Celebración da Solemnidade do Corpus Christi en Lugo

Procesión Corpus gaiteirosO domingo 22 de xuño, ás 11 h na Catedral, celebrouse a Solemne Eucaristía de Corpus. Despois da celebración, todos os movementos, asociacións, confrarías, representantes das parroquias e de colectivos doutros países con presenza na nosa Diocese, acompañados dun grupo de gaiteiros, participaron na procesión de Corpus. Este ano, por diversas circunstancias, só percorreu os arredores da Catedral e terminou coa exposición do Santísimo e a bendición desde o balcón do pazo Episcopal, na praza de Santa María. Como todos os anos asistiron o alcalde e varios membros da corporación municipal acompañados pola banda municipal.

Mons. Alfonso Carrasco: “Temos un extraordinario valor porque somos inmensamente amados”

 

Corpus intervención D. Alfonso

O domingo 22 de xuño, ás 11 h na Catedral, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, presidiu a Solemne Eucaristía de Corpus.

Na súa homilía, o prelado lucense mencionou que a festividade do Corpus en Lugo “vívese de forma especial pola permanente presenza do Santísimo na nosa catedral, expresión da fe deste pobo á Eucaristía”

Facéndose eco das palabras do papa Francisco, Mons. Alfonso Carrasco, lembrounos que “se só miramos a forza ou o diñeiro, o que move este mundo, a cantos non descartaremos; non podemos guiarnos polo valor do diñeiro nin polo poder, porque iso lévanos a desprezar e minusvalorar ao próximo. Sen fe, sen saber cal é o verdadeiro valor que cada un de nós ten aos ollos do Señor, podemos caer na terrible a cultura do descarte”.

Para Mons. Alfonso Carrasco Rouco, “temos un extraordinario valor, non porque sexamos ricos ou poderosos senón porque somos inmensamente amados, e o seremos para sempre; e ninguén o poderá evitar”

“Celebrar o Corpus, – continuou o Bispo de Lugo- é lembrar que o noso Señor sacrificouse por nós; é a proclamación pública e solemne de que Deus amounos El primeiro e que estamos chamados a permanecer no seu amor”.

 

Sor Amparo e o mundo das présas! 60 anos de vocación!

sor Amparo

 O 26 de xuño Sor Amparo cumpre 60 anos de vocación. Sor Amparo é unha relixiosa Filla da Caridade de San Vicente de Paúl que está na comunidade do Colexio da Milagrosa, á beira da Parroquia de San Froilán.
Ver a Sor Amparo é moi difícil, porque anda sempre á velocidade da luz. Isto é o que fai que o tempo lle renda o dobre. Podemos dicir que cumpre 120 anos de vocación e non 60.
A súa paixón son os nenos do Colexio e as actividades de pastoral con eles. Desvívese cada vez que hai algunha celebración especial cos nenos na parroquia. Sería impensable a celebración de San Vicente de Paúl, o Nadal, a Coresma, o día de María, o final de curso sen a presenza de Sor Amparo.
Grazas, en boa medida, a Sor Amparo os nenos do colexio da Milagrosa levan no seu interior unha pequena semente que se cadra un día xerminará. É asemente da Fe en Xesucristo e o amor a María, a Milagrosa…
E non é pouco nin calquera cousa! que nos tempos de hoxe uns nenos leven unha referencia ao transcendente no testemuño desta Filla de Caridade que poida dar unha consistencia maior á súa vida o día de mañá.
Nestes 4 anos que levo na parroquia tiven ocasión de compartir moitos momentos con Sor Amparo. Falamos do divino e o humano. E sei que estaría disposta a dar a vida para que ningún destes pequenos “se perda”.
60 anos de vocación e de virxinidade consagrada ao Señor pero moi frutífera. A súa descendencia multiplicouse como as areas do mar.
Grazas Sor Amparo por espabilarnos, por “meternos présa”, por falarnos de Deus.

Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán

I Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi de Lugo

cartel Fiocorpus

Dentro das actividades do III Encontro Eucarístico Lucense, están programados varios concertos de órgano.

Programa

Venres 20 de xuño de 2014  Santuario do Cebreiro

16:30 Primeiro concerto: Johannes Skudlik

Domingo 22 de xuño  S. I. CATEDRAL BASÍLICA

20:45 Segundo concerto: Wladimir Matesic

Mércores 25 de xuño  Parroquia de SANTIAGO A NOVA

20:30 Terceiro concerto: Lida Basterretxea Vila (voz), Giulio Mercati (órgano)

Venres 27 de xuño S. I. Catedral basílica

20:45 Cuarto concerto. Miquel González

[Máis información]

Misa de clausura do Curso Pastoral 2013-2014

Misa clausura Curso pastoral 2013-14

No mediodía do venres 29 clausurábase no Cebreiro o Curso Pastoral 2013-2014 cunha Misa.

Durante a homilía, o Bispo de Lugo, fixo memoria do amor que Deus nos ten e do que nos axudou durante o curso. Aínda que non podemos contabilizar a graza de Deus, si podemos mostrarnos agradecidos. O camiño foi longo e, alimentado pola súa forza levouse a cabo. O alimento é o pan baixado do ceo. Necesitámolo porque as nosas forzas non abondan. Por iso é necesaria a Eucaristía, que nos rexuvenece e cura. A Eucaristía recibida está cargada de amor, é un don para cada un, é o xesto de Deus que quere estar con nós, compartindo a nosa vida. A Eucaristía é un amor perenne, é un apoio constante, é Deus mesmo que se entrega a nós. Este amor acompañounos este ano e a comunidade enteira (xoves, nenos, maiores) recibiu este don. Tamén debemos mostrarnos agradecidos a Deus, pola súa misericordia cos nosos fallos. En fin, que se abran novos camiños mirando cara a Deus e cara á súa forma de amarnos. Finalmente, D. Alfonso Carrasco pediu a intercesión da Virxe.

A %d blogueros les gusta esto: