60 anos da Parroquia San Francisco Xavier

O venres 3 ás 7 da tarde, festa de San Francisco Xavier, na parroquia lucense homónima celébrase unha Eucaristía conmemorativa do 60 aniversario da creación da parroquia.

Eucaristía no altar de San Francisco ás 12 h. Darase venerar a reliquia do santo patrón.

O 31 de outubro de 1961 publícase no Boletín Oficial do Bispado de Lugo a creación por parte do Bispo de Lugo, Antonio Ona de Echave, da Parroquia de San Francisco Xavier. O día 2 de decembro de 1961 D. José Sampayo tomaba posesión da nova parroquia no local do colexio da Compañía de María en Ramón Ferreiro, actual Colexio María Auxiliadora, recibindo a chave do sagrario.

Sesenta anos facendo camiño. Ao principio a capela da Compañía, despois o barracón de Montirón e ao final o novo templo.

Sesenta anos de experiencia crente, orante, gozosa e esperanzada, chea de nomes inscritos no corazón. Sesenta anos onde se teceron as relacións, as historias, de tantas persoas que viviron un proceso de coidado e acompañamento mutuo.

Chega o momento de facer memoria sobre como o Espírito guiou o camiño da nosa parroquia na historia e chámanos hoxe a ser testemuñas do amor de Deus.

Pero tamén, cos nosos pés no presente, vivimos a experiencia de Igrexa Universal en camiño sinodal, tratando de vivir un proceso eclesial participado e inclusivo, que ofreza a cada un a oportunidade de expresarse e de ser escoitados para cooperar a construír o Pobo de Deus.

É unha ocasión de recoñecer e apreciar a riqueza e a variedade dos dons e dos carismas que o Espírito distribúe libremente, para o ben da comunidade e en favor de toda a familia humana.

[Montaxe de audio con intervencións de Xesús Fernández Aira e Daniel García]

[Vídeo elaborado pola Parroquia]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: