no seu empeño porque se acade a liberdade e as estruturas xustas nese país suramericano.

Acolléndose á exhortación do cardeal Leopoldo José Bresnes, o bispado desta diocese pide aos fieis que non desistan na súa pregaria a Deus pola paz en Nicaragua e no mundo enteiro.

Camiño de Santiago organizado pola Parroquia de San Antonio de Padua (Lugo)

A Parroquia de San Antonio de Padua (Lugo) organiza unha peregrinación a Santiago de Compostela polo Camiño Francés. Un sábado ao mes faise unha etapa. Comezarán en O Cebreiro o 23 de novembro.

As etapas previstas son as seguintes:

· 23 novembro 2019: O Cebreiro – O Biduedo (14,4 km.)

· 14 de decembro 2019: O Biduedo – Montán (14,2 km.)

· 11 de xaneiro de 2020: Montán – Mosteiro (15,1 km.)

· 1 de febreiro de 2020: Mosteiro – Portomarín (15,2 km.)

· 29 de febreiro de 2020: Portomarín – Ligonde (16,5 km.)

· 28 de marzo de 2020: Ligonde – O Coto (17 km.)

· 18 de abril de 2020: O Coto – Ribadiso de Abaixo (17,3 km.)

· 16 de maio de 2020: Ribadiso de Abaixo – A Brea (14 km.)

· 27 de xuño de 2020: A Brea – Monte do Gozo (21,4 km.) (pernocta)

· 28 de xuño de 2020: Monte do Gozo – Santiago de Compostela (4,5 km.)

      12:00 h Misa do Peregrino na Catedral de Santiago.

Música na Catedral de Lugo

O venres 22 de novembro, festividade de Santa Icía, patroa da música, na Eucaristía das 20 h da Catedral intervirán distintos coros da cidade. Os participantes son: Cantar Delas, Conxunto Vocal Lugh, Coral Amigos do Camiño, Coral Ecos do Miño, Coral do Hospital Xeral Calde, Coral Xolda, Coro de Fingoi, Grupo Vocal Solo Voces, Orfeón Lucense, Orfeón Xoán Montes e a Schola Gregoriana Lucensis.

A %d blogueros les gusta esto: