A celebración da Eucaristía dominical

Hai xa algúns meses que retomamos a celebración pública da Eucaristía e a actividade das parroquias; e, con data do 25 de xullo, foi levantada xa na nosa Provincia eclesiástica a dispensa da asistencia á Misa dominical, outorgada ao comezo do confinamento. Estamos lonxe, con todo, dunha situación normal. En todo caso, a partir do que vivimos, parece evidente que a urxencia pastoral de relanzar a vida de fe cristiá nas nosas comunidades e parroquias concrétase nunha primeira e decisiva tarefa: potenciar a participación activa na celebración da Eucaristía, tal e como viñemos facendo desde hai varios anos coa reordenación pastoral.

Os desafíos pastorais aos que nos enfrontabamos nas últimas décadas, cunha descomposición notable da estrutura parroquial tradicional, conducírannos xa á certeza de que é urxente reunir de novo aos nosos fieis cristiáns, procurando dar forma a comunidades que poidan ser unha referencia no lugar, nas que os fieis poidan vivir as dimensións fundamentais da experiencia cristiá: a celebración dos sacramentos, a educación na fe e a caridade.

As actuais circunstancias volveron a subliñar, en particular, o valor central da Eucaristía dominical. Privados da celebración pública da Santa Misa durante o confinamento, fixémonos quizais máis sensibles e conscientes do valor que esta ten para a nosa vida. E a constante celebración privada da Misa por parte dos nosos sacerdotes, xunto ás axudas telemáticas para permitir a proximidade a estas celebracións, testemúñano. A nosa aposta, conscientes de que a nosa situación pastoral non é a doutras rexións da Igrexa, segue sendo a de lembrar o valor, a posibilidade, a necesidade e a urxencia de favorecer a participación na Eucaristía. Na natureza da Igrexa non existe, ao final, alternativa posible á Misa dominical. Só a participación na Eucaristía, só a celebración do Misterio Pascual no Domingo fai a Igrexa.

A celebración do misterio eucarístico é “fonte e cume de toda a vida cristiá” e, polo tanto, o momento substancial da constitución da comunidade parroquial. Nela, a Igrexa faise consciente do significado do seu propio nome: convocación do Pobo de Deus que loa, suplica, intercede e agradece. Ao celebrar a Eucaristía, a comunidade cristiá acolle a presenza viva do Señor Crucificado e Resucitado, recibindo o anuncio de todo o seu misterio de salvación. (Congregación para o Clero, Instrución A conversión pastoral da comunidade parroquial ao servizo da misión evanxelizadora da Igrexa, 22)

Lembremos, ademais, que Lugo tivo sempre unha misión eucarística singular en Galicia, desde que moi ao principio do noso camiño cristián, os nosos antepasados colocaron no centro da Igrexa principal de Galicia naquel momento -a nosa Catedral- o signo por antonomasia da presenza de Cristo na realidade da nosa carne. Galicia recoñeceu a centralidade da Eucaristía para definir a fe cristiá desde moi antigo, e xerou unha tradición eucarística nas parroquias que pervive ata o presente. Este dato -que recibimos da tradición e celebramos cada ano de modo eminente nas festas do Corpus Christi e da Ofrenda de Galicia ao Santísimo- determina e orienta o noso camiño no presente e no futuro: a vida cristiá na nosa Diocese crecerá unicamente sobre esta identidade eucarística.

Mons. Alfonso Carrasco

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: