Comunicado da Parroquia da Milagrosa

Nestes momentos de preocupación pola extensión da pandemia que vivimos na Parroquia da Milagrosa e tamén no Concello de Lugo, sumámonos ós chamamentos das autoridades sanitarias á responsabilidade de cada un de nós co fin de atallar esta situación de grave risco para a saúde. Todos temos un deber na ruptura das cadeas de transmisión do virus: usando máscara, mantendo a distancia de seguridade e as normas de hixiene e de etiqueta respiratoria.

Vivimos con pesadume a evolución da enfermidade no noso barrio pero tamén queremos chamar a atención sobre o feito de que esta comunidade semelle sinalada como a responsable da expansión dun virus, que, como comprobamos a diario durante os últimos 6 meses, non atende a razóns de orixe, condición ou residencia. Neste barrio da Milagrosa, que acolle case o 20% da poboación do Concello de Lugo; constatamos dende fai tempo que a imaxe que reiteradamente se publicita nos diversos medios e canles de comunicación, non se corresponde coa realidade múltiple e diversa da nosa comunidade; un discurso que obvia a vida e traballo de toda a xente que reside na Milagrosa. Coa pandemia agroma a problemática existente neste barrio que tamén está presente en toda a cidade, e que pon en evidencia carencias e fallas nas estruturas de organización social.

Dicía o Papa na audiencia do 19 de agosto que a resposta á pandemia é dobre. Por un lado, é indispensable atopar cura para a enfermidade; pero por outro temos que desterrar ó gran virus: o da inxustiza social, o da desigualdade de oportunidades, o da marxinación e o da falta de protección ó mais débil. Dende esta comunidade parroquial facemos un chamamento ás administracións e tamén á cidadanía a tomar as medidas oportunas para a erradicación destes virus que hoxe se propagan nas nosas comunidades. Necesitamos unha sociedade, unha cidade, un barrio que conte coas infraestruturas adecuadas e accesibles a todos, precisamos de xustiza social e igualdade.

Estamos preocupados pola nosa saúde, a das nosas familias e a xente que nos rodea, indistintamente da nosa orixe, condición ou residencia, e queremos saír desta coma a gran comunidade que somos. Evitemos as divisións, sosteñámonos uns ós outros en tódalas parroquias e barrios de Lugo. Desexamos vencer ó virus, todos e todas.

Desde a Parroquia da Milagrosa manifestamos a nosa solidariedade con tódolos afectados por esta pandemia. Queremos ser unha casa de portas abertas, unha comunidade de acollida que ofrece a súa axuda e o seu apoio a tódalas persoas que o precisen, como estamos a facer, con especial esforzo dende o comezo da pandemia, a través de Cáritas Parroquial da Milagrosa e o programa da Diocese “Sempre Xuntos”.

A fe en Xesucristo nestes tempos difíciles axúdanos a manter viva a esperanza. En Deus encontramos forza para vivir esta situación. Que Santa María, que dá nome a este barrio da Milagrosa, nos ampare e anime coa súa intercesión.

José Antonio Ferreiro Varela

Párroco da Milagrosa

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: