Cáritas alerta de que estafadores intentan conseguir datos persoais

Cáritas Diocesana de Lugo detectou unha estafa consistente en que persoas que son atendidas na Diocese están a recibir unha mensaxe por WhatsApp co logotipo da organización caritativa. Na mensaxe di que se poden recibir axudas de 1000 euros notificando o número de conta.

Non se lle pode dar á ligazón nin compartir a mensaxe.

En Cáritas Diocesana de Lugo NUNCA piden información persoal e sensible por WhatsApp nin por ningunha outra rede social.

Ante calquera dúbida, consultar as canles habilitadas para ese efecto tanto na páxina web da Cáritas Diocesanas como na web de Cáritas Española, ou a través dos servizos de atención telefónica da Cáritas máis próxima.

Onde se fundamenta o mundo?

Non é a primeira vez que teño a sensación que lles vou a comentar. Pero é verdade que durante a crise do coronavirus esta sensación téñoa presente de forma permanente: parece que todo está construído sobre unha realidade meramente virtual e en canto falla un elemento, todo esvaécese; e onde criamos ter algo non hai nada.

Ás veces, tamén digo que o diñeiro é un número escrito nun papel (ou en disco duro dun banco), de forma que en realidade non tes nada, só un número nun papel que pode perder o seu valor convencional en calquera intre.

A enfermidade é a enfermidade. Non depende de nós. Pero quizais a organización do mundo, si. Este sistema parece que non está preparado para certo tipo de imprevistos que nos deixan na máis absoluta vulnerabilidade, como estamos a ver estes días.

Quizais o que criamos «sólido» era máis ben «gaseoso», sen decatarnos de que unha simple picada podería facer que todo se esfumase e desaparecese.

Se saímos desta, teremos que molestarnos en escavar na nosa vida e na nosa sociedade en busca dun fundamento autenticamente sólido. Necesitamos unhas bases sólidas para todas as dimensións dunha existencia persoal e comunitaria: vida espiritual, conciencia, economía, laboral, familia, etc.

Temos tamén o ofrecemento de Xesucristo que, nunha das súas parábolas, fálanos, precisamente, de construír sobre roca:

«Así pois, todo aquel que escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma o home asisado que edificou a súa casa sobre rocha. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa; pero non se derrubou porque estaba asentada na rocha. Mais todo o que escoita as miñas palabras e non as leva á práctica, pórtase coma un tolambán que edificou a súa casa sobre area. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval, e batendo na casa derrubouna, sendo grande a desfeita.

E resulta que, rematando o seu discurso, a xente quedou sorprendida pola súa doutrina; porque lles ensinaba con autoridade e non coma os letrados.». (Mt 7, 24-29)

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Texto en castellano]

O bispo de Lugo ofreceu á Consellería de Sanidade a residencia do Seminario Diocesano para uso do persoal sanitario

Co desexo de continuar colaborando coas autoridades sanitarias de Galicia na emerxencia que padecemos, o bispo de Lugo, Monseñor Alfonso Carrasco, mantivo unha conversación telefónica co señor Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña para ofrecer ás autoridades civís competentes as instalacións do Seminario Diocesano, onde sería acollido o persoal sanitario.

O señor Conselleiro agradeceu á Igrexa o ofrecemento e pediu ao bispo que informase do mesmo á xerencia do hospital Lucus Augusti (HULA). Esta asegurou ao bispado que mantén contacto a través de recursos humanos cos capeláns destinados no centro e que farán uso das instalacións ofrecidas en canto sexa necesario.

A residencia do Seminario Diocesano de Lugo é a única propiedade da diocese que cumpre coas condicións necesarias para dar servizo aos profesionais. As habitacións postas a disposición da Consellería e, polas súas indicacións, do Hospital Lucus Augusti, son todas aquelas non utilizadas durante o curso escolar polos seminaristas menores.

«A caridade non pode pechar», lembrou o bispo

Ao mesmo tempo, infórmase que a diocese non deixou de prestar o servizo diario no comedor social San Froilán. Igualmente, tanto Cáritas diocesana como todas as Cáritas parroquiais continúan co seu habitual traballo cumprindo co pedido polo bispo ao comezo desta crise a través dunha carta pública na que lembraba a todos que «a caridade non pode pechar».

Toda a diocese lucense, formada por parroquias das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, presta e prestará o seu mellor servizo orando a Deus polo eterno descanso dos defuntos, polo consolo dos seus familiares, a recuperación dos enfermos, a fortaleza e a esperanza do persoal sanitario e das nosas autoridades públicas e polas Forzas e Corpos da Seguridade do Estado e do persoal militar. Pedimos especialmente a Deus e á nosa Señora dos Ollos Grandes, a nosa patroa, que libere ao noso pobo desta pandemia.

Os sacerdotes diocesanos non deixaron neste tempo de facer o seu labor, adaptándose ás novas circunstancias; así como as relixiosas, os relixiosos e os voluntarios de grupos e parroquias. Pero, sobre todo, non se pode deixar de valorar a caridade que xorde do corazón do noso pobo manifestada en familias, empresas, autónomos, xornalistas e tantos outros que ofrecen o seu a favor do ben común.

«A caridade non pasará nunca. Cada xesto de amor ao próximo fará que se manteña viva a esperanza de todos», asegurou don Alfonso na homilía da Misa celebrada o luns na capela do bispado.

A %d blogueros les gusta esto: