Cesión do Colexio María Auxiliadora por parte das Salesianas á Diocese de Lugo

Esta tarde as Fillas de María Auxiliadora comunicaron a toda a comunidade educativa do Colexio María Auxiliadora (familias, profesores e persoal) a decisión de ceder este Colexio á Diocese de Lugo a partir do vindeiro 1 de setembro de 2023. Trátase do coñecido centro educativo de infantil, primaria e secundaria situado na Avenida Ramón Ferreiro.

Ante esta noticia, a Diocese de Lugo quere manifestar:

1) Un profundo recoñecemento e gratitude ao Instituto das Fillas de María Auxiliadora pola súa presenza en Lugo. O testemuño da súa entrega e os froitos do seu labor nas súas diversas obras son un ben inmenso polo que damos grazas a Deus e ao Instituto.

2) O Colexio María Auxiliadora é expresión da vontade do Instituto de ofrecer un proxecto educativo católico inspirado no carisma de Don Bosco e de Madre Mazzarello, e presta desde hai anos un enorme servizo ás familias de Lugo. Neste Colexio, no medio de circunstancias sempre cambiantes, o seu alumnado enriqueceuse cunha formación integral enraizada na experiencia cristiá.

3) A Diocese de Lugo agradece ao Instituto das Fillas de María Auxiliadora que quixesen facerlle cesión do Colexio, cando viron inviable continuar xestionándoo directamente. Trátase dunha decisión coherente coa identidade do Colexio e coa súa permanente vocación de ser unha realidade de Igrexa na nosa cidade de Lugo. O Instituto pensou que esta era a mellor opción para garantir o futuro e a alma inspiradora do Centro educativo, ao servizo das familias lucenses.

4) Coa acollida da titularidade deste Colexio, a Diocese de Lugo quere dar un novo impulso ao constante traballo educativo da Igrexa na nosa terra, contando xa con outros dous centros diocesanos na cidade: A Milagrosa e San Lorenzo.

5) Desexamos que o Colexio María Auxiliadora, nesta nova etapa baixo a titularidade da Diocese de Lugo, poida continuar o seu camiño con renovada ilusión e seguir adiante na misión educativa fraguada baixo a guía das Fillas de María Auxiliadora.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: