Actos en Lugo no día de San Xoán de Ávila

O 10 de maio celébrase a festividade do patrono do clero español, San Xoán de Ávila. Houbo unha conferencia do Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco titulada “A indulxencia plenaria na Catedral de Lugo”, da que se extractan a continuación unhas liñas: 

“A concesión do privilexio da indulxencia plenaria, cotiá e perpetua á nosa Catedral de Lugo tivo lugar nos últimos días do Ano Xubilar da Misericordia.

“Esta indulxencia será sempre para nós, en primeiro lugar, unha obra de misericordia, na que resoan dalgún modo as obras corporais e espirituais da tradición católica: visitar ao enfermo, dar para comer ao famento, vestir ao espido -que analogamente se fai con quen busca indulxencia-, ou, igualmente, perdoar ao que nos ofende, consolar ao triste, soportar con paciencia os defectos do próximo, rezar a Deus polos vivos e os defuntos, etc. A indulxencia plenaria é, en si mesma, misericordia; e achegarnos a posibilidade de acceder a ela na proximidade das nosas casas, en Lugo e en Galicia, en condicións adecuadas ás nosas forzas, calquera día e todos os días, é tamén unha misericordia grande.

“En todo iso, no don desta “gran perdonanza” que se nos ofrece, brilla de modo singular e en especial a gratuidade profunda do amor. Non so porque nada ñxemos que merecese esta indulxencia, senón ante todo porque se trata dun compartir -totalmente libre- o persoal, o máis vivo e próximo ao corazón, aquilo en que Deus mesmo descobre a beleza, o ben e a verdade da vida dos seus, ao que quere recoñecer verdadeiro merecemento mesmo ante El.

“Neste compartir desinteresado móstrase a alma verdadeira do irmán e, por suposto, en primeiro lugar, de Cristo o noso Señor, que coa entrega de si mesmo, do seu Corpo e do seu Sangue, fixo xurdir esta “comuñón” de Deus e os homes, que atravesa os séculos e que chega hoxe a nos nesta indulxencia “lucense”.

 Trala conferencia, celebrouse a Eucaristía e a continuación un xantar. Na imaxe inferior, os sacerdotes que cumpren as vodas de ouro, co señor Bispo.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: