Miguel Ángel Álvarez: A fe ilumina todo e a todos

O coñecemento da fe ilumina non só o camiño particular dun pobo, senón o decurso completo do mundo creado, desde a súa orixe até a súa consumación. (LF 28).

Esta é a cita tomada do número 28 da encíclica Lumen Fidei e que comentamos no programa “El Espejo de la Iglesia” en Cope Lugo.

Moitas veces tendemos a esquecer que o mundo é moito máis có pequeno lugar no que vivimos, e que a historia non comezou o día que nos decatamos de que existiamos.

Facilmente erixímonos no centro do mundo e da historia, cando só somos un punto que se perde no medio das grandes magnitudes do universo e do tempo.

E con esa mesma facilidade tamén soemos reducir o poder da fe. Así, cremos que é algo que só afecta a un pobo ou a un grupo de persoas que viven nun tempo determinado.

A fe ilumina todo e a todos. Cristo é o mesmo onte, hoxe e sempre. O Fillo de Deus encárnase e entrega a súa vida polos homes de todos os tempos e lugares: desde a orixe do mundo até a súa consumación, polos de antes, polos de agora e polos que virán.

Por iso o centro do mundo e da historia non é ningún pobo, ningún home, ningún tempo. O centro da historia e do mundo é Xesucristo. E desde esa centralidade ilumina a todos.

Equivocámonos cando facemos depender a centralidade de Cristo da nosa crenza particular.

O Deus-Xesucristo é e será sempre o Señor de todo e de todos.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Nomeamentos para parroquias de Lalín e a de Santiago A Nova de Lugo

O 22 de novembro de 2013, a Diocese de Lugo fai públicos os seguintes nomeamentos:

– Luciano Javier Armas Vázquez, párroco e moderador da parroquia de Santiago A Nova de Lugo.

– Luís Varela Castiñeira, párroco da parroquia de Santiago A Nova.

– Marcos Torres Gómez, vicario parroquial de Santa María das Dores de Lalín e administrador parroquial de San Miguel de Bendoiro e Santa Baia de Donsión, no arciprestado de Deza.

Triduo na honra de Cristo Rei

Os días 21, 22 e 23 de novembro, o Apostolado da Oración organiza un triduo na honra de Cristo Rei. Será na igrexa de Santiago A Nova, de Lugo, onde ás 19:30h haberá exposición do Santísimo e rosario e ás 20h Misa.

A Eucaristía está presidida polo profesor e formador do Seminario Diocesano, Carlos J. Presas Aguiar.

Concentración convocada por Mans Unidas na praza de Santa María de Lugo

cartel 24h que moven o mundo

A Delegación de Mans Unidas de Lugo súmase ao acto que o 21 de novembro terá lugar en todo o planeta baixo o lema “24 horas que moven o mundo”. Ás 18:30 h haberá unha concentración na praza de Santa María, onde se lerá un manifesto e permanecerán velas encendidas como símbolo do que se pretende: indicar que se pode facer luz para que desapareza a escuridade que representa o incumprimento dos dereitos básicos da persoa en tantas partes do mundo. 

Vixilia de oración con motivo da clausura do Ano da fe

1 Ano da Fe logo 4

Convídase aos sacerdotes encargados de igrexas que na tarde-noite do día 23 de novembro organicen vixilias de oración nas que se dará grazas a Deus polo don da fe ao mesmo tempo que se pide a súa graza para que a fe permaneza e creza na nosa terra.

Propostas:

  • apertura das igrexas de Lugo e das vilas até entrada a noite. 

  • Exposición do Santísimo Sacramento.

  • oración e reflexión con textos da palabra de Deus, e tamén con parágrafos da Encíclica do Papa Francisco, Lumen fidei.

Lémbrase aos fieis que aínda non o fixesen, que poden peregrinar ás igrexas onde se pode gañar indulxencia plenaria.

Tamén se concede indulxencia plenaria a quen, un día elixido libremente, visite o baptisterio ou lugar onde se recibiu o sacramento do bautismo, renovando as promesas bautismais en calquera forma lexítima.

A %d blogueros les gusta esto: