Bágoas e felicidade

Escena da Resurrección no retablo de Cornielles de Holanda na (Catedral)

Gozo e sufrimento conxúganse simultaneamente, pero conmútanse sucesivamente, e a Igrexa celébraos liturxicamente no primeiro día do mes de novembro na festa de Todos os Santos e na conmemoración dos Fieis Defuntos. O sufrimento precede ao gozo, e o gozo prolóngase tras o padecemento da dor, pero o colorido dun e outro ocupan espazos e tempos diferentes. O mundo é camiño de Ceo, pero non é Ceo. A terra é vereda, pero conduce á morte. A vereda mira á morte, e esta é o final do camiño. Unha e outra condiciónanse mutuamente. O camiño régase de suor, e a meta está perfumada de esperanza. O mundo é lama, e o Ceo é gloria.

Entre o ceo e a terra existe un tempo espacial ao que chamamos vida, cuxas etapas son: morte, resurrección e glorificación. A película da morte é esta: a lingua que deixa de falar; a cegueira dos ollos, que deixan de ver; a xordeira dos oídos, que non perciben o que se nos di, e as bágoas dos seres queridos que choran a nosa agonía; e o consolo dos amigos que nos presentan a morte como un acontecemento normal no proceso da vida, e fálannos doutra vida mellor, na cal cremos os cristiáns. Pola fe sabemos que a morte non é un “adeus”, senón un “até logo”. Para os crentes, a vida non remata coa morte: así o expresaba aquela nai cristiá, que na súa agonía, despediuse dos seus fillos, dicíndolles: “cando faleza, non me despidades dicíndome “adeus”, senón “até logo”, xa que pronto nos volveremos a ver, posto que a nosa vida prolóngase máis aló da morte, onde nos espera a resurrección. A tumba do noso corpo é a fosa funeraria, pero a mansión do noso espírito é o Ceo, prometido polo Señor, ao cal estamos destinados tras a resurrección. Pero da resurrección non temos ideas claras os vivos. Estamos equivocados cando pensamos que resucitar é retomar de novo a vida que tivemos aquí na terra. Non. O proceso é este: ao falecer unha persoa, o espírito abandona o seu corpo, que queda sen vida, e é soterrado no sepulcro ou incinerado no crematorio do tanatorio, e alí permanecerá até o final dos tempos, mentres que a súa alma pasa á eternidade, para recibir o premio ou castigo merecido polo seu comportamento.

Terminado o tempo da creación, o Señor resucitará os cadáveres dos defuntos, e revestiraos dunha corporeidade espiritualizada, para que tamén eles compartan a sorte do seu espírito. Como poderá ser isto, se espiritualizar a materia é contradición in terminis?.

Aquí entramos no misterio. Que viviremos eternamente é unha verdade de fe. O proceso é misterioso e non podemos explicalo, pero podemos crelo, porque a palabra de Deus é infalible. Pois daquela: “Señor eu creo, pero aumenta a miña fe “.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: