Feliz sacerdocio

Entre que celebramos a Resurrección, que fai un sol fabuloso en Lugo, que estamos preto do verán… quen lembra xa de que levamos máis de 30 días confinados! Pero admito que non vou escribir diso. Haberá tempo, preto de cincuenta días, para falar destas cousas. Hoxe quero darlle unha nota máis persoal. Quero falar do sacerdocio.

Esta noite falecía un dos sacerdotes que máis admirei na miña vida: Don José Diéguez Fernández. Quen lea isto e non sexa de Lalín, non lle vai dicir nada. Pero el, cos seus 102 anos, viviu preto de 75 sendo sacerdote. Todos iamos confesarnos con el. Sempre estaba alí, no confesionario xunto á Virxe de Fátima. Subía a praza co seu caxato debaixo do brazo, con certa dificultade nas pernas, pero cunha cabeza moi lúcida. Na sancristía sempre nos contaba anécdotas do Seminario na súa época, riamos con algún chiste… E coidabámolo en todo; era bonito ver como se deixaba coidar por nós, que o axudabamos a revestirse, a que non se lle esquecese o caxato ou a boina, a subir e baixar do presbiterio…

Dun sacerdote seguro que se poden dicir moitas cousas. De don José todos destacabamos sempre o seu amor a María, a quen buscaba coa mirada e a quen rezaba con tanto agarimo. Dela falaba con moita ilusión, como un neno fala da súa nai. E tamén tiña un agarimo especial ao Corazón de Xesús e a San Xosé. Un sacerdote fiel, que era feliz no seu ministerio e que todos compartiamos esa mesma alegría. Era simpático todo o tempo, que nos prognosticaba sempre como bispos dalgún sitio (como se chegue a cumprir o meu, morro! ha, ha, ha).

Nunha sociedade que cada vez valora menos a dimensión espiritual, que renega da fe en Deus, que prefire vivir só nun plano horizontal, sen posibilidade de que exista unha relación coa transcendencia… Que pinta un cura! Realmente nada. Ou iso pásame a min pola cabeza moitas veces. Pero logo chama alguén, outro escribe, un terceiro que cando convida a tomar algo e presenta unha chea de dúbidas… E se cadra é que caemos nun profundo soño, como o de «A bela dormente». Que aínda hai xente que ten unha semente de fe no seu corazón, disposta a crecer.

Pero hoxe atreveríame a dicir unha cousa que repito con certa frecuencia a quen me rodean: vós, cristiáns, non seguides a un sacerdote, senón a Cristo. Porque o sacerdote pode ser dunha forma ou da contraria, máis novo ou vello, cantar peor ou mellor, ter unhas calidades ou outras, pero o sacerdote tráenos a Xesús, lévanos a xesús e actúa na persoa de Cristo. Cando J. Raztinger -non o escribiu como Papa- comentaba o colocar a cruz no altar, diante do sacerdote, servía para que o pobo lembrase que camiñaba cara a El e que o sacerdote non buscase o protagonismo, senón que a súa mirada se fixase en Cristo como Aquel a quen estaba a servir.

Eu hoxe celebro tamén o meu aniversario sacerdotal. E este ano quería celebralo ao grande. Porque foi un día decisivo na miña vida, tanto como o meu nacemento e o meu bautismo, e porque celebrar aquilo que se nos deu é celebrar o amor de quen nolo deu, o amor de quen o fixo posible, o amor de quen nos empuxou a iso. Cando un sacerdote celebra o seu aniversario non está a buscar o seu protagonismo, colocándose no centro e dicindo o marabilloso que é (que tamén pode ser certo, non o descarto); o que fai é dar grazas ao Señor pola súa chamada, á súa familia pola entrega xenerosa, á Igrexa por coidar este sacramento… En verdade, toda a Igrexa está de festa porque un, que foi elixido por Deus, que entregou toda a súa vida ao Señor neste ministerio, segue dicindo «si» cada día.

E, por último, todos sabemos o que levamos no corazón, o que vivimos, o duro que é ás veces o día a día. Tamén hai que celebrar iso, que a Resurrección de Cristo levantounos do sepulcro, conferiunos «nacer de novo», recibir a súa graza unha e outra vez. Porque Deus non deixou de amarnos, a pesar do noso pecado e a nosa pequeñez. Conta con ela cando nos elixe para seguilo! Por todo iso, moitas grazas, Señor.

Déixovos, como final, un dos prefacios que máis me gustan, sobre o que prediquei en varias ocasións e que se utiliza na festa de Xesucristo, sumo e eterno sacerdote. Grazas, Señor por don José, servidor bo e fiel! Grazas por seguir chamándonos e amándonos!

En verdade é xusto e necesario,

é o noso deber e salvación,

darche grazas

sempre e en todo lugar,

Señor, Pai santo,

Deus todopoderoso e eterno.

Que constituíches ao teu único Fillo

Pontífice da Alianza nova e eterna

pola unción do Espírito Santo,

e determinaches, no teu designio salvífico,

perpetuar na Igrexa o seu único sacerdocio.

El non só conferiu a honra do sacerdocio real

a todo o seu pobo santo,

senón tamén, con amor de irmán,

elixe homes deste pobo

para que, pola imposición das mans,

participen da súa sacra misión.

Eles renovan en nome de Cristo

o sacrificio da redención,

preparan aos teus fillos o banquete pascual,

presiden ao teu pobo santo no amor,

aliméntano coa túa palabra

e fortaléceno cos teus sacramentos.

Os teus sacerdotes, Señor,

ao entregar a súa vida por ti

e pola salvación dos irmáns,

van configurándose a Cristo,

e han de darlle así

testemuño constante de fidelidade e amor.

Por iso, nós, Señor,

cos anxos e os santos,

cantamos a túa gloria dicindo…

Nicolás Susena Presas

[Texto en castellano]

Falando sobre as perdas significativas nestes tempos

Que difícil está sendo para moita xente perder a familiares nesta situación de alarma sanitaria! Que difícil non poder estar, acompañar, abrazar, facer algo polas persoas que máis sofren. Máis ca nunca as persoas experimentan o baleiro, o silencio espeso, a soidade, o amor na distancia.

Desde que somos pequenos vivimos muros de silencio en torno á morte, Moitas veces nos apartan ou nos apartamos da enfermidade e a morte. Hai muros que son familiares, pero tamén hai muros sociais e culturais. Poden ser cousas máis ou menos sutiles as que nos van sucedendo pero dalgún xeito van preparándonos mal ou ben para as perdas significativas da vida. Como non hai unha pedagoxía da morte na vida ordinaria, a situación de emerxencia, de malas novas continuas, de sobreinformación do covid-19, tenos especialmente sobrecollidos e abrumados.

Ninguén está preparado para acontecementos extraordinarios como os que estamos vivindo. As emerxencias irrompen nas nosas vidas e ante a sorpresa reaccionamos de xeito moi diferente. Aceptemos, teñamos paciencia coas emocións que xorden e decidamos que queremos facer coa parte que controlamos. Cada persoa saberá, segundo como sexa, que pode virlle ben, que pode necesitar. Os psicólogos ou as persoas que se dedican a aconsellar non somos libros de receitas, en situacións de emerxencia moito menos, pero si sabemos que os autocoidados son importantes. Coidar a nosa parte emocional, relacional, cognitiva, física, espiritual.

Por exemplo, podemos mirarnos, mirar adentro e pensar en formas de expresarnos e comunicar os sentimentos aínda que esteamos na casa. As despedidas poden facerse a distancia e tamén poden ser “a posteriori”, non sabemos cando, pero seguramente poderanse facer rituais moi fermosos despois de que pase o confinamento. Pero tamén agora podemos decidir como vivir as despedidas, que cousas pequenas facer para que nos axuden, para expresar amor e beleza, para non quedar “conxelados”.

Podemos pouco a pouco ir facendo unha caixiña de recordos onde poñamos obxectos da persoa falecida, un poema, unha carta, algunha foto… o que queiramos.

Podemos facer unha lista de persoas ás que podemos chamar cando nos sintamos especialmente agobiados. Normalmente sabemos que persoas nos poden calmar, distraer e cales meten a pata aínda que nos queiran.

Cando unha persoa amada morre necesitamos algo de actividade pero non forzarnos. Posiblemente necesitemos tempo de calma, silencio, meditación, oración, segundo cada persoa. Dar espazo á morte como parte da vida.

As familias cóntannos xeitos marabillosos de tirar eses muros de silencio, de aillamento, que temos construido na nosa sociedade e que hoxe vivimos con especial angustia no confinamento. No Centro Diocesano de Orientación Familiar de Lugo estamos dispostos a escoitarte (por skype ou teléfono nestes momentos). Graciñas por compartir!

Cristina Bandín.

Psicóloga no Centro Diocesano de Orientación Familiar de Lugo.

Retransmisión das celebracións de Semana Santa desde a Catedral de Lugo

O Bispo de Lugo presidirá as celebracións na Catedral sen a presenza do pobo. Retransmitiranse as celebracións por Youtube, na canle da Diocese de Lugo co seguinte horario:

MÉRCORES SANTO – Misa Crismal – 17 h Bendición dos Santos Óleos.

XOVES SANTO – Misa da Cea do Señor – 17 h

VENRES SANTO – Celebración da Paixón do Señor – 17 h.

SÁBADO SANTO – Vixilia Pascual – 20 h.

DOMINGO DE PASCUA – Santa Misa – 12:30 h

O confinamento do corazón

Aínda que nos enchen o whatsapp e as demais redes sociais de infinidade de bromas (encántame a creatividade deste país aínda en tempos difíciles!), a realidade é que vivimos unha situación que cada vez é máis complicada.

Todos dixemos nestes días de «peche» que teriamos tempo de facer unha infinidade de cousas. Nada máis lonxe da realidade, que sempre estamos a perder o tempo como faciamos antes ou que seguimos sen decidirnos a vencer a preguiza que provoca estar recluídos. Ao final non se trata tanto do externo, senón de nós, da nosa actitude, da verdadeira disposición que temos para facer as cousas. Ese «minuto heroico» que algunha vez na nosa vida escoitariamos na maior das loitas que pelexamos cada día e que vai marcar as posteriores horas non pode deixarnos derrotados nin que signifique que por perder unha batalla perdamos a guerra; e si, refírome ao minuto en que decidimos se nos levantamos da cama ou seguimos «cinco minutiños máis».

Pero hoxe quero falar dun tipo de confinamento que me parece peor e máis doloroso: o do corazón. Porque o que máis me preocupa é isto. Eu podo confesar e confeso que levo varios días encerrado na miña habitación-despacho, que se converteu no meu lugar de traballo, de oración, de lecer, de alimentación… Tamén podo confesar que a pasada semana, celebrando a Misa, eu só, contemplando a praza e a avenida Rodríguez Mourelo, vendo atardecer, emocionábame elevando a Xesús nas miñas mans. Nese momento viñan ao meu corazón algunhas das persoas hospitalizadas e doíame a alma non poder facer nada salvo rezar (que é o máis importante e o poder da oración é moi forte). Agora entendo aos meus pais e a tantos outros: ver mal ao teu fillo e non saber que facer por eles. Bendita paternidade!

Así que estes días pensei moito no confinamento do corazón. Antes considerábaste libre, con capacidade de decidir na túa vida, sendo o máis autónomo de todos os seres deste mundo. Pero agora, que catro paredes nos constrinxen, que parece que non existe abondo osíxeno nas nosas casas, que as horas pasan no mesmo espazo coa mesma xente, segues considerándote libre? É fermoso descubrir que o noso corazón ten anhelos infinitos porque iso fainos lembrar que somos humanos, creados por Alguén que si é verdadeiramente infinito e que, así, fíxonos capaces de infinito. Nunca cansarás de desexar, de buscar, de pedir. Parecemos «pozos sen fondos». E realmente sómolo.

Por iso a liberdade non se mide en espazos ou tempos, mídese no corazón. Aquela frase que tantas veces me lembrou un moi querido amigo sacerdote do Mestre Yoda: «aprender a liberarse daquilo que precisamente perder temes». Esa é a nosa maior liberdade. Que liberación ao deixar unha relación que non ía a ningunha parte! Pois esa, e non outra, é a verdadeira liberdade. Polo menos un primeiro indicio da mesma. Pois falta un ingrediente: ti. A liberdade non é un xesto que veña de fóra, senón que nace no noso corazón. É o movemento do corazón que anhela e que desexa ser anhelado. Pero cando algo se pon no medio do camiño, cando bloquea esta acción, entón a liberdade simplemente desaparece.

Estes días moita xente está a descubrir que non sabe vivir soa, que non entende que é verdadeiramente a liberdade. Parecía que antes eramos libres por vivir na rúa, sempre rodeados de xente. Agora, sós e encerrados, a vida esvaécese. O teu corazón está verdadeiramente confinado. E, unha vez máis, non se trata do espazo ou do tempo, trátase de ti. Vivir a liberdade como don de Deus é descubrir que fuches creado para o amor, para elixir e ser elixido (como diría tamén o meu bo amigo Buber).

E o corazón confinado aínda non é maduro. Porque a súa liberdade vívea ao límite cos demais. É facer real esa tremenda frase de Sartre cando di que a nosa liberdade acaba onde comeza a do outro. Que ninguén che veña a pór a cambadela! Non dependas de ninguén. Que cando Deus elixíu a Abrahán e díxolle que saíse da súa terra non lle explicou con quen debía ir e con quen non. Non imaxino a Deus facendo unha lista detallada, como as das vodas! Tratábase de que el seguise a vocación do Señor con aquilo que era a súa vida. E Sara, a súa muller, era a súa vida. Por iso deixou todo o demais atrás. Que hai na túa vida que sexa realmente necesario? Que forma parte do teu corazón que non podes deixar atrás? Porque no confinamento haberá moitas cousas, pero o esencial de cada un de nós neste tempo tamén quedou claro. E o teu corazón, como está?

O confinamento demostra como son as nosas relacións cos outros, como as vivimos e nos afectan. Pero tamén di moito de nós, de como vivimos a nosa vida, do acelerado que anda o noso pulso diario. Netflix, HBO, Instagram, Facebook, Tik Tok ou Whatsapp quizais son o verdadeiro confinamento do corazón. As horas que perdemos nas redes sociais, en conversacións nada produtivas ou en perseguir a unha mosca coa mirada? Tamén temos que aprender a descansar, a divertirnos e mesmo a aburrirnos! Pero o noso corazón ten que ser libre, buscar o infinito e vivindo en relación con aquilo que nos constrúe.

Imaxinemos por un intre que Deus colle o noso corazón, así, agora, co que vivimos até este momento. Haberá mil cosas das que poderiamos avergoñarnos. Pero unha boa pregunta sería: que espazo ocupou Deus na túa vida? Buscáchelo realmente? Fuches tan libre como para vivir a túa vida segundo as túas propias decisións ou seguindo os desexos doutros, os caprichos doutros? Vives atado ás túas apetencias ou tratas de «en todo, amar e servir» ao máis puro espírito ignaciano? Coidas dos que tes preto, ou o teu corazón está aprisionado polo egoísmo e a soberbia?

O confinamento do corazón hoxe ten que rematar. Depende de ti. Porque só ti sabes como está e só ti podes dar por resolto este capítulo na túa vida. Pero non estás só. Es finito! E, aínda que creado para ser libre e amar, Alguén o fixo primeiro por ti. Pídelle a Deus que che axude. A súa graza pódeo todo. Pero non deixes que nada che roube a paz. Tampouco este tempo. Tampouco a corentena. Nin sequera as catro paredes da túa casa. A liberdade permíteche contemplar o horizonte da túa vida, tomar as rendas da mesma e decidirche a amar e ser amado!

Nicolás Susena Presas

[Texto en castellano]

Oficios de Semana Santa por internet e televisión

Desde hai bastantes días xa empezamos a sospeitar que este ano a Semana Santa sería moi distinta. Primeiro canceláronse as procesións e aos poucos días todo tipo de celebracións con participación dos fieis.

Os católicos que habitualmente asistimos ás celebracións litúrxicas botamos en falta, xa non só participar plenamente da Eucaristía, senón tamén o encontro cos nosos irmáns da comunidade parroquial ao redor de Xesucristo que nos convoca e congrega.

Nestas circunstancias tan especiais tamén estamos chamados a vivir e celebrar a fe doutro xeito, pero sabendo que é a mesma fe de sempre: a fe en Xesucristo morto e resucitado.

Este ano teremos que botar man dos medios de comunicación (radio, tv, internet, redes sociais…) para que nos axuden a celebrar a Semana Santa e non sentirnos tan sós á hora de vivir o misterio central da nosa fe. Posiblemente moitos xa o estades a facer estes días, tal como o indican os datos de audiencia das múltiples emisións relixiosas que se fan.

A continuación ofrézovos algunhas indicacións recollidas de distintas páxinas de internet que nos poden axudar:

– Reúne á familia para que participen xuntos.

– Lembra que é mellor ver transmisións en directo que en diferido, para que sexas participante e non só espectador. Nos distinto medios pódense atopar gran variedade de horarios.

– Prepara un lugar especial. Se a ves por internet, coloca o ordenador ou o móbil nun lugar que todos poidan ver, e despexa a área ao redor, que non haxa cousas que nos despisten. Lembra que vas celebrar o Sacramento da Presenza do Señor, dálle un espazo digno.

– Crea un ambiente reverente. Se podes, convén acender unha vela. Trátase de cambiar o ambiente da casa, que se perciba que non se trata só de ver algo na tele ou no ordenador, senón de crear un ambiente de devoción e recollemento.

– Coloca cadeiras ou bancos. É preferible que quen participen senten en cadeiras ou bancos, a menos que se trate de enfermos encamados. Cadeiras e bancos favorecen manter unha postura máis respectuosa; nunha cadeira de brazos a xente tende a recostarse.

– Chega a tempo. Procura acender o computador ou a televisión con polo menos cinco minutos de anticipación, e aproveita para estar nunha boa disposición espiritual.

– Dá grazas a Deus por ter a oportunidade de participar nestas celebracións litúrxicas e pide por todos os que quererían facelo e non poden.

Quizais todas estas indicacións poden resumirse nunha: participa desde casa coa mesma actitude que o farías nunha igrexa. Non podemos esquecer que «o noso público é Deus», por iso, aínda que estea só ante a pantalla, sempre estarei na presenza de Deus.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Texto en castelán]

A %d blogueros les gusta esto: