Novena de Graza na parroquia de San Francisco Xavier

Do 4 ao 12 de marzo na Parroquia lucense de San Francisco Xavier celébrase a Novena da Graza, predicada polo Rvdo. Luis Miguel Avilés, misioneiro do IEME en Tailandia

Horarios da Novena

  • Mañá: 7:30 rosario e procesión, 8 e 12 Novena e Eucaristía

  • Tarde: 6 rosario. 6, 30 e 8 Novena e Eucaristía

  • Domingo: 10; 11: 30; 12: 30 e 18: 30

Actos especiais

  • Día 8 de marzo: UNCIÓN DE ENFERMOS ás 4, 30 da tarde

  • Día 11: DEDICADO Á VIRXE, procesión de fachos despois da Eucaristía das 8 da tarde.

  • Día 12: procesión desde o Barrio de Montirón ás 9, 30 da mañá; darase a venerar a reliquia do santo nas eucaristías.

Nota dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago ante a Solemnidade de San Xosé

A persoa e a vida de San Xosé teñen na historia da nosa salvación unha importancia que foi recoñecida sempre pola sagrada Liturxia e as leis canónicas ao propoñer a súa festa como día de precepto (cf. canon 1246). Tradicionalmente o pobo cristián secundou esta norma dando un significativo realce familiar e social á festa do 19 de marzo.

Atendendo a que o 19 de marzo deste ano coincide en domingo, a Conferencia Episcopal Española decidiu trasladar ao luns 20 de marzo, a festividade litúrxica de San Xosé. Malia ser laborable este día na Comunidade Autónoma de Galicia, os bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago acordamos manter nas dioceses respectivas o carácter festivo deste día. En consecuencia, e para coñecemento dos fieis, dispoñemos:

Manter o 20 de marzo, solemnidade de San Xosé, como festa de precepto, coa obrigación de participar na Santa Misa, aínda que sexa laboralmente hábil.

Aqueles fieis que teñan xornada laboral ordinaria quedan dispensados do precepto, aínda que se lles pide e recomenda vivamente a participación na Eucaristía dese día de festa dedicado a San Xosé, Esposo da Virxe.

Pedir, igualmente, aos párrocos e rectores de igrexas que informen aos fieis con antelación destas decisións e acomoden no posible os horarios de misas ás posibilidades e necesidades dos fieis.

Seguindo o calendario litúrxico, a Solemnidade de San Xosé celebrarase únicamente ao longo do día 20 de marzo.

Por razóns pastorais, a oración e a colecta para o Seminario Diocesano trasládanse á tarde do sábado, día 18, e ao domingo, día 19 de marzo.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2017.

Julián, Arcebispo de Santiago

Luis, Bispo de Tui-Vigo

Alfonso, Bispo de Lugo

José Leonardo, Bispo de Ourense

Luis Ángel, CMF, Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago

Xornada de autoemprego organizada por Cáritas

Os asistentes a esta Xornada de Autoemprego o 6 de marzo descubrirán a través de experiencias emprendedoras unha posibilidade máis no seu proceso de inserción laboral.

Participarán: Confeccións Artesás Jeyma (Artesanía textil), Cantina rural de Meán (Hostalaría), Imaxinatia (Lecer-tempo libre e decoración con globos), Estati.co (Deseño web) e Eventos Lugo (Eventos empresas e institucións).

O prazo de inscrición está aberto ata o 03/03/2017. Os interesados en participar teñen que acudir ao Programa de Emprego de Cáritas Diocesana de Lugo o mércores ou o xoves de 10h. a 14h. r/ da Cruz, 1. A xornada celebrarase o día 6 de marzo de 10:30 a 14:00h. no Centro de Servizos de Cáritas Diocesana de Lugo. Avenida das Américas, 93-97.

Exercicios espirituais no mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes

As 5 Delegacións de Apostolado Seglar das dioceses que compoñen a provincia eclesiástica galega (Santiago de Compostela, Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense e Tui-Vigo) organizan exercicios espirituais no tempo de Coresma, do 10 ao 12 de marzo, no mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes (Patrimonio da Humanidade). Os exercicios están impartidos polo prior D. Carlos Gutiérrez Cuartango. Comézase o venres 10 de marzo coa oración das vésperas coa comunidade do monxes, ás 19:00 h, e remátase o domingo 12 de marzo co xantar, ás 16:00 h. A pensión completa de todo o retiro é 90 €.

A comuñón eclesial faise tamén con xestos como o de coorganizar estes retiros, que neste curso fan por primeira vez de forma conxunta as 5 delegacións diocesanas de Galicia. É unha forma de que os seglares de diferentes lugares e procedencia (de parroquias, de movementos e asociacións, amigos, etc.) coñezan e poidan participar activamente neste tipo de encontros profundos cun mesmo, co Señor e cos irmáns.

Quen teña dúbidas ou queira máis información, pode enviar un correo electrónico ou chamar por teléfono: laicos@diocesisdelugo.org ou belsaivi@yahoo.es e 639 938 216 ou 649 045 880.

O Nobel, a Paz e o Papa

 

A raíz do meu artigo do 31 de decembro de 2016 sobre a mensaxe de Paz do Papa, algunha persoa preguntoume por qué cría que non lle darían o Nobel da Paz ao Papa Francisco. Deixando a un lado as diversas autoxustificacións que poidan elaborar os membros do xurado, aquí trato de salientar as realidades obxectivas que dean unha explicación plausible da non concesión do Nobel da Paz a este Papa e aos anteriores. Entendo que hai dúas razóns fundamentais para esta negativa: unha é especifica para o Papa e a outra é compartida con outros pacifistas aos que tampouco llelo deron a pesar dos seus merecementos.

A PRIMEIRA razón ten que ver coa propia definición do Estado noruego. En España moitos pseudoprogresistas poñen como exemplo de estados laicos aos países nórdicos, aínda que non o son. Fixándonos só no caso de Noruega podemos dicir que é un estado confesional luterano. Así a Reforma Constitucional, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2017, di o seguinte: “A Igrexa de Noruega, Igrexa Evanxélica Luterana, manterase como a IGREXA NACIONAL EN NORUEGA e SERÁ APOIADA COMO TAL POLO ESTADO”. Antes a súa Constitución dicía: “A relixión evanxélica luterana permanecerá como a relixión pública do Estado”

Calquera das dúas definicións é moi distinta da que dá a Constitución Española, un Estado aconfesional. Por iso podemos dicir que Noruega é un Estado confesional luterano, que ten unha bandeira con unha gran cruz latina que a ocupa por completo.

Dada esta situación do Estado noruego é fácil entender que, por cultura e tradición, o normal é que non se lles pase pola cabeza aos da Academia darlle o Nobel ao Papa da Igrexa Católica de Roma, por moito que sexa merecedor deste galardón.

Non esquezamos que hai 4 estados confesionais na Unión Europea (3 na parte norte e Noruega non é da UE) e ningún é católico, entre outras razóns porque a Igrexa Católica non os quere, ao menos desde o Concilio Vaticano II.

A SEGUNDA razón, compartida con outros pacifistas serios, ten que ver cunha visión global do compromiso coa Paz, que inclúe a transformación do sistema socioeconómico vixente por outro baseado na xustiza, na dignidade inviolable de toda persoa, na defensa do pobre e do seu protagonismo sociopolítico e na defensa do medio ambiente. A loita pola Paz esixe tamén que as institucións sociais estean ao servizo das persoas, especialmente dos máis pobres, xa que os Bens da Creación son para toda a humanidade (Destino Universal dos Bens).

Denunciar que as institucións internacionais, a ciencia, a tecnoloxía e a economía vixente espolian aos pobres para enriquecer aos ricos non pode saírlle de balde a quen faga esta denuncia. O mesmo pasa coa oposición ás condenas a morte: fame, aborto, guerras, eutanasia, execucións, violencias… Ademais defender que o traballo (a persoa) ten que estar sobre o capital non é tolerable para os opresores deste sistema económico que mata (ver a encíclica do papa Francisco: Evangelii Gaudium, 53).

Así temos que na lista de pacifistas sen o Nobel, a modo de exemplo, están: Hélder Cámara, Andrea Ricardi (fundador das comunidades de San Egidio en 1968), Peter Benenson (fundador de Amnistía Internacional en 1961, tres anos despois de converterse ao catolicismo), Lanza del Vasto (fundador das comunidades non violentas El Arca), Jean Goss, María Montesori, Roger de Taizé. L.B. Shastri (1º ministro da India, un dos gobernantes de máis altura moral), etc. e, por suposto, o emblemático pacifista do século XX, Mathama Gandhi.

A min non me cabe dúbida que estes son mellor compañía ca moitos dos gañadores do Nobel da Paz. As decisións da Academia Sueca dos Nobel xeran esas listas, que non lles serven para presumir.

Vistas estas realidades vai ser difícil, por non dicir imposible, que lle dean o Nobel da Paz ao Máximo Facedor de Pontes (Sumo Pontífice), que é o Papa.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: